Xeremías 13
13
Xesto simbólico da faixa que podrece: corrupción total do pobo
1Así me dixo o Señor:
Vai mercar unha faixa de liño, e pona sobre os cadrís;
pero na auga non a metas.
2Eu merquei a faixa, conforme o mandato do Señor, e cinguín con ela os cadrís.
3Volveu de segundas falarme o Señor:
4Colle a faixa que mercaches, a que tes sobre os cadrís; colle o camiño do Éufrates e esconde alí a faixa na fendedura dunha pena.
5Eu fun, e escondina no Éufrates conforme o Señor me mandou.
6E ó cabo de moito tempo díxome o Señor:
—Colle o camiño do Éufrates e recolle alí a faixa no lugar onde cha mandei esconder; 7eu fun ó Éufrates, cavei un pouco e recollín a faixa no lugar onde a escondera: a faixa estaba podre, non servía para nada.
8Veume de novo a palabra do Señor nestes termos:
9—Así fala o Señor:
Do mesmo xeito farei podrecer a gloria de Xudá,
e a grande gloria de Xerusalén.
10Este pobo malvado que non quere escoitar as miñas palabras,
que se comporta segundo os antollos do seu corazón,
e que vai tras deuses alleos para lles dar culto e os adorar,
será coma esa faixa que xa non serve para nada.
11Así como a faixa cingue os cadrís, así quixen eu cinguirme de Israel e coa casa toda de Xudá, de xeito que fose o meu pobo, o meu renome, a causa da miña loanza e da miña gloria; pero non me fixeron caso.
Os dirixentes son pelellos cheos da ira do Señor
12Haslles anunciar este oráculo:
—Así fala o Señor, o Deus de Israel: "Todos os pelellos han de se encher de viño". E responderanche: "Acaso non o sabemos de abondo, que todos os pelellos se han encher de viño?". 13Ti responderaslles: "Así fala o Señor:
Ollade: eu estou enchendo de viño da borracheira
a todos os habitantes deste país:
ós reis, sucesores de David, que sentan no seu trono;
ós sacerdotes e ós profetas,
e mais a todos os habitantes de Xerusalén.
14Hei facer que os escachicen,
cada un contra o seu irmán,
os pais e mais os fillos volveranse agresivos —é o Señor quen fala—,
xa non teño compaixón nin sinto mágoa
nin me compadezo de acabar con eles".
Exhortación á debida adoración ó Señor, baixo a ameaza do desterro
15Oíde, escoitade, non sexades soberbios,
que é o Señor quen fala:
16Dádelle ó Señor, o voso Deus, a debida adoración,
antes de que apareza a escuridade,
antes de que tropecen os vosos pés
contra os montes das sombras;
vós esperades con ansia a luz do nacente,
e velaí a escuridade mortífera que se volve espesa nube.
17Se non lle facedes caso, eu chorarei ás agachadas,
por causa da vosa soberbia correrán as miñas bágoas,
bágoas baixarán dos meus ollos,
xa que vai cativo o rabaño do Señor.
Exhortación ó rei e á raíña nai
18Dilles ó rei e á raíña:
—Humilládevos, sentádevos no chan,
pois está caendo das vosas cabezas
a coroa da vosa gloria.
19As cidades do sur están pechadas xa,
e non hai quen as abra;
levan a Xudá ó desterro, a todo el,
depórtano en masa.
Interpretacións teolóxicas da historia daquel momento
20Levanta os teus ollos,
olla para os que veñen do norte.
Onde están as ovellas que se che deron,
o rabaño da túa gloria?
21Que dirás cando che pidan contas das túas débedas?
Ti xa lles ensinaches a túa débeda:
dúas mil moedas por cabeza.
Acaso non che van quitar os rabaños?
Como é que te desesperas
por culpa da débeda?
22E como é que non pensas
para os teus adentros:
"Por que berran estes comigo"?
Polos teus moitos pecados
levántanche as faldras,
tratan con violencia os teus calcañares.
23Poderá cambiar a súa pel o etíope?
O leopardo poderá cambiar a súa pelaxe pintada?
O mesmo vós, seredes capaces de obrar ben, estando afeitos á ruindade?
24Pois eu esparexereinos coma a palla,
que desaparece co vento do deserto.
25Esta será a túa sorte,
a paga que recibes da miña parte polas túas mans —é o Señor quen fala—.
A ti que me deixaches a min a un lado
e confiaches na mentira,
26tamén eu che levantarei
as faldras ata a túa cara,
para que se vexan as túas vergonzas,
27os teus adulterios,
os teus rinchos de luxuria,
os proxectos da túa fornicación.
Nos outeiros do campo
vin as túas abominacións.
Ai de ti, Xerusalén,
que non queres purificarte!
Apuras a túa morte eterna!
Currently Selected:
Xeremías 13: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT