Xeremías 33
33
Oráculos salvíficos para Xudá e Xerusalén
1A palabra do Señor veulle de segundas a Xeremías nestes termos, mentres continuaba aínda preso no patio da garda.
2Así fala o Señor, que o fará; o Señor, que lle dará forma;
o Señor daralle o ser;
o seu nome é Iavé:
3Chámame e respondereiche,
e mostrareiche cousas grandes e inaccesibles:
ti non as coñeces.
4Así fala o Señor, Deus de Israel, acerca das casas desta cidade e dos palacios dos reis de Xudá que están para ser arrasados. A forza das ramplas de asedio e a forza da espada 5veñen loitar xunto cos caldeos: encheranos a eles de cadáveres de homes que eu ferín coa miña ira e co meu furor, xa que lle escondín a miña cara a esta cidade por toda a súa maldade. 6Pero velaquí que eu lle poñerei á cidade remedios e curas, e curareina; descubrireilles as riquezas da paz e da fidelidade.
7Farei volver os cativos de Xudá e os cativos de Israel, e restablecereinos coma no principio. 8Purificareinos de toda a súa iniquidade, coa que pecaron contra min; perdoarei todas as iniquidades coas que pecaron contra min e coas que se rebelaron contra min. 9Isto será para min un alegre renome, un motivo de loanza e de gloria ante todos os pobos da terra, que oian todo o ben que eu lles fixen a Xudá e a Israel; os pobos saltarán e brincarán de ledicia por todo o ben e toda a paz que eu lles fixen.
10Así fala o Señor: neste lugar que vós vedes que está devastado por falta de homes e por falta de animais; nas cidades de Xudá e nas rúas de Xerusalén, desoladas por falta de homes, por falta de habitantes e por falta de animais, aínda se volverán oír 11berros de alegría e voces de gozo, o cantar do esposo e a cántiga da esposa, e a salmodia dos que, ó presentaren o sacrificio de acción de grazas no templo do Señor, dirán: "Loade o Señor dos Exércitos Que bo é o Señor! Eterna é a súa fidelidade!".
Si, eu farei volver os cativos desta nación coma nun principio —dío o Señor—.
12Así fala o Señor dos Exércitos: neste país desolado por falta de homes e por falta de animais, e en todas as súas cidades, aínda volverá haber pasteiros de pastores que fagan descansar os seus rabaños. 13Nas cidades da montaña, nas cidades da Xefelah, nas cidades de Négueb, na rexión de Benxamín, nos arredores de Xerusalén e nas cidades de Xudá, aínda volverán pasar as reses ante as mans do que as conta —di o Señor—.
Fidelidade de Deus á Alianza
14Velaquí os días —é o Señor quen fala—
nos que cumprirei a promesa
que lles fixen á casa de Israel e á casa de Xudá.
15Nos días aqueles e no intre aquel
farei abrollar de David un xermolo lexítimo,
que practicará o dereito e a xustiza no país.
16Nos días aqueles
salvarase Xudá,
e Xerusalén descansará na seguridade,
e este lugar chamarase: "Iavé, nosa xustiza!".
17Certo, así fala o Señor: non será privado David dun que sente no trono da casa de Israel, 18nin ós sacerdotes levíticos os privarán de que me sirvan na miña presenza ofrecendo holocaustos, queimando ofrendas e celebrando o sacrificio de todos os días.
19Veulle a palabra de Deus a Xeremías nestes termos: 20Así fala o Señor: —Cando quebrantan a miña alianza de día e cando a quebrantan de noite, o meu corazón estarrece día e noite polo seu matinar; 21de certo que rompe o meu pacto co meu servo David, que non lle faltaría un fillo que fose rei no seu trono, e rompe o meu pacto cos sacerdotes levíticos, meus servidores. 22Pero o mesmo que non se contan as estrelas do ceo, nin se dá medido a area do mar, así hei de multiplicar a descendencia de David, o meu servo, e a dos levitas que me serven a min.
23Logo veulle a palabra do Señor a Xeremías nestes termos:
24—Acaso non viches o que este pobo di? "As dúas familias que o Señor escollera, rexeitounas". Así rexeitan o meu pobo e non o consideran pobo ante eles.
25Así fala o Señor:
Tan certo como cumpro a miña alianza co día e coa noite, e teño establecidas as leis do ceo e da terra, 26Así non rexeito a descendencia de Xacob e de David, o meu servidor, nin deixarei de coller dela os xefes para a descendencia de Abraham, Isaac e Xacob. Certo, eu rescatarei a súa catividade e compadecereime desta descendencia.
Currently Selected:
Xeremías 33: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT