YouVersion Logo
Search Icon

Xeremías 7

7
IV. DISCURSO NA PORTA DO TEMPLO
O feito de ter o templo non ofrece seguridade ós malvados
1Ordes que de parte de Deus recibiu Xeremías:
2Ponte de pé onda a porta do templo,
e proclama alí este discurso:
Escoitade a palabra do Señor,
todo Israel,
os que entrades por estas portas
para adorar o Señor!
3Así fala o Señor dos Exércitos,
Deus de Israel:
—Mellorade o voso comportamento
e os vosos feitos,
e consentirei en que plantedes a tenda
neste sagrado.
4Non vos fiedes das palabras mentireiras
que se repiten:
"Velaquí o templo do Señor,
o templo do Señor, o templo do Señor".
5Se mellorades a vosa conduta
e os vosos feitos,
se facedes xustiza
entre un home e o seu próximo,
6se non explotades o estranxeiro,
o orfo e a viúva,
se non vertedes sangue inocente
neste lugar santo,
e se non vos ides tras deuses alleos, para a vosa desgraza,
7eu morarei convosco neste lugar santo,
no país que lles dei a vosos pais
desde hai tanto tempo e para sempre.
8Fiádesvos, en cambio,
desas palabras mentireiras sen proveito.
9E logo non matades, roubades,
cometedes adulterios e xurades en falso?
Acaso non ofrendades incenso a Baal
e ides tras deuses alleos
que antes nin coñeciades?
10E aínda vides presentarvos
diante de min neste templo
no que se invoca o meu Nome,
e dicides: "Estamos salvados",
coa intención de seguir facendo
todas estas abominacións!
11Acaso é unha cova de bandidos
este templo,
onde se invoca en alto
o meu Nome ós vosos ollos?
Ollade que eu o estou vendo
—é o Señor quen fala—.
12Ide ó meu templo de Xiloh
onde nun principio
fixen morar o meu Nome
e mirade o que lle fixen
por causa da ruindade
do meu pobo Israel.
13Pois agora por facerdes vós todas esas maldades —é o Señor quen fala—
e por non me escoitardes, a pesar dos meus oportunos e serios consellos,
e por non me responderdes,
aínda que vos berrei;
14por todo iso a este santuario,
no que se invoca o meu Nome,
no que vós poñedes a vosa confianza,
e a este templo que vos dei
a vós e a vosos pais,
eu fareille o mesmo
que antes lle fixen ó templo de Xiloh.
15Rexeitareivos da miña presenza,
o mesmo que rexeitei
a todos os vosos irmáns,
e a toda a descendencia de Efraím.
Oráculo para prohibirlle ó profeta a intercesión
16Ti, non intercedas por este pobo,
nin levantes por eles
súplica fervente nin oración,
pois non me atoparías;
eu non estou presente para escoitarte a ti.
17Acaso non estás vendo o que eles fan
nas cidades de Xudá
e nas rúas de Xerusalén?
18Os fillos xuntan os cangos,
e os pais préndenlles lume;
as mulleres fan a masa,
para lle faceren bicas á Raíña dos ceos;
ofrecen libacións a deuses alleos
para me anoxaren a min.
19Acaso é a min a quen anoxan?
—é o Señor quen fala—.
Non é máis ben a si mesmos
a quen deshonran,
para vergonza das súas caras?
20Por iso Iavé, o noso Señor Iavé,
fala deste xeito:
—Ollade que a miña ira e a miña carraxe
se van verter neste templo,
nos homes e nos gandos,
nas árbores do campo
e nos froitos da terra,
o meu noxo e a miña ira
arderán sen apagarse.
O culto, sen obediencia, non agrada ó Señor
21Así fala o Señor dos exércitos,
o Deus de Israel:
—Engadide holocaustos ós vosos sacrificios:
comede a súa carne.
22Ollade que cando saquei os vosos pais do país de Exipto,
non lles falei, nin lles impuxen ningunha obrigación de holocaustos e de sacrificios,
23senón que foi este o precepto que lles impuxen:
"Escoitade a miña voz:
Eu serei o voso Deus,
e vós seredes o meu pobo;
camiñade polo vieiro que vos mando,
para que vos vaia ben".
24Pero non fixeron caso,
nin prestaron atención,
senón que se comportaron
conforme ós seus plans,
conforme á dureza do seu ruín corazón:
déronme as costas, e non a cara.
25Desde o día en que saíron de Exipto
os vosos pais ata hoxe,
estívenvos mandando
os meus servos, os profetas:
mandéivolos cedo e a tempo,
26pero non fixeron caso,
nin me prestan atención,
senón que endureceron a súa testa,
volvéndose peores cós seus pais.
27Xa lles podes repetir todo este discurso,
que non te escoitarán;
xa lles podes berrar,
que non che responderán.
28Haslles dicir: "Este é o pobo,
que non fixo caso da voz do Señor,
o seu Deus,
nin dá aprendido.
Perdeuse a fidelidade,
arrincáronllela da boca".
29Corta os cabelos da túa consagración
e bótaos fóra,
entoa unha elexía
ante os dous traveseiros da túa lareira,
porque o Señor refugou e abandonou,
enfadado, a xeración esta.
30Fixeron o mal á miña vista
os fillos de Xudá —é o Señor quen fala—.
Profanaron con cousas abominables
o templo onde se invoca o meu Nome;
31ergueron os altares de Tófet,
no val de Ben Hinnom,
para queimar no lume
os seus fillos e fillas,
algo que nin eu mandei,
nin me pasou pola cabeza.
32Por isto, ollade que están chegando os días —é o Señor quen fala—
nos que xa non se nomeará o Tófet, nin o val de Ben Hinnom:
chamarase o val da Morte, pois faranse enterramentos en Tófet, por falta de sepultura.
33Os cadáveres deste pobo serán carnaza,
para os paxaros do ceo e para as bestas da terra,
sen que ninguén os espante.
34Nas cidades de Xudá e nas rúas de Xerusalén,
farei calar os aturuxos de ledicia e os berros de felicidade,
os cantos do mozo e mais os da moza,
pois o país volverase un deserto.

Currently Selected:

Xeremías 7: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Xeremías 7