Xeremías 8
8
1No tempo aquel
—é o Señor quen fala—
sacarán das súas sepulturas os ósos
dos reis de Xudá e dos seus príncipes,
os ósos dos sacerdotes e dos profetas,
e mais os ósos
dos habitantes de Xerusalén,
2estenderanos á luz do sol
e ó luar da noite,
e ó brillo de todas as estrelas do ceo,
ás que tanto quixeron,
ó servizo das que se puxeron,
tralas que camiñaron,
as que espreitaron e adoraron.
Os ósos non se xuntarán
nin serán enterrados,
servirán de esterco por riba da terra.
3A morte será preferible á vida
para todo o resto:
para os superviventes
desta caste perversa,
e para os de todos os lugares
a onde eu os expulso
—é o Señor dos Exércitos quen fala—.
V. SERIE DE PEQUENAS UNIDADES LITERARIAS
Refugan converterse
4Haslles dicir:
—Así fala o Señor: Caen e non se erguen?
Apostata o pobo e non se converte?
5Por que apostata este pobo?
Por que Xerusalén se pon á fronte da apostasía?
Empéñanse en traizoarme,
refugan converterse.
6Prestei atención e escoitei:
falan o que non é,
non hai quen se arrepinta
da súa ruindade,
non hai quen diga: "Que fixen!".
Ollade: ninguén volve ó seu fervor,
como non dá volta o cabalo
lanzado á guerra.
7As cegoñas do ceo coñecen todas
o tempo da súa volta,
as rulas, as andoriñas e os grous
volven no seu tempo;
pero o meu pobo non recoñece
o mandato do Señor.
Ó rexeitaren a Palabra do Señor, a sabedoría e a Lei vólvense mentira
8Con que dereito dicides: "Somos sabios,
temos connosco a Lei do Señor?".
Ollade: vólvese mentira a realidade da Lei,
pois os seus peritos pregoan a falsidade.
9Avergónzanse os sabios,
espavorecen e caen prisioneiros.
Velaquí ,
rexeitaron a Palabra do Señor!
Que clase de saber é o que teñen?
Oráculo de castigo contra os dirixentes
10Por isto entregarei as súas mulleres ós estranxeiros,
as súas tenzas ós conquistadores;
xa que do máis pequeno ata o máis grande consómense cobizando o alleo,
desde o profeta ata o sacerdote consómense facendo enganos.
11Queren curar a ruína do meu pobo
dun xeito fácil, dicíndolle:
"Paz, felicidade". Pero non hai paz.
12Que se avergoncen,
pois fixeron o abominable;
pero nin se avergonzan,
nin saben o que é a vergonza.
Por isto caerán cos que han caer;
cando eu lles pida contas, irán á ruína —é o Señor quen o di—.
Elexía do círculo profético polo castigo contra Xerusalén
13Teño que facer neles a colleita —é o Señor quen fala—:
non hai acios na viña
nin figos na figueira;
teñen as follas secas;
entregareinos e fareinos desaparecer.
14—Que facemos nós aquí sentados?
Xuntémonos,
subamos ás cidades amuralladas,
fagamos loito alí
porque o Señor, noso Deus,
nolo manda facer;
mándanos beber as bágoas
dos nosos ollos,
xa que pecamos contra El.
15Esperamos confiados a paz,
e non hai ningún ben;
esperemos o tempo da cura,
e chega o terror.
16Desde Dan óese o rincho dos seus cabalos;
cos rinchos dos seus corceis
estremécese toda a capital;
entran e devoran
a capital e os seus moradores,
a cidade e mais os seus habitantes.
17—Ollade: eu mando contra
vós serpentes velenosas,
para as que non hai encantamento posible,
senón que vos morderán
—é o Señor quen fala—.
Elexía do profeta pola deportación do ano 598/97
18Do meu fígado sobe a tristeza,
sobe do meu corazón o desacougo.
19Berros de socorro
para a filla do meu pobo
veñen da capital dos estranxeiros:
E logo non está o Señor en Sión?
Acaso non está alí o seu Rei?
Por que me aldraxaron cos seus ídolos,
coas vaidades do culto estranxeiro?
20Pasou a seitura, acabouse o verán,
pero nós non fomos salvados.
21Ando eu aflito pola angustia
da filla do meu pobo,
estou triste, o pavor atenázame.
22Non hai bálsamo en Galaad?
Non hai alí curandeiro?
Como é que non cerra
a ferida da filla do meu pobo?
23Quen lle dera bágoas ó meu rostro,
ós meus ollos unha fonte de bágoas!,
para chorar día e noite
as profanacións da filla do meu pobo.
Currently Selected:
Xeremías 8: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT