YouVersion Logo
Search Icon

Xeremías 29

29
Escrito de Xeremías ós deportados no ano 598
1Estas son as palabras do escrito que desde Xerusalén mandou Xeremías, o profeta, ó resto dos anciáns desterrados, ós sacerdotes, ós profetas e a todo o pobo, que deportou Nabucodonosor de Xerusalén a Babilonia, 2despois de que o rei Ieconías, a raíña nai, o persoal da corte, os principais de Xudá e de Xerusalén, os técnicos e os ferreiros deixaron Xerusalén. 3Mandouno a Nabucodonosor, rei de Babilonia, por Elasah fillo de Xafán, e por Guermarías, fillo de Hilquías, ós que Sedecías, o rei de Xudá mandaba a Babilonia.
4Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel, a todos os desterrados que eu deportei de Xerusalén a Babilonia:
5Construíde casas e habitádeas,
plantade terreos e comede os seus froitos.
6Casade e tende fillos e fillas,
tratade de casar ós vosos fillos e ás vosas fillas,
para que vos dean netos e netas;
multiplicádevos aí, e non minguedes.
7Procurade a fartura da cidade a onde eu vos desterrei,
rezade ó Señor por ela,
xa que a súa fartura será a vosa fartura.
8Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel:
Que non vos enganen os profetas que están entre vós,
nin os vosos adiviños:
Non lles fagades caso ós vosos soños, que vós mesmos provocades.
9Ollade que vos profetizan ilusións no meu Nome,
Eu non os mandei —é o Señor quen fala—.
10—Así fala o Señor: tan axiña como se lle cumpran a Babilonia os setenta anos,
heivos facer unha visita, para cumprir convosco
a miña promesa de vos traer outra vez a este lugar.
11Soamente eu coñezo os proxectos que eu planeo para vós
—é o Señor quen fala—,
proxectos de fartura e non de desgraza,
de darvos un porvir e unha esperanza.
12Habédesme invocar e viredes onda min;
rezarédesme a min, e eu escoitareivos.
13Andaredes á miña procura e habédesme atopar.
Buscarédesme de todo corazón,
14e eu deixarei que me atopedes —é o Señor quen fala—
para cambiar a vosa sorte:
xuntareivos de entre todas as nacións e lugares
a onde vos dispersei —é o Señor quen fala—
e fareivos volver de novo a este lugar de onde vos levei cativos.
15Si, vós dicides: "O Señor suscitounos profetas en Babilonia".
16Así fala o Señor acerca do rei que senta no trono de David e de toda a xente que vive nesta cidade, os vosos irmáns que non saíron convosco para a catividade. 17Así fala o Señor dos Exércitos: —Vede: vou mandar contra eles a espada, a fame e a peste e vounos volver coma figos pasados, que de malos non se poden comer.
18Vounos perseguir coa espada, coa fame e coa peste,
e convertelos en algo arrepiante para todos os reinos da terra,
que se nomeará nas maldicións:
desolación, burla e vergonza entre todas as nacións a onde os dispersei.
19Xa que non escoitaron as miñas palabras —é o Señor quen fala—
aínda que eu lles mandei os meus servos, os profetas:
madruguei a mandalos, pero non fun escoitado
—é o Señor quen fala—.
20E vós, todos os deportados que eu mandei de Xerusalén a Babilonia, escoitade a palabra do Señor:
21—Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel, acerca de Acab, fillo de Colaías e de Sedecías, fillo de Maseías, que profetizan mentiras no meu Nome: "Mirade que os entrego no poder de Nabucodonosor, rei de Babilonia, para que os axustice diante dos vosos mesmos ollos. 22Todos os desterrados de Xudá que viven en Babilonia recollerán da súa historia esta maldición: que te trate o Señor coma a Sedecías e coma a Acab, a quen o rei de Babilonia asou no lume. 23Pola súa culpa cometeuse unha deshonra en Israel: cometeron adulterio coa muller do seu próximo e dixeron cousas falsas no meu Nome, cousas que eu non lles mandei. Quen o sabe e é testemuña son eu —é o Señor quen fala—".
Anuncio de castigo contra un falso profeta do desterro
24Dille a Xemaías, o de Nehelam:
25—Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel: ti mandaches no teu nome uns escritos a toda a poboación que reside en Xudá e ó sacerdote Sefanías, fillo de Maseías, e a todos os sacerdotes, dicíndolles: 26"O Señor constitúete sacerdote, sucesor do sacerdote Iehoiadá para seres o responsable do templo e de todo aquel que se considere profeta da destrución: a este tal méteo no cepo e na cadea. 27Entón por que non reprendiches a Xeremías, natural de Anatot, quen se considera o voso profeta? 28Canta culpa ten! Chegou a nos mandar dicir en Babilonia: A cousa vai para lonxe: facede casas e vivide nelas, plantade terreos e comede os seus froitos".
29O sacerdote Sefanías leulle esta carta a Xeremías, o profeta. 30E veulle a Xeremías esta palabra do Señor:
31—Mándalles dicir a todos os deportados:
Así fala o Señor acerca de Xemaías, o nehelamita:
"Xa que Xemaías vos anunciou oráculos sen que eu o mandase,
e deste xeito vos fixo confiar en ilusións, inxustamente,
32Así fala o Señor:
Velaquí que eu lle pedirei contas a Xemaías, o nehelamita, e á sua descendencia,
non terá ningún descendente que habite con este pobo,
compracéndose do ben que eu lle farei ó meu pobo,
—é o Señor quen fala—
xa que predicou a rebeldía contra o Señor".

Currently Selected:

Xeremías 29: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Xeremías 29