YouVersion Logo
Search Icon

Xeremías 10

10
1Escoitade as palabras que vos di o Señor, casa de Israel:
2Así fala o Señor;
Non aprendades o comportamento dos xentís,
non lles teñades medo ós sinais do ceo;
os xentís si que lles teñen medo.
3A relixión dos xentís: que cousa baleira!
Cortan unha árbore na bouza, trabállana con gubia as mans dun artista,
4Adórnana con prata e con ouro, asegúrana con cravos e martelo,
para que non se mova.
5Fan abominacións na súa presenza,
pero eses deuses
non responden co castigo;
levántanos, pero non camiñan;
non lles teñades medo,
porque non fan mal,
e tampouco nada lles fai ben.
6O seu aniquilador es ti, Señor,
ti es grande, e grande é o teu Nome.
Polo teu poder 7quen non te respectará a ti, Rei dos xentís?
Que ben che acae o teu poder!
Entre os sabios dos xentís
e entre todos os reis,
que aniquilador hai coma ti?
8Son todos necios e aparvados;
insensatos ós que congrega unha madeira.
9Traen follas de prata de Tárxix,
e ouro de Ofir
traballo de artistas,
mans de fundidor,
vestidos de púrpura violeta
e púrpura vermella,
todos eles obra de expertos.
10En troques, Iavé é o Deus da firmeza,
El é o Deus da vida eterna,
o Rei eterno;
coa súa ira estremécese a terra,
os pobos non son capaces
de aguantar o seu noxo.
11Por iso habédeslles dicir:
"Os deuses que non fixeron o ceo
nin a terra
desaparecerán da terra
e de debaixo do ceo".
12Fixo a terra co seu poder,
fixo existir os campos coa súa sabedoría,
e coa súa intelixencia estendeu o ceo.
13Dá el un berro, e retumban
as augas no ceo,
fai subir as nubes desde o cabo da terra,
fai que os lóstregos se volvan chuvia
e fai saír das súas arcas o vento.
14Queda abraiado todo home
polo que está vendo,
todo fundidor se avergonza
dos seus ídolos,
pois as súas imaxes son mentira,
non teñen espírito en si,
15son unha cousa va,
produto dunha burla,
perecerán o día que se lles pidan contas.
16Non é coma elas o Deus
que lle tocou a Xacob,
pois El é o creador de todo:
Israel é a tribo da súa herdanza.
O seu nome é Señor dos Exércitos.
Lamentación e oración no momento do asedio
17Xunta xente na cidade humillada,
pois vivirás no asedio.
18Así fala o Señor:
—Velaquí que esta vez tirareilles pedras ós habitantes da cidade,
farei que os cerquen ata que os collan.
19Ai de min! Quebranto é a miña paga,
a ferida é a miña herdanza.
Mais dixen para min: coidarei a ferida,
soportareina.
20A miña tenda está destruída,
todas as súas cordas están arrincadas,
os meus fillos escaparon de min,
e xa non existen;
non hai quen estenda de novo
a miña tenda,
quen erga as miñas lonas.
21—Velaquí os pastores: están parvos,
xa non buscan a Deus,
por isto non dan tino,
e todo o seu rabaño anda disperso.
22Velaquí: está chegando
o ruído que oístes,
o grande boureo desde o país do Norte,
para converter en desolación
as cidades de Xudá,
en escondedoiro de serpentes.
23Xa sei, Señor, que o home
non é dono do seu camiñar,
e que ninguén é capaz de marchar
e asegurar os seus pasos.
24Corríxeme, Señor, pero con xeito,
non con ira; se non, vólvesme á nada.
25Desafoga a túa ira contra os pobos
que non te recoñecen,
contra as tribos
que non invocan o teu Nome;
pois quixeron devorar a Xacob,
devoralo e facelo desaparecer,
e esnaquizaron os seus lares.

Currently Selected:

Xeremías 10: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Xeremías 10