YouVersion Logo
Search Icon

Xeremías 30

30
Oráculos salvíficos para o Reino de Israel e Xudá
1Palabra que de parte do Señor lle veu a Xeremías nestes termos:
2Así fala o Señor, o Deus de Israel:
Escribe para o teu servizo todas as palabras que eu che dite.
3Velaquí veñen os días —é o Señor quen fala— nos que eu cambiarei a sorte do meu pobo Israel e Xudá —dío o Señor— e volvereinos traer ó país que lles dei a seus pais, para que o reciban en herdanza.
4Estas son as palabras que o Señor lles di a Israel e a Xudá.
Angustias dun parto de esperanza
5Así fala o Señor:
—Estamos oíndo berros de angustia,
de pavor sen acougo.
6Preguntade, ollade:
Están de parto os varóns?
Como é que vexo a todos os homes
coas mans nos riles coma a muller que está de parto,
todas as caras desfiguradas?
Ai, que palidez!
7Que día tan grande ese!
Non o hai coma el!
Momentos de angustia para Xacob,
pero verase libre dela.
Esnaquizarei o xugo de Xacob
8Aquel día —é o Señor dos Exércitos quen fala—
esnaquizarei o xugo de Xacob que ti levas sobre a cabeza,
e romperei as túas piogas,
e os estranxeiros xa nunca máis o someterán á escravitude,
9senón que se someterán ó Señor, o seu Deus, e a David, o seu rei,
a quen eu constituirei sobre eles.
Voute traer a salvo de terras remotas
10E ti, meu servidor Xacob, non teñas medo —é o Señor quen fala—
Israel, non te sintas abatido.
Mira que te vou traer a salvo desde terras remotas,
e vou traer a salvo a túa descendencia desde o país do seu desterro.
Volverá Xacob e vivirá tranquilo,
estará ó seguro e non haberá quen o atemorice.
11Atende: eu estou contigo —é o Señor quen fala—
para terte a salvo.
Provocarei a destrución entre todos os pobos,
a onde te dispersei,
pero a ti non te destruirei:
soamente che farei aprender con castigos o que é xusto,
sen deixar nada sen corrección.
12Así fala o Señor:
profundo é o teu quebranto,
incurable é a túa ferida,
13non hai quen faga xustiza na túa causa: que desangre!
Non hai remedio para ti: que rego de sangue!
14Esquecéronte todos os teus amantes,
a ti xa non te buscan,
castigueite con castigo de inimigo,
con corrección cruel;
os teus pecados multiplican a débeda
da túa moita ruindade.
15Por que berras polo teu quebranto,
pola túa profunda ferida?
Si, os teus pecados son os que multiplicaron a débeda da tua moita ruindade,
son eu quen che fixen isto.
16Con todo, todos os que te devoran serán devorados,
e todos os que te perseguen irán ó desterro,
os que te rouban servirán de botín,
e a todos os que te saquearon entregareinos ó saqueo.
17Restablecerei a túa saúde,
curareite das túas feridas
—é o Señor quen fala—.
Chamáronte "a desaparecida",
"Sión non ten quen a busque".
18Pero, así fala o Señor:
—Eu son o que transformarei o desterro das tendas de Xacob,
e terei piedade do seu xeito de vivir;
cada cidade será construída no seu petouto,
e cada pazo asentará no seu lugar propio.
19Sairán deles cántigas de agradecemento,
e os aturuxos dos que están de festa.
Multiplicareinos e non minguarán,
fareinos xente de ben e non serán desprezables.
20Os seus fillos terán os privilexios de antes,
e a súa asemblea manterase firme na miña presenza.
Eu castigarei a todos os seus opresores.
21O xefe será un dos seus,
e o soberano nacerá deles;
eu fareino achegarse, e achegarase a min, pois quen é o que pola súa conta se achegaría a min?
—é o Señor quen fala—.
22E deste xeito volveredes ser para min o meu pobo,
e eu serei para vós o voso Deus.
23Velaí a tormenta do Señor:
sae o seu furor,
a súa tempestade vólvese ameazadora,
dá voltas sobre a testa dos malvados.
24Non cederá o ardor da ira do Señor
ata que realice e cumpra os proxectos do seu corazón.
O que pasen estes días, entenderédelo.

Currently Selected:

Xeremías 30: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Xeremías 30