Xeremías 28
28
Polémica entre Xeremías e Hananías: revelación do verdadeiro profeta
1Despois deste ano, o do comezo do reinado de Sedecías, rei de Xudá, no ano cuarto e no quinto mes, o profeta Hananías fillo de Azur, natural de Gabaón, díxome no templo do Señor, en presenza dos sacerdotes e de todo o pobo:
2Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel:
Estou disposto a romper o xugo do rei de Babilonia,
3Dentro de dous anos completos eu farei volver a este lugar os utensilios do templo do Señor, que o rei de Babilonia, Nabucodonosor, colleu deste sitio e levou a Babilonia. 4Tamén traerei eu a este lugar —é o Señor quen fala— a Ieconías, rei de Xudá, fillo de Ioaquim e todos os cativos de Xudá levados a Babilonia, xa que romperei o xugo do rei de Babilonia.
5Entón Xeremías, o profeta, respondeulle ó profeta Hananías en presenza dos sacerdotes e de todo o pobo que se atopaba no templo do Señor. 6O profeta Xeremías dixo:
—Amén, que o Señor o faga deste xeito! Que o Señor cumpra a profecía que ti acabas de profetizar, traendo de Babilonia a este lugar os utensilios do templo do Señor e a todos os cativos. 7Pero fai o favor de escoitarme estas palabras que vou dicir para ti e para todo o pobo: 8"Os profetas que, coma min e coma ti houbo desde sempre, profetizaban guerras, calamidades e peste a nacións numerosas e a grandes reinos. 9Se o profeta anunciaba fartura, ó cumprirse a súa palabra profética, o profeta era recoñecido como verdadeiramente mandado polo Señor".
10Entón o profeta Hananías colleu o xugo que o profeta Xeremías tiña posto ó pescozo e rompeuno, 11e diante de todo o pobo dixo:
—Así fala o Señor: deste mesmo xeito hei romper dentro de dous anos completos o xugo que Nabucodonosor, rei de Babilonia, ten sobre o pescozo de todas as nacións.
O profeta Xeremías colleu o seu camiño e marchou.
12Despois que o profeta Hananías rompeu o xugo que Xeremías o profeta tivo ó pescozo, veulle a Xeremías esta palabra do Señor:
13—Vaille dicir ó profeta Hananías: Así fala o Señor:
Ti rompiches xugos de madeira, pero despois destes hei facer xugos de ferro, 14pois así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel: "Eu poño un xugo de ferro ó pescozo de todas estas nacións, para que sirvan a Nabucodonosor, rei de Babilonia, e sexan os seus vasalos, e aínda os mesmos animais salvaxes doullos a el".
15Logo Xeremías, o profeta, díxolle ó profeta Hananías:
—Escóitame, Hananías; o Señor non te mandou, senón que ti es quen fai que este pobo se fíe de ilusión. 16Por iso, así fala o Señor: "Voute expulsar de sobre a superficie da terra: este mesmo ano morrerás, xa que predicaches a oposición ó Señor".
17E o profeta Hananías morreu o sétimo mes dese mesmo ano.
Currently Selected:
Xeremías 28: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT