Xob 12
12
Xob (12-14)
1E Xob respondeulle:
2—"Vós si que sodes xente!
Convosco vai morrer a Sabedoría!
3Tamén eu teño siso coma vós;
non vos son menos.
Quen non sabe todo isto?
4Mais vin ser a burla do veciño,
eu, un que chamaba a Deus e El me escoitaba,
o xusto e íntegro, son motivo de escarnio.
5Sobre o caído, aldraxes —pensa o que está seguro—;
dándolles o que lles convén ós de pé vacilante.
6Pero, mentres, as tendas dos ladróns están en paz
e teñen seguridade os que alporizan a Deus,
os que levan o seu Deus na man.
7Inquire logo ás bestas, e elas ensinaranche;
e ás aves do ceo, que cho han contar;
8ou ós bechos do chan, e daranche leccións;
hante informar mesmo os peixes do mar!
9Quen non sabe destes seres
que foi a man de Deus quen os fixo?
10Pois na súa man está a alma de canto vive
e o espírito do corpo de cadaquén.
11Non é o oído o que distingue as palabras?
Non é o padal o que saborea a comida?
12Non anda entre os vellos o saber
e o entendemento por entre os anciáns?
13Pois El ten a Sabedoría e o Poder,
ten o Consello e mais a Intelixencia!
14Se El bota abaixo, non hai quen constrúa;
se pecha, non hai quen abra.
15Se contén as chuvias, sécase todo;
pero déixaas ir, e revolven a agra.
16Ten El a forza e mais o éxito,
son seus o enganado e o que engana.
17El é quen fai tolear ós ministros,
volve parvos ós gobernadores,
18solta as insignias dos reis
e cínguelles os lombos cunha corda;
19fai correr nus ós sacerdotes,
trabuca ós aristócratas,
20deixa sen fala os especialistas,
quítalles o bo senso ós anciáns,
21verte a vergonza sobre os nobres
e afrouxa o cinto dos valentes.
22Descobre cousas máis fondas cás tebras
e fai xurdir a luz da sombra máis escura.
23Fai grandes ós pobos ou estrágaos;
fai que as nacións prosperen ou desaparezan.
24Tíralles a razón ós xefes
e extravíaos por estepas sen vieiros;
25van atoutiñando nas tebras sen luz
a fainos andar ás toas coma bébedos.
Dereitos reservados: SEPT