Xeremías 9
9
Tentación de Xeremías de abandonar o pobo
1Quen me dera no deserto
unha pousada de arrieiros,
para deixar o meu pobo
e afastarme deles,
pois son todos uns adúlteros,
unha banda de traidores.
2Manexan coma un arco a súa lingua,
a mentira prevalece sobre a verdade,
e dominan o país,
pois dunha maldade pasan a outra,
pero e a min non me recoñecen
—é o Señor quen fala—.
3Gardádevos cada un do seu veciño,
non confíe ninguén no seu irmán,
pois todos os irmáns enganan
e todos os veciños calumnian.
4Os veciños adúlanse entre eles,
pero ninguén di a verdade;
adestran as súas linguas para a mentira,
cánsanse de cometer iniquidades.
5Devolven inxuria por inxuria,
traizón por traizón,
refugan recoñecerme a min
—é o Señor quen fala—.
6Por isto así fala o Señor dos Exércitos:
—Ollade: eu heinos de castigar e probar.
Como os tratarei
diante da filla do meu pobo!
7A súa lingua é frecha mortífera,
cada un di traizóns coa súa boca,
e saúda coa "paz" ó seu veciño,
pero no seu corazón
estalle poñendo unha emboscada.
8Destas cousas non lles vou pedir contas? —é o Señor quen fala—;
dun pobo coma este
non vou eu tomar vinganza?
Elexía pola futura ruína do pobo
9Desde o alto dos montes entoarei
pranto e lamento,
desde as carpaceiras do descampado entoarei elexías,
pois mesmo os paxaros marcharon, fuxiron os animais.
10Converterei Xerusalén
nun montón de ruínas,
en cova de serpentes monstruosas,
arrasarei as cidades de Xudá;
non quedará un habitante.
11Quen é o sabio? Quen entende disto?
A quen lle falou a boca do Señor? Que responda:
Por que se arruína o país? Por que está feito unha desolación,
un deserto polo que ninguén pode pasar?
12Repuxo o Señor, o Altísimo:
—Eles abandonaron a Lei,
que eu puxen ante os seus ollos,
non fixeron caso da miña voz,
nin camiñaron conforme ela;
13Antes ben, seguiron a teima
do seu corazón,
seguiron tralos baales,
que seus pais lles aprenderan.
14Por isto así fala o Señor dos Exércitos,
o Deus de Israel:
—Velaquí que eu lle hei dar a este pobo
o asente por comida,
heilles dar bágoas por bebida.
15Dispersareinos entre pobos
que nin eles nin seus pais coñeceron;
mandarei tras eles a espada,
de novo os destruirei.
Elexía pola ruína do pobo
16Así fala o Señor dos Exércitos:
—Avisade, chamade ás carpideiras, que veñan!
mandádelles recado polas mulleres máis sabias, que veñan!
17Que veñan a toda présa
e entoen un pranto por nós,
que os nosos ollos se desfagan coas bágoas,
que as nosas pálpebras chorreen auga.
18Escóitase o canto dunha elexía desde Sión:
"Que arruinados estamos!
Que vergonza tremenda para nós!
Velaquí , temos que deixar o país, bótannos dos nosos lares".
19Escoitade, mulleres, a palabra de Deus,
achegade o oído ás palabras da súa boca,
aprendédelles ás vosas fillas
un canto de loito,
cada unha apréndalle á súa veciña
o pranto.
20Subiu a Morte polas nosas fiestras, entrou nas nosas torres,
para arrincar os rapaces das rúas,
e os mozos das prazas.
21Cantade así —é o Señor quen fala—:
—Hai un estrume de cadáveres de homes,
coma o esterco na herdade,
coma os monllos detrás dos segadores;
non hai quen os recolla.
A soberbia humana e a estima do Señor
22Así fala o Señor:
—Que non se ensoberbeza o sabio da súa sabedoría,
que non se ensoberbeza o forzudo da súa forza,
que non se ensoberbeza o rico da súa riqueza.
23Se alguén se quere ensoberbecer, que se ensoberbeza disto:
de apreciarme e terme en estima a min,
pois eu son o Señor que obra a misericordia,
e exerce o xuízo e a xustiza na terra.
Nestes é en quen eu me comprazo —é o Señor quen fala—.
24Mirade: están chegando os días
—é o Señor quen fala—
nos que lles pedirei contas a todos os circuncisos das súas impurezas,
25A Exipto, a Xudá e a Edom, ós amonitas e a Moab,
a todos os que teñen a cabeza rapada polos lados e viven no deserto,
(pois todos estes pobos son incircuncisos,
pero todo Israel ten sen circuncidar o corazón).
Currently Selected:
Xeremías 9: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT