YouVersion Logo
Search Icon

Isaías 7

7
Para Acaz: mensaxe de esperanza e denuncia da incredulidade
1No tempo do rei de Xudá, Acaz, fillo de Iotán, fillo de Ozías, subiron a Xerusalén Resín, rei de Siria e Pécah, fillo de Remalías, rei de Israel, atacárona, pero non foron capaces de a conquistar.
2Daquela chegou a noticia á descendencia de David nestes termos:
"Os sirios están acampados en Efraím"; estremeceuse o seu corazón e mais o corazón do seu pobo, o mesmo que se estremecen as árbores do souto en presenza do vento.
3Entón díxolle o Señor a Isaías: "Saíde ó encontro de Acaz, ti e mais o fillo que se chama Sear Yasub, ó cruce da canle do Estanque de Arriba co camiño que vai ó campo do bataneiro. 4Haslle dicir:
Atento: ten moita calma, non teñas medo e que o teu corazón non se afrouxe por eses dos dous tizóns que fumegan: a rabia de Resín de Aram e do fillo de Remalías. 5Porque Aram aconselloulles calamidades contra ti a Efraím e ó fillo de Remalías, dicíndolles: 6Subamos contra Xudá e infundámoslle pavor; abramos brecha contra ela e constituamos rei nela ó fillo de Tabel".
7Así fala o Señor Iavé: "Isto non se cumprirá nin sucederá,
8pois Damasco é a capital de Aram, e a cabeza de Damasco é Resín
(ó cabo de sesenta e cinco anos Efraím deixará de ser un pobo);
9A capital de Efraím é Samaría, e a cabeza de Samaría é o fillo de Remalías.
Vós non credes. Pois non subsistiredes!"
Para Acaz: o Emmanuel, final de esperanza
10O Señor volveulle falar a Acaz nestes termos:
11"Pide para ti un sinal de parte do Señor, o teu Deus, nas profundidades do Xeol ou arriba nas alturas".
12Respondeu Acaz:
"Non o pido, pois non quero poñer a proba ó Señor".
13Entón dixo Isaías:
"Escoitade vós, casa de David: Non vos é pouco dominar os homes, que aínda queredes dominar o meu Deus? 14Por isto, o meu Señor daravos El mesmo un sinal: Velaí a doncela: está en cinta e dá a luz un fillo, ó que lle pon de nome Emmanuel; 15comerá nata e mel, xa que saberá rexeitar o mal e escoller o ben. 16Aínda antes de que o meniño saiba rexeitar o mal e escoller o ben, serán abandonados os países dos dous reis ante os que ti tremes.
17O Señor fará vir sobre ti, sobre o teu pobo e sobre a casa do teu pai, días que non viñeron desde que se apartou Efraím de Xudá.
Anuncio dunha invasión asiria
Coa axuda do rei de Asiria, 18sucederá o día aquel,
que o Señor lles asubiará ás moscas que están alá nas canles do Nilo en Exipto
e ás abellas que hai no país de Asiria;
19virán todas e pousarán nos regueiros das quebradas e nas fendas das penas, nas silveiras todas e nos augadoiros.
20O día aquel afeitará o meu Señor, con navalla de aluguer de alén do Éufrates, ó rei de Asiria:
a cabeza e os pelos das pernas, e tamén a barba.
21Sucederá o día aquel, que cada un poderá manter
unha xovenca de gando grande e un par de reses do rabaño.
22Producirase tanto leite que se comerá nata.
Si, quen fique no país comerá nata e mel.
23Sucederá o día aquel, que calquera viñedo,
con mil cepas por valor de mil moedas de prata,
volverase unha silveira e un toxal.
24Entrarase dentro del con frechas e con arco:
todo o país será unha silveira e un toxal.
25Tampouco se entrará nos soutos rozados coa sacha,
por medo ás silveiras e ós toxos;
todo quedará a monte: para meter bois e ser pisados das cabras".

Currently Selected:

Isaías 7: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in