Xeremías 15
15
Resposta final do Señor
1Díxome o Señor:
Aínda que Moisés e Samuel intercedesen ante min,
eu non estaría por este pobo.
Bótaos fóra da miña presenza, que se vaian.
2E se che preguntan: "A onde imos?", dilles:
Así fala o Señor:
o que está destinado á morte irá á morte,
o que está destinado á espada, irá á espada,
o que está destinado á fame, irá á fame;
o que está destinado á catividade, irá á catividade.
3Póñolles de verdugos para eles catro tipos de castigo —é o Señor quen fala—:
A espada para matar,
os cans para arrastrar polo chan,
os paxaros do ceo e os animais de debaixo da terra
para devorar e destruír.
4Heinos converter en algo que faga estremecer todos os reinos da terra,
por causa de Menaxés, fillo de Ezequías, rei de Xudá,
polo que el fixo en Xerusalén.
Interpretación profética da capitulación do 598/7
5Olla, Xerusalén, quen vai ter compaixón de ti?
Quen te consolará?
Quen fará unha viaxe para preguntarche como vas?
6Ti refugáchesme a min
—é o Señor quen fala—,
recuaches para atrás;
e eu estendín a miña man contra ti para destruírte,
estaba canso de ter compaixón.
7Erguinos coma o trigo coa forquita da limpa, nas portas da capital;
deixei sen fillos e destruín o meu pobo,
pois do seu comportamento non se arrepentían.
8Multipliquei as súas viúvas
máis cá area do mar,
fixen vir sobre eles a débeda de súa nai,
o soldado que destrúe ó mediodía.
Fixen caer de repente sobre elas
a súa débeda,
o pavor e mais o terror.
9Desfaleceu a que podía parir sete veces,
expirou a súa vida;
púxose o sol para os seus días,
morreu de vergonza e confusión.
E o resto deles heino entregar á espada,
na presenza dos seus inimigos —é o Señor quen fala—.
Crise vocacional do profeta. Oración e confirmación na súa vocación
10Ai de min, miña nai tróuxome ó mundo para ser home de preitos,
home de litixios contra todo o país!
Nin prestei nin me prestaron,
pero todos eles me maldín.
11Pois falan: "Señor, eu sírvote fielmente,
eu non te ofendo!:
a calamidade encherá de terror o inimigo, invadirao a angustia".
12Pero acaso vai quebrar o ferro, o ferro que vén do norte, ou o bronce?
13As túas posesións e mais os teus tesouros dounos ó saqueo,
dounos de balde, por culpa de todos os teus pecados en todas as túas montañas.
14Eu fareite pasar ó poder dos teus inimigos,
a un país que ti non coñeces,
pois o lume inflamou a miña ira,
pola vosa causa segue ardendo.
15Ti ben o sabes:
Señor, lémbrate de min e faime xustiza,
víngame dos que me perseguen.
Revístete da túa paciencia, cólleme coma cousa túa,
sabe que eu por ti aguanto inxurias.
16Cando había palabras túas, eu devorábaas,
as túas palabras eran para min unha alegría,
e a ledicia do meu corazón;
olla que Ti mesmo invocaches o teu Nome sobre min,
Señor Deus dos Exércitos.
17Eu non me sentei na xuntanza dos que o pasan ben nin me alegrei,
senón que, pola presenza do teu poder,
sentei senlleiro, pois enchérasme da túa ira.
18Por que se volve crónica a miña dor?
E por que a miña dolorosa ferida se resiste a curar?
A ferida si que se volveu para min coma un regueiro enganoso,
coma a auga que non é segura.
19Por isto así fala o Señor:
—Se volves, eu fareite volver a min,
estarás comigo na miña presenza;
se apartas o que é correcto do que é baixo,
ti serás a miña boca.
Que volvan eles a ti, pero ti non volvas a eles.
20Eu constitúote a ti en muralla de bronce indestrutible para este pobo:
loitarán contra ti pero non te poderán.
Eu estou contigo para salvarte e librarte —é o Señor quen fala—.
21Heite librar das mans dos malvados,
heite rescatar do puño dos opresores.
Currently Selected:
Xeremías 15: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT