YouVersion Logo
Search Icon

Xeremías 12

12
2. Cuestións do profeta sobre o éxito dos malvados
1Señor, se eu che poño preito,
ti tes sempre razón,
pero quero expoñerche unhas cuestións:
Por que ten éxito o comportamento dos malvados?
Por que viven tranquilos todos os traidores?
2Ti plántalos, e eles botan raíces,
medran e dan froitos;
ti estás preto dos seus labios,
pero lonxe dos seus sentimentos.
3En troques, ti coñécesme ben,
estasme vendo,
ti pescudas a miña actitude contigo.
Ponos á parte
coma cordeiros para a matanza.
Sepáraos para o día da desfeita.
4Cánto tempo aínda estará en tristura a cidade
e as herbiñas de todos os campos requeimados?
Pola ruindade dos seus habitantes
a cidade está privada de gando e de paxaros,
pois din: o Señor non pode ver a nosa fin.
5Se correndo cos soldados de infantería, eles véncente,
como vas competir cos de cabalería?
Se nunha cidade tranquila vives confiado,
como te comportarías no alto do Xordán?
6Pois velaquí a razón: o teu irmán e mais a familia do teu pai
traizóante abertamente,
a gritos chaman tras ti, si, a gritos.
Non te fíes deles, aínda que che dean boas palabras.
Resposta a "canto tempo aínda?"
7Abandonei a miña casa,
deixei a miña herdanza,
entreguei o amor da miña vida
na man dos seus inimigos.
8A miña herdanza volveuse para min coma unha leoa na selva,
que lanza contra min o seu brado,
por isto renego dela.
9A miña herdanza volveuse para min un paxaro pinto,
outros paxaros andan arredor contra ela:
Vinde, xuntádevos todas as feras do monte,
traede a alguén que devore.
10Moitos pastores arruinaron a miña viña,
triparon a miña parte,
converteron a parte dos meus amores nun ermo estragado;
11fixérona un estrago lamentable;
contra min é o estrago.
Todo o país está estragado,
ninguén o ten en consideración.
12Por todos os outeiros do deserto viñeron os saqueadores:
pois a espada de Deus devora
dunha punta á outra do país,
non hai paz para ningún dos vivos.
13Sementaron trigo e recolleron cardos,
cansaron e non sacan proveito,
avergónzanse da colleita:
amoreouse o furor da ira do Señor.
A promesa salvífica para Israel segue en pé se ten fe no Señor
14Así fala o Señor Altísimo:
—En canto ós ruíns, veciños que atacaron a miña herdanza,
a que eu lle dei ó meu pobo Israel.
eu mesmo os arrincarei das súas terras,
e á casa de Israel arrincareina do medio deles,
15e despois de arrincalos, volverei a compadecerme deles
e farei volver a cada un
á súa herdanza e á súa terra.
16E sucederá que se aprenden ben a se comportar coma o meu pobo,
xurando polo meu Nome, vive o Señor!, igual que eles lle ensinaron ó meu pobo a xurar por Baal,
entón serán constituídos en pobo meu.
17Pero se non fan caso hei de arrincar e destruír este pobo —é o Señor quen fala—.

Currently Selected:

Xeremías 12: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Xeremías 12