Isaías 8
8
Nacemento e nome simbólico dun fillo do profeta
1O Señor díxome:
"Colle unha táboa grande e escribe nela con buril ordinario: Pronto Botín — Rápido Saqueo".
2Eu collín como testemuñas a homes de creto: a Urías, o sacerdote, e a Zacarías, fillo de Ieberequías. 3Logo achegueime á profetisa: ela quedou en cinta e deu a luz un fillo. Entón o Señor díxome:
"Chámalle de nome Pronto Botín — Rápido Saqueo, 4pois antes de que o meniño saiba pronunciar meu pai e miña nai, levará á presenza do rei de Asiria as riquezas de Damasco e o botín de Samaría".
Máis oráculos acerca do Emmanuel
5Continuou o Señor falándome de novo nestes termos:
6"Porque este pobo rexeitou as augas de Xilóah que camiñan mansamente,
e porque ten a súa alegría con Resín e co fillo de Remalías",
7velaí que o meu Señor fará subir contra eles,
as augas furiosas e crecidas do río Éufrates,
(o rei de Asiria e o todo o seu esplendor).
Rebordará e arrasará toda a súa ribeira.
8Inundará Xudá, rebordará, invadirá e chegará ata o pescozo.
A extensión dos seus regatos encherá toda a túa terra, Emmanuel.
9Asociádevos, pobos; ides ser confundidos;
facede por escoitalo, todos os confíns da terra:
Cinguídevos as armas, que seredes confundidos.
10Trazade un plan, e será esnaquizado;
falade o asunto, e non se manterá;
pois connosco está Deus.
O Señor é o verdadeiro conspirador e pedra onde o pobo tropeza
11Así dixo o Señor, cando me colleu da man e me apartou do vieiro deste pobo:
12"Non chamedes conspiración a todo o que este pobo chama conspiración;
non temades o que el teme, nin lle teñades medo".
13O Señor dos Exércitos, El é o Conspirador,
El será a causa do voso temor e do voso medo:
14converterase, para as dúas casas de Israel, no Conspirador,
na pedra de tropezo, na pedra que fai caer,
en lazo e trampa para os habitantes de Xerusalén.
15Si, moitos deles tropezarán nelas, tropezarán moitos, caerán e esnaquizaranse,
quedarán atrapados e presos.
A palabra profética, testemuño perpetuo
16Envolvo o rolo da exhortación xunto cos meus discípulos, selo o ensino.
17Despois espero no Señor, que esconde da casa de Xacob a súa cara. Agardo por El.
18Velaí: eu e mais os fillos que o Señor me deu servimos de sinais e presaxios en Israel, de parte do Señor dos Exércitos, que reside no monte Sión. 19E cando vos digan: "Consultade os nigromantes e os adiviños que rosman e murmuran: Non pode un pobo consultar os seus deuses e os mortos en favor dos vivos?". 20Velaí a exhortación! Velaí o ensino! Esta é a palabra coa que se lles ha de responder, e que non ten forza máxica.
21Un atravesa o país deprimido e famento;
cando lle dá fame, desespérase.
Empeza a maldicir o seu rei e o seu Deus;
volve a cara para o alto, 22e olla para a terra:
todo, angustia e escuridade, negrura, opresión,
e profunda escuridade espallada por todo.
23Pero non hai escuridade para o que foi afirmado.
Significado do nacemento do Emmanuel: alba de luz e paz Así como nun primeiro momento humillou o país de Zebulón e o país de Naftalí,
así no derradeiro glorificará o camiño do mar, a rexión do Xordán, a bisbarra dos xentís.
Currently Selected:
Isaías 8: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT