YouVersion Logo
Search Icon

Xeremías 23

23
Os pastores escorrentan o rabaño, pero o Señor reunirao
1Ai dos pastores que deixan que se perda o rabaño
e que o espantan do meu pasteiro! é o Señor quen fala.
2Por isto, así lles fala o Señor, Deus de Israel,
ós pastores que apacentan ó meu pobo:
—Vós espantades as miñas ovellas,
escorrentádelas e non coidades delas;
ollade que eu vos pedirei contas da maldade dos vosos feitos —é o Señor quen fala—.
3Eu xuntarei o resto das miñas ovellas,
traéndoo de todos os países a onde as esparexín,
e fareinas volver ós seus pasteiros,
onde criarán e se multiplicarán.
4Para elas constituirei pastores que as apacenten,
de xeito que xa non volvan ter medo, nin se espanten,
nin se perda ningunha —é o Señor quen fala—.
5Ollade que chegan os días —é o Señor quen fala—
en que farei abrollar de David un xermolo lexítimo,
será rei de verdade e comportarase con prudencia,
administrará o dereito e a xustiza no país.
6Desde os seus días Xudá vivirá a salvo,
e Israel vivirá en paz.
O título que se lle dará será este: "O Señor é a nosa xustiza".
7Por iso velaí chegan os tempos —é o Señor quen fala—, cando xa non se dirá: "Vive o Señor, que fixo subir os fillos de Israel do país de Exipto", 8senón: "Vive o Señor, que fixo subir e que trouxo a descendencia da casa de Israel, desde o país do norte e desde todos os outros países a onde os botara, para que vivan na súa terra".
SECCIÓN ACERCA DOS FALSOS PROFETAS
Os profetas falsos, responsables dos males do país
9Profeta! Desfáiseme o corazón dentro do peito,
tremen todos os meus ósos;
estou coma un borracho,
coma un home a quen se lle subiu o viño,
por mor do Señor, por mor dos seus santos preceptos.
10Velaí o país cheo de adúlteros.
Pola presenza dunha maldición o país está reseco,
secan os pasteiros do deserto.
Porque o seu xeito de comportarse é a maldade,
e a súa forza é o que non existe.
11Tanto os profetas coma os sacerdotes son uns impíos,
mesmo na miña casa atopei a súa ruindade —é o Señor quen fala—.
12Por iso, o seu camiño converteráselles nun escorregadoiro:
serán empurrados ó barranco e caerán nel,
pois eu traerei contra eles a desgraza,
o ano en que lles pida contas —é o Señor quen fala—.
Xuízo contra os profetas de Xerusalén
13Nos profetas de Samaría observei unha loucura:
profetizaron no nome de Baal
e deste xeito extraviaron o meu pobo, Israel.
14Nos profetas de Xerusalén estou vendo algo máis horrible:
quebrantan a súa fe e seguen ós que son mentira,
apoian o partido dos malvados,
para que ninguén se volva da súa maldade.
Considéroos a todos eles coma a Sodoma,
e ós veciños de Xerusalén coma a Gomorra.
15Por iso, así lles fala o Señor dos Exércitos ós profetas:
—Vouvos dar asente para comer,
e bágoas para beber,
porque dos profetas de Xerusalén
é de onde sae a irrelixiosidade para todo o país.
Exhortación a abandonar os falsos profetas
16Así fala o Señor dos Exércitos:
—Non lles fagades caso ós profetas que vos están profetizando,
son eles os que vos enganan.
Anuncian visións que saen da súa cabeza,
non mensaxes da parte do Señor.
17Repítenlles unha e outra vez ós que desprezan a palabra do Señor:
"Teredes fartura",
e a todos cantos seguen a obstinación do seu corazón:
"Non vos virá desgraza ningunha".
18Pois, quen estivo presente no concello do Señor,
para percibir e escoitar a súa palabra?
Quen puxo atención á súa palabra, para lle facer caso?
19Ollade a tormenta do Señor:
irrompe a calor da súa ira,
arremuíñase a tormenta,
dá voltas sobre a cabeza dos malvados.
20Non se retirará a ira do Señor,
ata que poña por obra os plans da súa mente e os cumpra.
Soamente ó final destes días caeredes ben na conta.
21Eu non mandei estes profetas a profetizar, pero eles correron;
eu non lles falei, pero eles profetizaron.
22Se estivesen presentes no meu concello,
faríanlle oír ó meu pobo a miña palabra,
e arredaríano do seu mal camiño,
e da ruindade dos seus feitos.
Oráculo de acusación contra os falsos profetas
23Acaso son Eu soamente Deus dos de cerca
—é o Señor quen fala—
e non tamén Deus dos de lonxe?
24Acaso non son eu
quen enche ó ceo e mais a terra?
—é o Señor quen fala—.
25Escoitei o que din eses profetas que profetizan mentiras no meu Nome, cando claman: "Tiven un soño profético, tiven un soño". 26Acaso o destino da miña xente está no corazón destes profetas que profetizan a mentira e vaticinan os enganos do seu corazón? 27Estes son os que cos seus soños —que cada un lle conta ó seu veciño— proxectan facer que o meu pobo esqueza o meu Nome, o mesmo que os seus pais esqueceron o meu Nome polo de Baal. 28O profeta que ten un soño, que conte o seu soño; e o que recibe a miña palabra, que a proclame con exactitude.
Que ten que ver a palla co gran? —é o Señor quen fala—.
29O que a miña palabra transmite é coma o lume —é o Señor quen fala—;
é coma o martelo que esnaquiza un penedo.
30Por iso, aquí estou eu —é o Señor quen fala— contra estes profetas que se rouban uns ós outros as miñas palabras. 31Aquí estou eu —é o Señor quen fala— contra estes profetas que exercitan a súa lingua para vaticinar oráculos. 32Aquí estou eu —é o Señor quen fala— contra os profetas de soños mentireiros, que eles contan para extraviar o meu pobo coas súas mentiras e toladas. Pois nin eu os constituín profetas nin os mandei, nin lles valen absolutamente de nada a este pobo —é o Señor quen fala—.
33Cando este pobo ou o profeta ou o sacerdote che pregunta: "Cal é a carga do Señor?", ti haslles responder: "Vós sodes a carga, e eu vouvos abandonar" —é o Señor quen fala—. 34Se o profeta ou o sacerdote ou este pobo volven dicir: "a carga do Señor", eu pedireille contas a ese tal e á súa casa. 35Habedes de falar así, cada un co seu veciño ou co seu irmán: "Que responde o Señor? Que di o Señor?". 36Non repitades nunca máis "a carga do Señor", porque a carga de cada un de vós será a súa propia palabra para terxiversardes as palabras do Deus da vida, o Señor todopoderoso, o noso Deus.
37O profeta fálalle así: "Que che respondeu o Señor? Que che dixo o Señor?". 38Pero se repetides carga do Señor, entón, así fala o Señor: "Por dicirdes esta palabra carga do Señor, sendo así que eu vos mandei dicir: Non digades carga do Señor, 39velaquí que vos hei levantar en peso e arrebolar lonxe da miña presenza a vós e esta cidade que vos dei a vós e a vosos pais, 40e hei mandar sobre vós un escarnio e un castigo perpetuo que non se esquecerá".

Currently Selected:

Xeremías 23: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Xeremías 23