Xeremías 36
36
PAIXÓN DE XEREMÍAS
O rolo inicial dos oráculos de Xeremías
1No ano cuarto de Ioaquim, fillo de Ioxías, rei de Xudá, veulle a Xeremías esta palabra de parte do Señor:
2Colle un rolo limpo, e escribe nel todos os oráculos que eu che comuniquei acerca de Xerusalén e de Xudá e de todos os pobos, desde o día que che empecei a falar nos tempos de Ioxías ata o día de hoxe. 3Tal vez escoiten os de Xudá toda a desgraza que estou pensando causarlles, de xeito que se arrepintan cada un deles do seu mal comportamento, e eu lles poida perdoar as súas iniquidades e mais os seus pecados.
4Entón Xeremías chamou a Baruc, fillo de Nerías, e Baruc escribiu no rolo limpo, ó ditado de Xeremías, todos os oráculos que o Señor lle dixera. 5Logo Xeremías deulle esta orde a Baruc:
—Eu estou preso, non podo entrar no templo do Señor. 6Vai ti e le no rolo o que escribiches ó meu ditado, todos os oráculos do Señor, na presenza de todo o pobo que se atopa no templo do Señor nun día de xaxún; leralos tamén en voz alta na presenza de todos os xudeus que veñen das súas diferentes cidades. 7Tal vez a súa oración caia ben na presenza do Señor e se arrepintan cada un do seu mal comportamento, porque terrible é a cólera e furor que o Señor anunciou sobre este pobo.
8Baruc, fillo de Nerías, fíxoo todo tal como lle mandou o profeta Xeremías; unha vez no templo do Señor leu no rolo todos os oráculos do Señor.
9No ano quinto de Ioaquim, fillo de Ioxías, rei de Xudá, no mes noveno, convocouse un xexún na presenza do Señor para todo o pobo de Xerusalén, e para todo o pobo que, procedente das cidades de Xudá, se xuntaba en Xerusalén. 10Unha vez no templo do Señor e na presenza de todo o pobo leu Baruc no libro todos os oráculos de Xeremías na sala do notario Guemarías, fillo de Xafán, no patio de arriba, á entrada da Porta Nova do templo do Señor.
11Miqueas, fillo de Guemarías, fillo de Xafán, escoitou todos os oráculos do Señor que estaban no escrito, 12e, de seguido, baixou ó palacio real, á sala do notario e alí estaban en sesión todas as autoridades: Elixamá, o notario, Delaías, fillo de Xemaías, Elnatán, fillo de Acbor, Guemarías, fillo de Xafán, Sedecías, fillo de Hananías e todas as restantes autoridades. 13Miqueas contoulles todas as cousas que lle oíra ler a Baruc, cando este lía o libro na presenza do pobo. 14Entón o consello de ministros mandou onda Baruc a Xehudí, fillo de Netanías, fillo de Xelemías, fillo de Cuxí, a que lle dixese: Colle na túa man o rolo que liches en presenza do pobo e ven. Colleu Baruc, fillo de Nerías, na súa man o rolo, e entrou onda os ministros. 15Eles dixéronlle:
—Senta e leo diante de nós.
E Baruc leuno diante deles. 16O oíren todos os oráculos, cheos de pánico, miraron uns para os outros e dixéronlle:
—Ben certo, Baruc, que lle comunicaremos ó rei todos estes oráculos.
17E a Baruc preguntáronlle:
—Indícanos como recolliches por escrito da súa boca todos estes oráculos.
18Respondeulles Baruc:
—El en persoa ditábame todos estes oráculos e eu escribíaos no libro con tinta.
19Logo, os ministros dixéronlle a Baruc:
—Vai e escóndete ti xunto con Xeremías, e que ninguén saiba onde estades.
20Eles, logo que puxeron o rolo na oficina de Elixamá, o notario, entraron no patio onda o rei e contáronlle a el en persoa todas as cousas que pasaran. 21Entón o rei mandou a Iehudí buscar o rolo. El colleuno na oficina de Elixamá, o notario, e o mesmo Iehudí o leu na presenza do rei e na presenza de todas as autoridades que estaban de pé ante o rei. 22O rei estaba sentado no palacio de inverno —estaban no noveno mes— e cun braseiro aceso diante del. 23E cando Iehudí tiña lidas tres ou catro columnas, o rei rachábaas cun coitelo de escribán, e botábaas ó lume do braseiro, ata consumir todo o rolo no lume do braseiro. 24Nin o rei nin os seus servidores ó escoitaren todos estes oráculos se amedrentaron nin racharon os seus vestidos. 25E aínda que Elnatán, Delaías e Guemarías lle insistían ó rei para que non queimase o rolo, el non lles fixo caso. 26E o rei mandoulles a Ierahmel, príncipe real, a Seraías, fillo de Azriel, e a Xelemías, fillo de Abdel, que arrestasen a Baruc, o escribán, e mais a Xeremías, o profeta. Pero o Señor mantívoos escondidos.
27Despois que o rei queimara o rolo e mais os oráculos que Baruc escribira ó ditado de Xeremías, veulle a palabra do Señor a Xeremías nestes termos:
28—Volve a facerte con outro rolo e escribe de novo nel todos os oráculos de antes, os que había no primeiro rolo que queimou Ioaquim, rei de Xudá. 29E a Ioaquim, rei de Xudá, haslle dicir: así fala o Señor: ti queimaches aquel rolo, dicindo: Por que escribiches nel "virá o rei de Babilonia e destruirá esta capital e fará desaparecer dela homes e animais?". 30Por isto, así fala o Señor acerca de Ioaquim, rei de Xudá: —Non terá quen sente no trono de David, e o seu cadáver quedará exposto á calor durante o día e ó frío durante a noite. 31Pedireille contas a el, á súa descendencia e ós seus servidores das súas iniquidades; e traerei contra eles, contra todos os habitantes de Xerusalén e contra cada un dos xudeus, toda a desgraza que lles anunciei e da que non fixeron caso.
32Entón Xeremías colleu outro rolo e deullo a Baruc, fillo de Nerías, o escribán, que escribiu nel, ó ditado de Xeremías, todos os oráculos do libro que Ioaquim, rei de Xudá, queimara no lume. E aínda se lles engadiron a aqueles outros moitos oráculos semellantes.
Currently Selected:
Xeremías 36: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT