YouVersion Logo
Search Icon

Xeremías 11

11
Xeremías, portavoz e defensor da Alianza
1Palabra que de parte do Señor recibiu Xeremías:
2Escoitade os termos desta alianza,
proclamádeos a cada un dos xudeus,
e ós habitantes de Xerusalén.
3Haslles dicir:
—Así fala o Señor, o Deus de Israel:
Maldito o home que non fai caso
dos termos desta alianza,
4que eu mandei a vosos pais,
o día en que os saquei do país de Exipto,
dun forno de fundir ferro, dicíndolles:
"Facédelle caso á miña voz, e poñede por obra o que vos indico;
conforme a todo o que vos mandei:
así seredes para min o meu pobo,
e eu serei para vós o voso Deus".
5Deste xeito cumprirei a promesa que con xuramento fixen a vosos pais,
de darlles para eles a terra que deita leite e mel, coma o día de hoxe.
E eu repuxen dicindo:
—De acordo, Señor.
6Logo o Señor díxome:
—Proclama todas estas palabras nas cidades de Xudá,
e nas rúas de Xerusalén, dicíndolles:
"Facédelles caso ós termos desta alianza e poñede por obra o que vos indico.
7Ben llelo declarei solemnemente ós vosos pais,
desde o día en que os fixen subir do país de Exipto e ata o día de hoxe
encargándolles e recomendándolles
que me escoiten.
8Pero non me escoitaron
nin me fixeron caso,
senón que cada un seguiu as apetencias
do seu corazón ruín.
Por isto eu trouxen contra eles
todas as maldicións desta alianza,
que lles mandei poñer por obra
e non puxeron".
9Díxome o Señor:
—Hai confabulación contra min entre cada un dos xudeus e dos habitantes de Xerusalén. 10Volveron ás iniquidades dos seus pais, que refugaron facer caso ás miñas palabras. Fóronse tras deuses alleos para lles daren culto. O reino de Xudá e mais o reino de Israel romperon a miña alianza, a que eu fixen cos seus devanceiros.
11Por isto así fala o Señor:
—Velaquí que eu mandarei contra eles un desastre do que non serán capaces de fuxir;
a gritos pediranme axuda, pero eu non os hei escoitar.
12Entón as cidades de Xudá e mais os habitantes de Xerusalén irán pedir axuda ós deuses, ós que ofrendaron sacrificios de incenso; pero eses deuses non serán capaces de salvalos da súa situación de desastre.
13Velaquí o número das túas cidades: ese é tamén o número dos teus deuses, Xudá; segundo o número das rúas de Xerusalén, así erguestes altares das vergonzas, para ofrecer sacrificios de incenso a Baal.
14E ti non intercedas en favor deste pobo,
nin eleves clamores nin oracións en favor deles.
Sabe que non serei eu quen faga caso,
cando ti clames a min en favor deles,
mentres siga a súa ruindade.
15Que fai a miña amiga no meu templo?
Cumprir os seus propósitos?
Acaso a graxa e mais a carne sacrificada farán desaparecer as túas débedas?
Mira o mal que fixeches.
Valo celebrar entón con solemnidade!
16"Oliveira frondosa e bonita,
froito que brilla";
chamouche Deus con ese nome,
anuncio dun pobo grande.
O lume prende na súa follaxe,
e rómpense as ramas.
17O Señor dos Exércitos que te plantou,
anuncia contra ti unha calamidade,
por causa da maldade do reino de Israel
e do reino de Xudá,
maldade que fixeron contra si mesmos;
si, anoxáronme a min
ofrecéndolle o incenso a Baal.
SIMBOLISMO TEOLÓXICO DA CONFABULACIÓN CONTRA XEREMÍAS
1. O Señor descóbrelle ó profeta a confabulación contra el
18O Señor mostroumo, e entón comprendino, fíxome ver os seus feitos.
19Eu era coma año manso levado á morte,
e non me daba conta de que tramaban maquinacións contra min:
"Cortemos a árbore no seu vigor,
arrinquémola da súa terra vital,
que non se lembre o seu nome endexamais".
20Señor dos Exércitos,
ti que xulgas con xustiza,
ti que pós á proba as entrañas
e mais o corazón;
que eu vexa a vinganza
que ti tomas contra eles,
pois a ti che confiei o meu preito.
21Por isto, así fala o Señor
contra os homes de Anatot:
—Estes están buscando matarte dicíndoche:
"Deixa de profetizar
no nome do Señor dos Exércitos,
e así non morrerás nas nosas mans".
22Por isto así fala o Señor dos Exércitos:
—Sabédeo: eu voulles pedir contas:
os mozos morrerán a espada,
os seus fillos e fillas morrerán de fame;
23deles non quedará nin resto,
pois heilles mandar unha desgraza
ós homes de Anatot,
o ano en que lles pida as contas.

Currently Selected:

Xeremías 11: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Xeremías 11