Xeremías 16
16
A vida do profeta é sinal do castigo
1Recibín a palabra do Señor, que me dixo:
2Non cases con muller deste lugar,
nin teñas fillos nin fillas neste lugar,
3porque deste xeito lles fala o Señor ós fillos e fillas
nados neste lugar,
ás nais que os pariron, e ós pais que os xeraron neste país:
4Morrerán da morte máis adoecida,
non serán chorados nin sepultados,
quedarán de esterco na terra,
perecerán a espada e de fame;
os seus cadáveres servirán de comida
ós paxaros do ceo e ós animais de debaixo da terra.
5O Señor fala deste xeito:
—Non entres en casa onde se faga o banquete do enterro,
nin vaias formar parte do dó,
non lles deas o pésame,
pois eu retiro deste pobo a miña paz
—é o Señor quen fala—; retiro a miña fidelidade e misericordia.
6Morrerán grandes e pequenos neste país,
non se enterrarán nin se fará dó por eles,
non se farán incisións nin raparán o pelo por eles.
7Non haberá quen comparta con eles a tristeza,
non haberá quen console por un morto,
non haberá quen lles dea a beber a copa da consolación
polo pai ou pola nai.
8Ti non entres na taberna para facelos deixar de comer e beber.
9Así fala o Señor omnipotente, o Deus de Israel:
—Velaquí que eu estou facendo desaparecer deste lugar,
ós vosos ollos e nos vosos días,
o canto da alegría e as cantigas de ledicia,
o canto do esposo e a voz da esposa.
10Cando lle anuncies a este pobo todos estes oráculos, hanche dicir:
"Por que decretou o Señor contra nós
toda esta enorme calamidade?
Cal é a nosa culpa? Cal é o noso pecado,
o que cometemos contra o Señor, o noso Deus?"
11Ti responderaslles:
"Porque vosos pais me abandonaron a min —é o Señor quen fala—
para iren tras deuses alleos, dándolles culto e adorándoos;
si, abandonáronme a min e non cumpriron a miña lei.
12E vós obrastes peor ca vosos pais,
pois cada un de vós segue os apetitos do seu perverso corazón,
sen me facer caso a min.
13Por isto heivos botar desta terra para outro país,
que nin coñecedes vós nin vosos pais;
alí adoraredes, día e noite, os deuses alleos,
porque eu non vos concederei favor ningún".
Oráculo salvífico: volta dos desterrados ó país
14Certo, velaquí veñen os días —é o Señor quen fala—
en que xa non se dirá:
"Vive o Señor, que sacou os israelitas da terra de Exipto".
15Senón que se dirá:
"Vive o Señor, que sacou os israelitas do país do norte,
e de todas as terras a onde os dispersara".
E fareinos volver á terra deles,
á terra que lles dei a seus pais.
Purificación do país cos invasores
16Velaquí, eu mando moitos pescadores,
para que os pesquen —é o Señor quen fala—;
e despois mandarei moitos cazadores,
para que os cacen por todos os montes e por todos os outeiros,
e polas fendeduras das penas.
17Os meus ollos están sobre o seu comportamento,
que non ten reparo da miña presenza,
e a súa iniquidade non se agacha diante dos meus ollos.
18Saldarei por primeira e segunda vez a súa iniquidade e mais o seu pecado,
porque profanaron a miña terra cos cadáveres das súas abominacións
e coas súas execracións encheron a miña herdanza.
Himno ó Señor: a corrección dos xentís
19Señor, ti es a miña forza e o meu refuxio,
ti es o lugar seguro para os días de aflición.
A ti virán os xentís, desde o cabo da terra e diranche:
"Lerias son o que herdaron os nosos pais,
deuses vans, que de nada lles servían".
20Pode, acaso, o home facer para si os deuses?
Pero estes non son deuses.
21Por isto, ollade o que eu lles mostro esta vez:
eu móstrolles o meu poder e mais a miña forza,
e saberán que o meu nome é "Iavé".
Currently Selected:
Xeremías 16: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT