Xeremías 35
35
Xesto simbólico cos recabitas: discurso
1Esta é a palabra que de parte do Señor lle veu a Xeremías no tempo de Ioaquim fillo de Ioxías, rei de Xudá, nestes termos:
2Vai á familia dos recabitas e trata con eles de que veñan ó templo do Señor, a un dos comedores, e logo dálles de beber viño.
3Eu fun buscar a Iazanías, fillo de Xeremías, fillo de Habasinías, ós seus irmáns, a toda a súa familia e a toda a familia dos recabitas, 4e tróuxenos ó templo do Señor, ó comedor dos fillos de Hanán, fillo de Igdalías, o home de Deus; ese comedor está ó lado do das autoridades e enriba da alcoba de Maseías, fillo de Xalum, garda da entrada. 5Puxen diante dos fillos do clan dos recabitas xerras cheas de viño e cuncas, e díxenlles:
—Bebede viño.
6Pero eles responderon:
—Nós non beberemos viño, xa que Ionadab, fillo de Recab, o noso pai, deunos estas normas: "Non bebades viño nunca máis nin vós nin os vosos fillos; 7non construades casa, nin sementedes semente, nin plantedes viñas nin as teñades, xa que habitaredes en tendas toda a vosa vida, para deste xeito vivirdes moitos días na terra onde viviredes peregrinos". 8E nós vimos obedecendo as instrucións que Ionadab nos deu, relativas a non bebermos viño durante toda a nosa vida, nin nós nin as nosas mulleres, nin os nosos fillos, nin as nosas fillas; 9e en relación a non construírmos casas para vivir, nin termos viñas, nin campos, nin sementes, 10e vivirmos en tendas. Nós obedecemos e facemos todo o que nos mandou Ionadab, noso pai. 11Pero cando Nabucodonosor, rei de Babilonia, subiu a este país, nós dixemos: "É mellor entrar en Xerusalén para fuxir do exército dos caldeos e do exército dos arameos", e por isto vivimos en Xerusalén.
12Logo veulle a Xeremías a palabra do Señor nestes termos:
13—Así fala o Señor dos Exércitos, Deus de Israel: vai dicirlle a cada home de Xudá e ós habitantes de Xerusalén: Non aprendedes a lección para obedecerdes as miñas palabras? —é o Señor quen fala—. 14Eles gardan as palabras de Ionadab, fillo de Recab, quen lles deu ós seus fillos instrucións para que non bebesen viño, e non o beben ata o día de hoxe; eles si que obedecen o mandato de seu pai. Pero a min, aínda que madruguei a dicírvolo e o fixen insistentemente, non me fixestes caso; 15Aínda que madruguei a mandarvos os meus servos os profetas, e repetidas veces volos mandei a dicirvos: "Arrepentídevos cada un de vós do seu mal vieiro, mellorade o voso comportamento, non vaiades tras deuses alleos para lles dar culto, e así viviredes na terra que vos dei a vós e a vosos pais", vós non prestastes oído, nin me fixestes caso. 16Os fillos de Ionadab, fillo de Recab, si que manteñen o precepto que seu pai lles ordenou, pero este pobo non me fai caso. 17Por iso, así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel: "Ollade: vou traer contra Xudá e contra todos os habitantes de Xerusalén a enteira calamidade que lles anunciei, porque lles falei e non escoitaron, berreilles e non me responderon".
18Polo contrario, ó clan dos recabitas, díxolle Xeremías:
—Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel:
"Visto que obedecestes o precepto de Ionadab, voso pai, e observastes o seu mandado, e fixestes todo o que el vos mandou 19—así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel—: non lle faltarán a Ionadab, fillo de Recab, descendentes que se manteñan na miña presenza todos os días".
Currently Selected:
Xeremías 35: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT