Xob 14
14
1O home, nado de muller,
curto de días,
farto de inquedanzas,
2Agroma coma a flor e logo murcha,
e foxe coma a sombra sen deterse.
3E contra este vixían os teus ollos
e chámalo a preitear contigo?
4Quen tirará o puro do impuro? —Ninguén!
5Se están determinados os seus días,
se depende de ti o número dos seus meses
e lle puxeches un valado que non ha de pasar,
6Aparta del a túa vista, para que acougue!
Que, igual có xornaleiro, goce da súa xornada!
7Unha árbore ten esperanza:
se a cortan, aínda se renova,
non cesa de botar pólas.
8Se as raíces avellentan na terra,
aínda que morra a cana entre os terróns,
9ó contacto coa auga torna a agromar
e dá ramallos coma unha planta nova.
10Pero o home, en morrendo, fica inerme;
despois de expirar, onde está?
11Retíranse as augas do mar;
consómense e secan os regatos,
12pero o home que se deitou non rexorde;
ata que o ceo desapareza non se ergue,
non ha espertar do seu sono.
13Quen me dera que me acochases no Xeol,
que me escondeses mentres non pase a túa ira
e que me deses prazo para de min te lembrares!
14(Se morre o home, volverá a vivir?).
Eu ben esperaría todos os días do meu traballo
ata que me chegase a vez.
15Chamaríasme entón e eu respondería;
terías saudade da obra das túas mans,
16pois se daquela controlases as miñas pegadas
non habías ter conta dos meus pecados.
17Selarías nun saquiño as miñas culpas,
ou botarías unha man de cal sobre os meus erros.
18Abofé que mesmo os montes caen a tombos,
e as rochas ceden do seu posto;
19desgasta a auga os pelouros
e alaga a riada os terróns da agra.
Así ti perdes a esperanza do home,
20Asobállalo e vaise para sempre;
cámbiaslle o rostro e desbótalo.
21Se os fillos gañan sona, el non o sabe;
e se son uns pobriños, el non se decata.
22Soamente o seu corpo se doe del;
por el só fai pranto o seu espírito".
Dereitos reservados: SEPT