Xeremías 4
4
Promesas salvíficas condicionadas
1Se te volves, Israel é o Señor quen fala, volve a min;
se deixas a un lado as túas ignominias,
non andarás vagabunda lonxe de min;
2se xuras "Vive o Señor!"
(con verdade, con xustiza e con dereito),
El bendicirá por ti os pobos e cubriraos de gloria.
II. SERIE DE ORÁCULOS DE COMENTARIOS DO PROFETA
3Ollade o que lles di o Señor ós homes de Xudá e de Xerusalén:
—Desarmádevos a vós mesmos, que sodes campos ermos,
e non sementedes cardos.
4Circuncidádevos en ofrenda ó Señor
sacade do voso corazón os impuros prepucios,
homes de Xudá e veciños de Xerusalén,
senón a miña ira saltará coma lume
e queimará sen ter quen o apague,
á vista da maldade dos vosos feitos.
5Facédello saber a Xudá,
facédello escoitar a Xerusalén e dicídelle:
tocan o corno polo país, chaman a formar, a pórse en filas,
tomemos as cidades do Inexpugnable,
6collede a bandeira de Sión, fuxide sen parar.
Ollade, eu estou traendo do norte unha desgraza,
unha grande ruína,
7está subindo o león da frondosidade,
bótase fóra o devorador de pobos,
sae do seu tobo para converter o teu país en algo horrible,
para que as túas cidades sexan arruinadas
polo aniquilador dos seus veciños.
8Por iso vestídevos de saco,
facede loito e lamentádevos,
ollade que non se apartan de nós
a ardente indignación e a ira do Señor.
9No día aquel —é o Señor quen fala—
esvaecerá o corazón do rei e mais o dos príncipes,
aparvarán os sacerdotes, e pasmarán os profetas.
10Entón eu dixen:
—Ai, Señor, meu Deus!
En verdade enganaches a este pobo e a Xerusalén,
dicíndolle: "Teredes fartura e paz",
Velaquí a espada que nos chega á gorxa.
11No tempo aquel diranlle a este pobo e a Xerusalén:
—Un vento quente de arriba vén do deserto,
camiño da capital do meu pobo;
non é vento de erguer nin de limpar;
12coma ese vento, un espírito forte de maldición apodérase de min.
Agora eu ditarei a berros sentencia contra eles:
13"Velaquí que sobe coma unha nube,
os seus carros coma unha poeira,
os seus cabalos máis veloces cás aguias.
Ai de nós, que nos esnaquizan!"
14Limpa da ruindade o teu corazón, Xerusalén,
para que poidas salvarte,
Por canto tempo durmirán no teu peito os plans da túa desgraza?
15Velaquí que se está oíndo unha voz que vén de Dan,
escoitade unha desgraza que vén dos montes de Efraím:
16Acordádellelo ós pobos: "Velaquí!";
facédello escoitar a Xerusalén:
"Os atacantes chegan dun país remoto,
xa lanzan os seus gritos de guerra contra as cidades de Xudá".
17Os gardas do Poderoso están arredor contra ela,
pois ela está contra min! —é o Señor quen fala—.
18O teu comportamento e os teus feitos trouxéronche isto,
esta é a calamidade que te aflixe. Que amargura!
Como chega ó teu corazón!
19As miñas entrañas! As miñas entrañas retórcense de dor!
Chamo ó meu corazón; anda solto:
non son capaz de atalo.
Estou oíndo o ronquido do corno, o estrondo dos gritos de guerra:
o barullo das gorxas da guerra,
20un arrasamento chama por outro, todo o país está estragado,
dun golpe estragan as miñas tendas, dun empurrón os meus campamentos.
21Ata que día ollarei a bandeira
e oirei o ronquido do corno?
22Que aparvado está o meu pobo: a min non me recoñece;
son fillos aparvados, non as pensan;
son espelidos para facer o mal, non saben facer o ben.
23Enxergo o país, e vexo un caos,
enxergo o ceo, e non ten a súa luz;
24enxergo os montes, e están tremendo,
enxergo os petoutos e todos estarrecen;
25miro atentamente, e nin cultivo hai,
todos os paxaros do ceo voaron;
26miro, e o horto volveuse un deserto,
todas as cidades do meu pobo están arrasadas,
ante a presenza do Señor, polo ardor da súa ira.
27Ollade o que di o Señor:
—Todo o país se volverá un estrago,
o estrago serei eu quen a faga;
28por iso a terra volverase erma,
e o ceo escuro, por causa de tanto delito;
ollade que o dixen, penseino ben,
non me arrepinto nin retiro a miña palabra.
29Soamente co ruído dos xinetes e dos arqueiros
foxe toda a cidade, métense na espesura, ruben ós penedos;
toda a cidade está abandonada; non queda sequera un veciño.
30Olla para ti, como estás arrasada!
Que fas! Como te vistes de seda?
Como te enfeitas con adornos de ouro?
Como estendes con negro a raia dos teus ollos?
Poste bonita para nada;
os teus amantes desprézante,
buscan acabar coa túa vida!
31Xa houbo berros coma de quen se retorce no parto,
angustias coma dunha primípara;
é o grito da filla de Sión que xeme,
é ela quen estende as súas mans:
"Ai de min, xa non teño forzas!
Ai da miña vida, que me matan!"
Currently Selected:
Xeremías 4: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT