YouVersion Logo
Search Icon

Xeremías 3

3
1Dilles:
Se un deixa a súa muller, e ela se vai de onda el,
e ela é doutro home, volverá onda ela o primeiro?
Por acaso non está profanada esta cidade?
E ti non es a prostituta de moitos amantes?
Pero volve a min é o Señor quen fala.
2Ergue os ollos para os teus dous amantes:
onde non fornicaron contigo?
A beira dos camiños sentábaste agardándoos,
como fan os nómades de Arabia no deserto.
Profanaches a terra
coas túas prostitucións e coas túas maldades.
3Non se che dan as chuvias do ceo, non hai a chuvia do abril.
Ti tes cara de prostituta, e non queres avergonzarte.
4Acaso non viñeches onda min? Acaso non me clamaches: "meu Pai,
ti es o amigo da miña mocidade"?
5Seguirá Deus enfadado para sempre,
ou gardarame rancor perpetuo?
Velaquí o que ti dis, pero segues facendo as maldades
e cada vez con máis forza.
6Nos tempos do rei Ioxías díxome o Señor:
—Non viches o que fixo a apóstata Israel, que subía a todo monte alto e se agachaba baixo toda árbore frondosa, para se dar alí á prostitución? 7Despois que ela fixo contra min todas estas cousas, eu dixen: "Converterase", pero non se converteu.
Ollouno Xudá, a pérfida da súa irmá. 8Mostrei quen son castigando a apóstata Israel por se dar ó adulterio: rexeiteina e deille a acta de divorcio. Pero non colleu medo a pérfida da súa irmá Xudá, e vai e dáse á prostitución tamén ela. 9A súa lixeireza para a prostitución corrompe o país, xa que comete adulterio cos que son pedra e madeira. 10A pérfida de Xudá non se aparta converténdose a min de corazón, senón soamente na aparencia —é o Señor quen fala—.
Tres chamadas á conversión
11Logo díxome o Señor:
—Máis xusta é a actitude da apóstata Israel cá da pérfida Xudá.
12Vai e proclama a berros este oráculo cara ó norte:
Volve, apóstata Israel —é o Señor quen fala—,
e non deixarei caer o meu enfado sobre vós;
ollade que eu son compasivo —é o Señor quen fala—
e non me quero enfadar contra a vosa rebeldía.
13Recoñece a túa impiedade,
pois pecaches contra o Señor, teu Deus,
dirixiches os teus camiños a deuses estranxeiros
baixo calquera árbore frondosa
e non quixeches escoitar a miña voz
—é o Señor quen fala—.
14Arrepentídevos, fillos apóstatas
—é o Señor quen fala—,
velaquí, eu serei o voso defensor:
collereivos a un de cada cidade, e a dous de cada tribo
e traereivos a Sión.
15Dareivos pastores conforme a miña idea
que vos gobernen con sabedoría e sexan prudentes.
16Habédesvos de multiplicar
e aumentar no país naqueles días —é o Señor quen fala—.
Ninguén falará da arca da alianza do Señor,
nin se lles virá á cabeza, nin se lembrarán dela,
nin a botarán de menos, nin farán unha nova.
17No tempo aquel chamaranlle a Xerusalén "trono de Deus"
e xuntaranse nela todos os pobos
polo poder do Señor e por mor de Xerusalén,
e xa non volverán a seguir os desexos do seu ruín corazón.
18Desde aqueles días xuntaranse
o reino de Xudá co reino de Israel
(e xuntos virán da rexión do norte ó país
que eu lles dei en herdanza a seus pais).
19Velaquí que eu xa teño dito:
—Con que amor te conto entre os meus fillos
e che dou un país precioso,
e herdas unha gloria superior ás demais nacións!
Con que gusto eu repito: chamarédesme "meu Pai",
endexamais non deixaredes de seguirme!
20O mesmo que unha muller traizoa o seu marido,
así vós me traizoaches a min, reino de Israel
—é o Señor quen fala—.
21Escóitanse berros nos petoutos,
choros suplicantes dos fillos de Israel.
Velaquí que perderon o seu camiño,
esqueceron o Señor, seu Deus.
22—Volvede, fillos apóstatas,
eu fareivos abandonar as vosas apostasías.
Autoconfesión dos pecados do pobo
—Míranos aquí, que vimos xunto a ti,
xa que ti, Señor, es o noso Deus.
23En verdade, que engano hai nos outeiros,
que confusión nos montes!
En verdade, no Señor noso Deus,
está a salvación de Israel.
24Cousas vergonzosas consumiron os aforros dos nosos pais
desde a nosa xuventude
(as súas ovellas e vacas, os seus fillos e fillas).
25Deitámonos coa nosa desvergonza e tapounos a nosa ignominia;
pecamos contra o Señor, o noso Deus, nós e nosos pais,
desde a nosa xuventude ata hoxe;
non fixemos caso da palabra do Señor, noso Deus.

Currently Selected:

Xeremías 3: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in