Xeremías 17
17
O pecado de Xudá é xa vello, pero será castigado co desterro
1O pecado de Xudá está escrito cun punteiro de ferro,
cunha punta de diamante está ben gravado na táboa do seu corazón,
e nos cornos dos vosos altares.
2Os fillos lembraranse dos seus altares e das súas estelas,
seguirán correndo polo agro onda as árbores frondosas,
onda os altos outeiros.
3As túas riquezas e todos os teus tesouros entregareinos ó saqueo;
polo teu pecar, sairás dos teus altos e dos teus lindeiros;
4e pola túa propia culpa, sairás da túa herdanza, a que eu che dei.
Fareite servo dos teus inimigos, nun país que non coñecías,
pois o lume acéndese na miña cara,
e arde para sempre.
TEXTOS SAPIENCIAIS
I. A confianza no home e a confianza en Deus
5Así fala o Señor:
—Maldito o home que confía no home:
pon a súa forza na carne, e retira do Señor o seu corazón.
6Será coma un cardo no ermo, non verá vir a fartura;
habitará nas pedras do deserto, terra salobre e inhabitable.
7Bendito o home que confía en Deus:
a súa esperanza é o Señor.
8Será coma unha árbore transplantada xunto á auga,
que bota as súas raíces para o regueiro;
non notará cando veña a seca,
e a súa follaxe estará frondosa;
nos anos de seca non terá preocupacións,
pois non deixará de dar froito.
II. Soamente Deus coñece as intencións e os sentimentos
9O máis persoal e propio de todo é o corazón;
é o máis íntimo: quen o coñecerá?
10Eu, o Señor, son quen escruto as intencións,
quen examina os sentimentos,
para lle dar a cada un conforme o seu comportamento,
conforme o froito das súas obras.
III. As riquezas inxustas abandonarán o home
11O macho da perdiz choca o ovo que non puxo,
o mesmo é quen xunta riquezas, pero non con xustiza;
á metade da súa vida abandónano, e ó final queda coma un parvo.
O Señor é a única fonte de esperanza
12O trono da gloria é a montaña primordial,
o sitio do noso santuario.
13Ti, Señor, es a esperanza de Israel:
todos os que te abandonan, hanse avergonzar;
a min foime dito que todos estes se han escribir debaixo da terra,
porque deixaron a fonte das augas da vida: o Señor.
Oración de súplica e imprecación
14Sándame, Señor, e quedarei san,
sálvame e quedarei salvo:
para ti é a miña loanza.
15Velaquí que eles me están a dicir:
Onde está a palabra do Señor? Que se cumpra!
16Pero eu, si, apureime a correr tras de ti por mor da desgraza,
eu desexei para min días tranquilos.
Ti sábelo ben:
a manifestación dos meus labios está ante a túa cara.
17Non me deas un susto,
ti, o meu amparo no día da desgraza.
18Que se avergoncen os que me perseguen, e non me avergonce eu,
que se espavorezan eles e non me espavoreza eu.
Fai que veña contra eles o día da desgraza,
quebrántaos con dobre quebranto.
Gardar o descanso sabático é condición para a salvación de Xudá
19O Señor faloume deste xeito:
—Vai e ponte na porta dos Fillos do pobo, por onde entran e saen os reis de Xudá, e en todas as portas de Xerusalén. 20Dilles: Escoitade a palabra do Señor, reis de Xudá, todo Xudá, e todos os habitantes de Xerusalén que entrades por estas portas. 21Así fala o Señor: Pola vosa vida, gardádevos de levar cargas no sábado e de metelas polas portas de Xerusalén. 22Non saquedes cargas das vosas casas o sábado, nin fagades ningún traballo; máis ben santificade o día do sábado conforme lles mandei ós vosos pais. 23Pero non escoitaron nin prestaron atención, senón que endureceron a súa testa, obstináronse na desobediencia e en non aprender.
24En cambio se me facedes caso —é o Señor quen fala—, non metendo cargas polas portas desta cidade no sábado, e santificando o sábado sen facer durante el ningún traballo, 25entón entrarán polas portas desta cidade os reis e príncipes, que sentan no trono de David, montados en carros e cabalos, acompañados dos seus oficiais, e mais a xente de Xudá e os habitantes de Xerusalén; e esta cidade durará para sempre. 26Virán das cidades de Xudá e dos arredores de Xerusalén, da terra de Benxamín, da Xefelah, da Montaña e do Négueb, traendo holocaustos, sacrificios, ofrendas e incenso, e eles serán os que ofrezan a acción de grazas no templo do Señor. 27Pero se non me facedes caso nisto de santificar o sábado e de non levar cargas e metelas polas portas de Xerusalén en sábado, entón prendereilles lume ás portas de Xerusalén, lume que consumirá os seus palacios e non se apagará.
Currently Selected:
Xeremías 17: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT