Isaías 6
6
LIBRO DO EMMANUEL (6-12)
Relato de teofanía vocacional
1O ano da morte do rei Ozías, vin o Señor sentado nun trono alto e levantado. A orla do seu manto enchía o santuario.
2De pé na súa presenza estaban dous serafíns; cada un tiña seis ás: con dúas tapaban a cara; coas outras dúas, os pés; e coas outras dúas voaban.
3Exclamaban un cara ó outro: "Santo, Santo, Santo, o Señor dos Exércitos: a terra toda está chea da súa gloria!".
4Estremecían os marcos das portas da entrada co seu clamor, e o santuario estaba cheo de fume.
5Eu dixen: "Ai de min! Estou perdido!
Pois sendo un home de labios lixados,
e que vive entre un pobo de labios lixados,
vin cos meus ollos o mesmo Rei, o Señor dos Exércitos".
6Entón un dos serafíns voou onda min;
tiña na súa man unha brasa que collera de enriba do altar cunhas tenaces,
7e achegouna á miña boca, dicíndome:
"Olla: isto tocou os teus labios,
a túa culpa desapareceu, o teu pecado está perdoado".
8Entón escoitei a voz do Señor que dicía:
"A quen mandarei? Quen irá da nosa parte?".
Entón díxenlle: "Aquí estou, mándame a min".
9Respondeume: "Vai e dille a ese pobo:
Escoitade atentamente, que non entenderedes.
Ollade con todo o xeito, que non comprenderedes.
10Entulla o corazón deste pobo,
endurécelle os oídos, cégalle coa luz os ollos;
que non vexa cos seus ollos, nin escoite cos seus oídos,
que o seu corazón non comprenda e non se arrepinta e o cure".
11Entón eu pregunteille: "Ata que día, Señor?".
Respondeume: "Ata que se volvan desoladas as cidades
por falta de habitantes e as casas por falta de homes,
e a terra se arruíne e quede despoboada.
12Desterrará o Señor ó home e os ermos aumentarán no medio do país.
13E se aínda queda nel a décima parte, volverá a ser leña para o lume.
O mesmo que ó cortar a aciñeira e o carballo se lles deixa o coto,
así o coto do pobo será semente santa.
Currently Selected:
Isaías 6: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT