Xeremías 27
27
SUMISIÓN Ó REI DE BABILONIA: contra os falsos profetas
Acción simbólica do envío das cangas e mensaxe ós reis dos pobos veciños
1Nos comezos do reinado de Ioaquim, fillo de Ioxías, rei de Xudá, veulle de parte do Señor a Xeremías este oráculo. 2Así me falou o Señor:
Faite cunhas cangas e cuns cancís e ponos no teu pescozo; 3logo mándallelos ó rei de Edom, ó rei de Moab, ó rei dos amonitas, ó rei de Tiro e ó rei de Sidón polos embaixadores que veñen de Xerusalén onda Sedecías o rei de Xudá.
4Mándalles que lles digan ós seus señores:
—Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel;
así lles habedes dicir ós vosos señores:
5"Eu son quen creou o mundo,
cos homes e cos animais que hai sobre a superficie da terra,
co meu enorme poder e co meu poderoso brazo:
e doullo a quen me parece ben.
6Agora eu poño todas estas nacións
na man de Nabucodonosor, o rei de Babilonia, o meu servo;
tamén lle dou todos os animais salvaxes para que o sirvan.
7Hano servir todas as nacións, a el, ó seu fillo e ó seu neto;
testemuña da chegada do período de gloria da súa nación serao tamén el,
cando pobos numerosos e reis poderosos sexan os seus vasalos.
8O pobo ou ó reino que non o sirva a el,
a Nabucodonosor, rei de Babilonia,
a ese pobo que realmente non poña o seu pescozo baixo o xugo do rei de Babilonia,
eu pedireille contas
coa espada, coa fame e coa peste
—é o Señor quen fala—
e acabarei con eles, servíndome de Nabucodonosor.
9Pero vós non lles fagades caso nin ós vosos profetas,
nin ós vosos adiviños, nin ás vosas soñadoras,
nin ós vosos agoireiros, nin ós vosos feiticeiros,
xa que eles vos repiten a cotío:
Non vos sometades ó rei de Babilonia.
10Sabede que é mentira o que eles vos están profetizando,
para vos afastaren a vós da vosa terra.
Si, heivos facer desaparecer, e vós pereceredes.
11Pero ó pobo que poña o seu pescozo baixo o xugo do rei de Babilonia,
e se someta a el,
eu fareino vivir tranquilo na súa terra
—é o Señor quen fala—,
traballará e vivirá nela".
Mensaxe a Sedecías
12A Sedecías, rei de Xudá, dígolle isto mesmo:
"Sometede o voso pescozo ó xugo do rei de Babilonia;
servídeo a el e ó seu pobo, e deste xeito, viviredes.
13Por que queredes morrer, ti e o teu pobo,
pola espada, de fame e de peste,
tal como lles dixo o Señor ós pobos que non se queren someter ó rei de Babilonia?
14Non lles fagades caso ós consellos dos profetas que vos din:
Non vos sometades ó rei de Babilonia;
é falso o que eles vos profetizan,
15pois eu non os mandei —é o Señor quen fala—,
e por iso o que eles profetizan no meu Nome é mentira,
de sorte que eu vos vou facer desaparecer
e pereceredes vós e os profetas que profetizan para vós".
Mensaxe ós profetas e ó pobo
16Os profetas e a todo este pobo eu dígolles: —Así fala o Señor:
Non fagades caso das palabras dos vosos profetas que vos profetizan dicindo: "Velaquí os utensilios do templo do Señor que van ser traídos de volta de Babilonia agora, de seguidiña"; é mentira o que eles vos están profetizando. 17Vós non lles fagades caso. Sometédevos ó rei de Babilonia e viviredes; para que converter esta cidade nun montón de ruínas? 18Se eles son profetas, se a palabra do Señor está da súa parte, que intercedan ante o Señor dos Exércitos para que non vaia a Babilonia o resto dos utensilios que quedaron no templo do Señor, no palacio do rei e en Xerusalén. 19En efecto, así fala o Señor dos Exércitos acerca das columnas, do Mar e das bases con rodas e do resto dos utensilios que quedan nesta cidade, 20os que non colleu Nabucodonosor, rei de Babilonia, cando el deportou, de Xerusalén a Babilonia, a Ieconías, fillo de Ioaquim rei de Xudá, e a toda a nobreza de Xudá e de Xerusalén.
21Así fala o Señor dos Exércitos, Deus de Israel, acerca dos utensilios que quedan no templo do Señor e no palacio do rei de Xudá e de Xerusalén:
22"Levaranos a Babilonia e quedarán alí ata o día en que eu me ocupe deles —é o Señor quen fala— para os facer subir e volver a este lugar sagrado".
Currently Selected:
Xeremías 27: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT