YouVersion Logo
Search Icon

Xeremías 34

34
Oráculos sobre Sedecías
1Cando Nabucodonosor, rei de Babilonia e o seu exército, todos os reinos da zona do seu dominio e todos estes pobos estaban en guerra contra Xerusalén e contra todas as súas cidades, a palabra de parte do Señor veulle a Xeremías nestes termos: 2Así fala o Señor, Deus de Israel:
Vai e dille a Sedecías, rei de Xudá: Así fala o Señor: eu entrego esta cidade nas mans do rei de Babilonia que a incendiará. 3Ti non escaparás da súa man; ben certo que serás arrestado e entregado á súa disposición; os teus ollos verán os ollos do rei de Babilonia e el en persoa falará contigo, e irás a Babilonia. 4Con todo, escoita Sedecías, rei de Xudá, a palabra do Señor: así fala o Señor acerca de ti: non morrerás a espada. 5Morrerás en paz e o mesmo que se queimaron perfumes polos teus pais, os primeiros reis, teus antepasados, así tamén os queimarán por ti e chorarán por ti: "Ai, Señor". Son eu quen che dou a miña palabra é o Señor quen fala.
6E o profeta Xeremías díxolle a Sedecías, o rei de Xudá, todas estas cousas en Xerusalén, 7mentres as forzas do rei de Babilonia estaban loitando contra Xerusalén e contra as cidades de Xudá que aínda resistían: contra Laquix e Azecah, pois elas eran, entre as cidades de Xudá, as cidades fortes que quedaban.
8Esta é a palabra que lle veu a Xeremías de parte do Señor, logo que o rei Sedecías fixo con todo o pobo, que se atopaba en Xerusalén, o pacto de proclamaren a liberdade dos escravos; 9o pacto de que cada un mandaría libres o seu escravo e a súa escrava, hebreo ou hebrea, de xeito que por eles —por hebreos— non fose servido ningún irmán seu. 10Fixéronlle caso todas as autoridades e todo o pobo que entrara no pacto de que cada un mandaría libres o seu servo e mais a súa serva, de xeito que non serían máis servidos por eles. Mantiveron a palabra e deixáronos ser libres. 11Despois volvéronse da palabra dada e fixeron retornar os servos e servas que deixaran libres, e fixeron que os servisen coma servos e coma servas.
12Entón veulle de parte do Señor a Xeremías a palabra do Señor nestes termos: 13Así fala o Señor, Deus de Israel:
—Eu son quen fixo un pacto con vosos pais o día que os saquei do país de Exipto, da casa de escravos, nestes termos: 14"O cabo de sete anos, cada un de vós liberará o seu irmán hebreo que lle fora vendido. Servirate seis anos, logo mandaralo libre de onda ti". Pero os vosos pais non me fixeron caso, nin prestaron oído. 15E vós hoxe xa vos converterades e fixerades o que é xusto ós meus ollos, ó proclamardes cada un a liberdade para o seu irmán e facerdes un pacto diante de min, na casa onde se invoca o meu Nome. 16Pero volvéstesvos atrás e profanastes o meu Nome, facendo cada un de vós volver o seu servo e a súa serva, que mandarades libres, e sometéstelos a ser servos e servas vosos.
17Por iso, así fala o Señor: vós non me fixestes caso ó proclamardes cada un a liberdade para o seu irmán e para o seu compañeiro. Eu estou a proclamar contra vós a liberdade da espada, da peste e da fame, e convertereivos en algo que fará estremecer a todos os reinos da terra —é o Señor quen fala—. 18Os homes que quebrantaron o meu pacto, que non mantiveron os compromisos que eles pactaron, a estes entregareinos ás maldicións pronunciadas na presenza do becerro que cortaron en dous, pasando por entre os anacos.
19As autoridades de Xudá e ás autoridades de Xerusalén, ós eunucos e ós sacerdotes e a todos os campesiños, que pasaron entre os dous anacos do becerro, 20entre—gareinos ó poder dos seus inimigos e ó poder dos que andan á busca da súa vida, e o seu cadáver servirá de carnaza para os paxaros do ceo e para os animais da terra. 21E a Sedecías e ós seus ministros entregareinos ó poder dos seus inimigos, ó poder dos que andan ó axexo da vida e ó poder dos exércitos do rei de Babilonia que se están retirando da vosa presenza. 22Eu dou unha orde —é o Señor quen fala—, e fareinos volver a esta cidade: loitarán contra ela e prenderanlle lume; converterei as cidades de Xudá nunha desolación sen habitantes.

Currently Selected:

Xeremías 34: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in