Isaías 39
39
Embaixada babilónica e xuízo acerca dela
1No tempo aquel o rei de Babilonia Merodak—Baladán, fillo de Baladán, mandou funcionarios e regalos a Ezequías xa que oíra que estivera enfermo e se puxera bo. 2Ezequías alegrouse moito con eles, e mostroulles a casa do tesouro, a prata e mais o ouro, o bálsamo e mais os aceites preciosos, e toda a súa adega; e todo o que se atopaba nos seus almacéns; non houbo cousa que non lles ensinase no seu pazo e en todo o seu dominio. 3Entón foi o profeta Isaías onda o rei Ezequías e díxolle:
"Que dixeron eses homes? De onde viñeron onda ti?"
Contestoulle Ezequías:
"Viñeron onda min dun país afastado, de Babilonia".
4El volveulle preguntar:
"Que viron no teu pazo?"
Respondeu Ezequías:
"Viron todo o que hai no meu pazo; non houbo cousa nos meus almacéns que eu non llela mostrase".
5Entón Isaías díxolle a Ezequías:
"Escoita a palabra do Señor dos Exércitos: 6velaí chegan días nos que será levado a Babilonia todo o que hai no teu pazo e todo o que amorearon os teus pais ata o día de hoxe; non quedará cousa ningunha desas. Díxoo o Señor. 7Tamén collerán algúns dos teus fillos, ós que ti xeras, e serán oficiais no pazo do rei de Babilonia".
8Entón díxolle Ezequías a Isaías:
"É boa a palabra que o Señor pronunciou".
Pois pensaba: "Cando menos que haxa paz e seguridade nos meus días".
Currently Selected:
Isaías 39: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT