YouVersion Logo
Search Icon

Xeremías 6

6
Ameazas divinas, co preanuncio do asedio de Xerusalén
1Fuxide do medio de Xerusalén, descendentes de Benxamín:
tocade o corno da desbandada desde Tecoa,
facede sinais desde o alto de Bet—ha—Quérem;
ollade que o desastre xa se ve vir desde o norte,
unha enorme desgraza.
2Eu estou a cortar da casa de Sión o bo pasto:
3van entrar nela pastores cos seus rabaños,
plantarán arredor dela as tendas,
cada un pastoreará polo seu lado.
4Declarade a guerra santa contra ela;
erguédevos, subamos contra ela ó mediodía:
mágoa que se nos vai o día,
que se estenden as sombras da tardiña.
5En pé! Subamos de noite,
destruamos os seus palacios.
6Ollade o que di o Señor dos Exércitos:
—Cortádelle as árbores, e construíde con elas
un terraplén de asedio contra Xerusalén.
Ela é a cidade merecente de castigo;
no seu interior toda ela é opresión.
7Como unha cisterna recolle as súas augas,
así ela xunta a súa maldade,
óense nela violencias e opresións,
na miña presenza sempre se oen xemidos e golpes.
8Faime caso, Xerusalén,
senón eu apartareime de ti,
e convertereite nunha desolación, en cidade deshabitada.
A ira de Deus, para os ladróns da cepa de Israel
9Así fala o Señor dos Exércitos:
—Que medre forte coma unha cepa o resto de Israel,
que a túa man, coma de vendimador, limpe os seus bacelos.
10—A quen llo direi?
A quen porei por testemuña para que me escoiten?
Teñen o oído incircunciso,
non son capaces de poñer atención.
Velaquí a Palabra de Deus: é para eles
palabra de censura que non lles agrada.
11Eu estou cheo da ira do Señor,
xa non a podo reter máis.
—Bótaa sobre os rapaces na rúa,
bótaa dunha vez sobre a xuntanza dos mozos,
pois irán cativos o home xunto coa muller,
o vello e mais o cangado de anos.
12Deste xeito as súas casas pasarán a estranxeiros,
xunto coas súas tenzas e mulleres,
pois eu estenderei a man contra os habitantes do país
—é o Señor quen fala—.
13Xa que desde o máis pequeno ata o máis grande
se consomen cobizando o alleo,
e desde o profeta ata o sacerdote devecen por facer enganos.
14Queren curar a ruína do meu pobo, dun xeito fácil, dicíndolle:
"Paz, felicidade". Pero non hai paz.
15Que se avergoncen, pois fixeron o que é abominable.
Pero nin se avergonzan, nin saben o que é a vergonza.
Por iso caerán cos que han de caer:
cando eu lles pida contas, irán á ruína —fala o Señor—.
O castigo do pobo e a chamada á conversión
16Así fala o Señor:
—Mantédevos nos vieiros doutros tempos e observade,
consultade as normas antigas:
Onde está o Deus do Bo Camiño?
Camiñade por el,
e deste xeito atoparedes tranquilidade
para a vosa vida.
Pero eles responderon:
"Non queremos camiñar".
17Púxenvos sentinelas:
"Estade atentos ó toque do corno".
Pero responderon:
"Non queremos estar atentos".
18Por isto escoitade, pobos;
dáte conta, xuntanza dos pobos,
do que hai para eles;
19escóitao, terra enteira.
Mirade que estou traendo a desgraza
para este pobo,
o froito dos seus proxectos;
pois non puxeron atención
ás miñas palabras
e mesmo rexeitaron a miña Lei.
20Por que me traedes entón o
incenso desde Sabá,
e a cana recendente desde terras remotas?
Os vosos holocaustos
non son do meu agrado,
nin os vosos sacrificios me contentan.
21Por isto, fala o Señor deste xeito:
—Velaquí que estou a pór atrancos a este pobo,
para que tropecen pais e fillos xuntos,
para que morran o do país
e mais o seu veciño.
22Así fala o Señor:
—Ollade: do norte vén un pobo,
desde a outra esquina do mundo
avanza un gran pobo;
23empuñan o arco e a lanza curta,
son crueis e non teñen compaixón,
os seus berros resoan coma o mar,
montan cabalos;
coma un só home
están formados para a guerra
contra ti, filla de Sión.
24—O escoitar a grande sona deste pobo,
estremecen as nosas mans,
apértanos a anguria,
unha dor coma de muller no parto.
25—Non saias ó campo, non sigas o camiño,
pois eu infesto coa espada:
todo o entorno é terror
e o terror está por todo o arredor.
26—Filla do meu pobo, vístete de saco,
cúbrete de cinsa.
Fai por ti un loito coma por un fillo único,
entristece e chora polo teu ben;
axiña chega contra nós o destrutor.
O Señor dálle autoridade divina ó xuízo negativo do profeta
27Eu constitúote
en examinador do meu pobo,
para que examines a miña cidade
cortada a pico,
para que probes o seu comportamento.
28Todos eles son os máis rebeldes,
impuros coma o bronce e o ferro:
son un fato de desnaturados.
29Moven con forza o fol para fundir o chumbo;
pero en van fonde o fundidor: os malvados non se purifican.
30Prata de refugallo hai que chamarlles,
xa que o Señor os refuga.

Currently Selected:

Xeremías 6: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Xeremías 6