Xeremías 2
2
As contas que Deus pide
1Veume a palabra de Deus:
2Vai e berra nos oídos de Xerusalén:
Así me ten dito o Señor:
quero recordarche o agarimo da túa xuventude,
o amor do teu namoro,
o teu camiñar tras de min polo deserto,
por terras sen sementeira.
3Israel era a propiedade escollida de Deus,
primicia da súa colleita;
sempre que calquera se atreva a comela, pagarao,
viralle enriba unha calamidade —é o Señor quen fala—.
4Escoitade a palabra de Deus, fillas de Xacob,
todas as tribos descendentes de Israel:
5—Así ten falado o Señor:
Que cousa torta atoparon en min vosos pais,
para se afastaren de min?
Fóronse tras dos que son nada
e volvéronse nada.
6En vez de preguntar: onde está o Señor
que nos sacou de Exipto e nos deu forzas
para camiñar polo deserto,
por terras ermas e fragas,
por terras requeimadas e sombras de morte,
por sitios que ninguén pasa
e onde o home non habita?
7Eu conducinvos ó país dos hortos,
para que comésedes os seus froitos e os seus bens;
pero vós entrastes e luxastes a miña terra,
convertestes en algo noxento o meu eidiño.
8Os sacerdotes xa non preguntan:
Onde está o Señor?
Os que tiñan que conservar a Lei,
xa non me coñecen,
os pastores aborrécenme,
os profetas profetizan en nome de Baal,
van tras deuses que de nada serven.
9Veña un trono, que vou preitear convosco!
—é o Señor quen fala—.
Si, cos fillos dos vosos fillos tamén preitearei.
10Ollade: atravesade ata as costas de Chipre e mirade,
mandade xente a Quedar e repasade desde antigo:
ollade: hai algo coma isto?
11Cambiou de deuses un pobo algunha vez?
(e iso que aqueles non son deuses).
Pero o meu pobo cambiou a miña adoración
pola dun deus que non serve.
12Os ceos véñense fixando nisto,
están estarrecidos e alporizados desde entón,
—é o Señor quen fala—,
13pois dúas maldades cometeu o meu pobo:
deixoume a min, viveiro de auga vivificadora,
polos pozos gretados que non reteñen a auga.
Amargas consecuencias do abandono do Señor
14É Israel un escravo ou é un fillo nado na familia?
Como é que se converteu en presa
15pola que roxen os leóns e lanzan os seus ruxidos?
Converten a súa terra en algo horrible,
as súas cidades están arrasadas sen habitantes.
16Con berros as xentes de Nof e de Tafnes
excitan a túa altiveza.
17Acaso isto non che está pasando,
por abandonares o Señor, o teu Deus,
aquel que te facía camiñar polo seu vieiro?
18Pois que se che perde camiño de Exipto?
Acaso bebes a auga do Nilo?
Que se che perde camiño de Asiria?
Acaso bebes a auga do Éufrates?
19A túa maldade será quen te instrúa co seu castigo
e as túas apostasías serán as que te castiguen.
Recoñece o desastroso, o amargo
que che resulta abandonar o Señor,
e non respectar o teu Deus
—é o Señor, Iavé todopoderoso, quen fala—.
20Fíxate: desde antigo rompiches o teu xugo
e fixeches saltar as túas piogas,
e dixeches: "nunca máis serei servo".
Velaquí que sobre todo monte alto,
e baixo toda árbore frondosa,
ándaste agachando para dáreste á prostitución.
21Eu fixen de ti un plantío de cepa escollida,
todo el de patrón lexítimo,
con que dereito te me volviches cepa brava, dexenerada?
22Se te lavas con lixivia
e se multiplicas os teus lavados con xabón,
a túa culpa será expiada ante min
—é o Señor, o teu Deus, quen fala—.
Respostas ás declaracións de inocencia do pobo
23Como te atreves a dicir:
"non estou manchada,
non fun tras dos baales"?
Olla as túas pegadas polo val,
e recoñece o que fixeches,
lixeira poldriña de camela
que trotea o seu vieiro,
24burra salvaxe afeita ós ermos,
que no seu celo cheira o vento:
quen a volverá?
Quenquera que a busque
non se precisa cansar,
atópaa no seu celo.
25Deixa de andar sen ferraduras,
abandona a clareira onde pasas sede.
Ti respondes: "Non porfíes!
pois quixen sempre os estranxeiros,
e ireime tras eles".
26Como está avergonzado un ladrón cando o sorprenden,
así sorprendida hase avergonzar a casa de Israel,
ela e mais os seus reis e os seus príncipes,
os seus sacerdotes e mais os seus profetas.
27Eles son os que lle din a un anaco de madeira:
"ti es o meu pai",
e a unha pedra: "ti es a que me pariu".
Eles vólvenme as costas, e non dan a cara.
Pero cando lles veña a desgraza,
aparecerán ante min a dicir:
"Ei, Señor, sálvanos!"
28E logo onde están os teus deuses, os que para ti fixeches?
Que eles esperten, se te poden salvar
na hora da túa calamidade!
Olla, Xudá: o número das túas cidades
é o mesmo có número dos teus deuses.
29Por que preiteaches comigo,
se todos vos rebelastes contra min?
—é o Señor quen fala—.
30Estou castigando os vosos fillos en van:
non aprenden;
a vosa propia espada devorou os vosos profetas
Vede que un león devorador vos anda arredor!
31Tede coidado coa palabra do Señor.
Por acaso volvinme eu para Israel un ermo,
ou unha terra escurísima?
Por que entón di o meu pobo: "queremos ser libres,
non volveremos máis xunto a ti"?
32Acaso esquece a rapaza os seus enfeites,
e a esposa os seus lazos?
Pero o meu pobo esqueceuse de min,
desde tempo sen conto.
33Que ben coñeces o teu camiño para procurar o amor!
Para faceres o mal aprendiches ben os teus vieiros!
34Nas túas mans sangue,
a vida dos pobres inocentes;
non o sangue dos que son sorprendidos furando nas paredes
senón o que saíu de todos estes.
35Ti respondes: "pois eu son inocente,
e a ira de Deus apartouse de min".
Repara: eu estou litigando contigo,
por iso que dis: "non pequei";
36pois como te apartas desde tan antigo,
como cambiar o teu vieiro!
Avergonzaraste de Exipto,
como estás avergonzada de Asiria:
37A berros sairás entón un cento de veces
coas mans na cabeza.
O Señor rexeitou os que che eran de confianza:
non terás sorte con eles.
Currently Selected:
Xeremías 2: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT