Xeremías 14
14
A gran seca
1Palabras do Señor que lle viñeron a Xeremías acerca do asunto da seca:
Súplica de lamentación colectiva
2Xudá morre de sede,
os gardas das súas portas están esmorecidos,
viven entre escuridades no país,
soben os clamores de Xerusalén.
3Os máis grandes de entre eles mandan ós seus rapaces por auga,
van ata os pozos, non atopan auga,
traen de volta as súas olas baleiras,
están avergonzados e confundidos,
pola burla cobren a cabeza.
4Cando se atravesan as terras,
estas son algo terrible,
pois non hai chuvia no país.
Están avergonzados os labregos que labraron,
cobren a cabeza.
5Velaquí que tamén a corza pariu na camposa
e deixou abandonada a súa cría,
pois non hai herba verde.
6Os burros do monte páranse nos altos,
ventan o aire coma os chacais,
teñen os ollos cansos,
pois non hai herba verde.
7As nosas iniquidades falan contra nós;
Señor, actúa por mor do teu Nome;
certo que son moitas as nosas perversidades,
ofendémoste a ti, 8Esperanza de Israel, Saúde no momento da angustia.
Por que es ti coma un forasteiro no país,
coma o que vai de viaxe e se aparta do camiño para pasar a noite?
9Por que es coma un que se retira,
coma un soldado que non é capaz de salvar?
Pero ti, Señor, estás entre nós,
e o teu Nome invócase sobre nós,
non nos abandones.
Resposta divina para o pobo
10O Señor respóndelle así a este pobo:
—Ben que lles gustou ir en romaría,
non lles aforraron traballos ás pernas!
Pero o Señor non os ollou con amor.
Agora acórdase das súas iniquidades,
pídelles contas dos seus pecados.
11E o Señor díxome a min:
Resposta divina ó profeta
—Non intercedas por este pobo para o seu ben,
12Aínda que xaxúen,
non serei eu quen escoite a súa clamorosa súplica;
aínda que ofrezan holocaustos e ofrendas,
non serei eu quen se lles mostre favorable,
senón que acabarei con eles pola espada,
a fame e a peste.
13E eu repuxen:
Consulta de Xeremías acerca da mensaxe dos falsos profetas
—Ai, meu Señor Iavé!
Velaquí o que lles anuncian os profetas:
Non habedes ver a espada, nin pasaredes fame,
é a paz o que vos hei dar neste lugar santo.
14Volveume dicir o Señor:
Resposta divina contra os falsos profetas e o pobo
—É mentira o que os profetas profetizan no meu Nome:
Eu nin os mandei, nin lles dei ordes,
nin lles falei;
o que eles lles profetizan son falsas visións e adiviñanzas,
ouveos e pantasmas da súa mente.
15Por isto, así fala o Señor Altísimo:
—Os profetas que profetizan no meu Nome,
sen que eu os teña mandado,
os que din: "nin espada nin fame haberá neste país",
eses profetas pola espada e pola fame acabarán.
16E o pobo ó que eles profetizan,
xacerá pisado nas rúas de Xerusalén,
por causa da fame e da espada,
e non terán quen lles dea sepultura
a eles, ás súas mulleres, ós seus fillos e ás súas fillas;
deste xeito farei vir sobre eles a súa ruindade.
Nova súplica de lamentación colectiva
17Proclámalles este oráculo:
—Os meus ollos chorrean bágoas,
de día e de noite moito choran!
pois a Mociña, a filla do meu pobo, arruinouse cun enorme desastre,
está completamente deshonrada cunha grande ferida.
18Saio ó campo e velaquí:
asasinados a espada;
entro na cidade e velaquí:
esmorecidos coa fame.
Olla para o sacerdote e para o profeta:
andan á deriva polo país e nin conta se dan.
19Refugaches definitivamente a Xudá?
Tes noxo de Sión?
Por que nos feriches e non hai remedio para nós?
Por que se está á espera da paz, e non hai cousa boa,
e no momento do remedio se presenta o terror?
20Señor, recoñecemos a nosa impiedade,
a iniquidade dos nosos devanceiros,
pois temos pecado contra ti.
21Por mor do teu Nome, non rexeites,
non trates a golpes o trono da túa gloria;
fai memoria e non rompas a túa alianza connosco.
22Acaso hai entre os deuses inútiles dos pagáns algún que poida dar a chuvia?
Acaso é o ceo quen dá as chuvias benfeitoras?
Acaso non es ti, o Señor, noso Deus?
En ti poñemos a nosa esperanza,
pois ti sempre nos deches todo isto.
Currently Selected:
Xeremías 14: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT