Isaías 38
38
Enfermidade e curación de Ezequías
1Naqueles días Ezequías caeu enfermo de morte, e o profeta Isaías, fillo de Amós, foi onda el para dicirlle:
"Así fala o Señor: dá ordes á túa casa, que estás morrendo e non seguirás vivindo".
2Entón Ezequías volveu o seu rostro cara á parede e rezoulle ó Señor:
3"Ah, Señor, lémbrate por favor, de que camiñei na túa presenza con fidelidade e con corazón enteiro, e de que fixen o que está ben ós teus ollos".
E chorou Ezequías con grande pranto.
4Logo veulle a palabra do Señor a Isaías nestes termos:
5"Vai e dille a Ezequías: así fala o Señor, Deus de teu pai David: fíxenlle caso á túa oración e ollei compracido para as túas bágoas. Eu engado sobre os teus días quince anos. 6Librareite a ti e esta cidade do puño do rei de Asiria, e protexerei esta cidade. 7Si, este será da parte do Señor o sinal de que cumprirá esta palabra que falou: 8Velaí: vou facer cear a sombra os mesmos chanzos que baixou pola escaleira de Acaz: dez chanzos para atrás".
Entón o sol ceou dez chanzos para atrás, os chanzos que baixara.
Oración de Ezequías
9Escrito de Ezequías, rei de Xudá, de cando estivo enfermo e reviviu da súa enfermidade:
10Eu pensaba: teño que marchar na metade dos meus días,
estou posto ás portas do Xeol para o resto dos meus anos.
11Pensei: xa non poderei ver o Señor, o Señor que está no país da vida,
xa non volverei contemplar a terra, estarei cos que moran no mundo dos mortos.
12A miña morada éme arrancada e enrolada, coma a miña tenda de pastor.
Estendín coma unha tea a miña vida, pero córtanme o urdido.
Abandonáchesme desde o día ata a noite, 13pido auxilio ata a mañanciña.
Igual ca un león, alguén esnaquiza os meus ósos, desde o día ata a noite abandonáchesme.
14Coma unha andoriña, así estou piando, arrolo coma unha pomba.
Os meus ollos levantáronse cara ó Altísimo, pero o meu Señor oprimiume, cubriume de escuridade.
15Que direi? —pensei para min—. Se foi El quen o fixo.
Amareino todos os meus anos, a pesar das amarguras da miña vida.
16Ti, Señor, estás por enriba das amarguras; volveranse felicidade,
e a felicidade do meu espírito será superior a todo o que hai nelas.
Si, volverasme san e farasme feliz:
17velaí: o meu amargo sufrimento volverase felicidade.
Ti mesmo preservaches a miña vida do pozo da destrución,
pois botaches sobre o teu lombo todos os meus pecados.
18Porque o Xeol non che dá grazas, nin a Morte loanza,
non esperan a túa fidelidade os que baixan ó Xeol.
19O que vive, e vive feliz, é quen te loa, o mesmo ca min hoxe.
O pai ensinaralles ós fillos a túa fidelidade.
20Señor, ti salváchesme: tocaremos as miñas arpas
todos os días da nosa vida no templo do Señor.
21Entón dixo Isaías:
"Collede unha cataplasma de figos e póndella sobre o tumor, e vivirá".
22Entón dixo Ezequías:
"Cal é o sinal de que subirei ó templo do Señor?".
Currently Selected:
Isaías 38: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT