YouVersion Logo
Search Icon

Xeremías 5

5
1Percorrede as rúas de Xerusalén, ollade ben e fixádevos,
esculcade as súas prazas por se atopades a alguén,
por se hai quen faga o que é xusto, quen busque a verdade,
así eu perdoarei a cidade.
2Se din: "Vive o Señor!",
é para xuraren en falso.
3Acaso non é a verdade o que enxergan os teus ollos, Señor?
Batícheslles e non lles doeu,
esnaquizáchelos e non aprenderon a lección;
puxeron caras máis duras cá pedra,
refugaron converterse.
4E eu pensaba para min: que ignorantes, que loucos,
non coñecen o camiño do Señor,
o precepto do seu Deus.
5Irei eu mesmo onda os grandes e falareilles,
pois eles coñecen o camiño do Señor,
o precepto do seu Deus.
—Velaí, todos a unha partiron o xugo,
fenderon os cancís,
6por iso feriraos o león que sae da selva,
devoraraos o lobo que sae da carpaceira,
unha pantera está á espreita das súas cidades,
esnaquizará a todos os que saian delas,
porque multiplicaron os seus pecados
e as súas apostasías.
7Como che podo perdoar isto,
se os teus fillos me seguen abandonando
e xuran polos que non son deuses?
Como os podo fartar se seguen facendo adulterio
e indo en manada á casa da prostituta?
8Son cabalos cebados e en celo,
cada un rincha trala muller do veciño.
9Acaso de todo isto non vos vou pedir contas?
—é o Señor quen fala—.
Acaso non me vou vingar eu mesmo dun pobo coma este?
10Subide ás súas viñas e destruídeas;
facede a desfeita máis completa,
facédelle desaparecer as vides,
pois xa non lle pertencen ó Señor.
11Si, fóronme infieis a casa de Israel e a casa de Xudá
—é o Señor quen fala—;
12renegaron do Señor, e dixeron: "El non é ninguén,
por iso non nos pode vir ningunha calamidade,
non sentiremos a espada nin a fame.
13Os seus profetas son vento,
a súa palabra non está neles".
Pero todo iso lles pasará.
14Por isto, así fala o Señor, Deus dos exércitos:
—Xa que vós dixestes estas cousas,
vede que converterei en lume as palabras que eu poño na túa boca:
consumirás este pobo coma un montón de leña.
III. SERIE DE ORÁCULOS DE CASTIGO
Anuncio de castigo
15Ollade que eu estou traendo contra vós,
un pobo remoto, casa de Israel —é o Señor quen fala—:
é un pobo imperecedoiro, un pobo que vén de moi antigo,
un pobo ó que non lle coñeces a fala, nin comprendes o que di;
16As súas alxabas son coma sepulturas abertas,
a súa destrución é a dos heroes.
17Comerán as túas colleitas e o teu pan,
devorarán os teus fillos e as túas fillas,
comerán as túas ovellas e as túas vacas,
comerán as túas viñas e as túas figueiras,
arrasarán coa espada as túas cidades inexpugnables,
nas que ti pos tanta confianza.
Deportación do pobo de Xudá
18Velaquí o que ben alto vos di o Señor:
—Naqueles días eu provocarei entre vós a destrución.
19E se preguntan:
—Por que o Señor, noso Deus, nos inflixiu todos estes males?
Ti responderaslles:
—O mesmo que vós me abandonastes a min, para servirdes deuses alleos no voso país, así tamén serviredes vós os estranxeiros nun país que non é o voso.
Oráculo de acusación
20Comunicádelle isto á casa de Xacob,
proclamádello a Xudá, dicindo:
21Escoitade isto, pobo louco e sen xuízo:
teñen ollos e non ven,
teñen oídos e non escoitan.
22A min non me tedes respecto? —é o Señor quen fala—.
Non tremedes ante a miña presenza?
Eu son o que puxen a area de lindeiro para o mar:
marxe eterna que el non traspasa;
enfurécense as súas ondas, pero non son capaces,
revólvense, pero non traspasan a marxe.
23Este pobo ten un corazón duro e aparvado,
apartouse e marcha para lonxe.
24Nin sequera pensa no seu corazón:
"Respectemos o Señor, o noso Deus,
ollade que nos está instruíndo,
ó darnos a chuvia de cedo e a chuvia de tarde ó seu tempo,
ó manter para nós as semanas xustas para a seitura".
25As vosas iniquidades impedirán estas cousas,
os vosos pecados apartarán a chuvia de vós.
26Velaquí que no meu pobo hai malvados;
están, coma cazadores, alerta contra o teu remedio,
levantan firme a ruína, cazan homes.
27Como un cesto cheo de paxaros
así están as súas casas cheas de roubos;
28Así medran, fanse ricos,
crecen gordos e lustrosos.
A berros proclaman a sentencia inxusta,
non xulgan conforme o dereito;
o xuízo do orfo endexamais non ten éxito,
nin sentencian o dereito dos pobres.
29Destas cousas non vou pedir contas? —é o Señor quen fala—;
dun pobo coma este non me vingarei eu mesmo?
30Cousas horribles e vergonzosas pasan no país:
31os profetas profetizan con mentira,
os sacerdotes asoballan ó levantaren as súas mans,
e o meu pobo está contento vivindo deste xeito.
Que fará cando chegue o desenlace?

Currently Selected:

Xeremías 5: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in