Isaías 37
37
Consulta a Isaías
1Cando o rei Ezequías viu isto, rachou os seus vestidos, cubriuse de saco e entrou no templo do Señor. 2Logo mandou ó ministro do pazo real Eliaquim, ó escriba Xebná e ós máis vellos de entre os sacerdotes, cubertos de sacos, onda o profeta Isaías, fillo de Amós, 3A dicirlle:
"Así fala Ezequías: O día de hoxe é día de angustia, de castigo e de desprezos, pois os fillos chegan á saída da matriz e non hai forza para parir. 4Quizais o Señor, o teu Deus, oíu as palabras do ministro do tesouro que o rei de Asiria mandou para insultar o Deus vivente e o queira castigar polas palabras que o Señor, o teu Deus, escoitou. Fai, pois, subir unha oración polo resto que aínda queda".
5Entón os servidores do rei Ezequías foron onda Isaías, 6e Isaías díxolles:
"Así lle habedes dicir ó voso señor: Así fala o Señor: non teñas medo das palabras que oíches, coas que blasfemaron contra min os mozos do rei de Asiria. 7Olla: eu vou pór nel un espírito, oirá un dito e volverá ó seu país; logo, no seu país, fareino caer coa espada".
8Cando o ministro do tesouro deu a volta, atopou ó rei de Asiria facendo a guerra contra Libnah, xa que oíra que marchara de Láquix. 9Entón oín esta mensaxe acerca de Tirhacah, rei do Alto Exipto: "Saíu a pelexar contra ti", e fíxolle caso ó dito.
Segunda embaixada de Senaquerib
A continuación enviou mensaxeiros a Ezequías: 10"Así lle falaredes a Ezequías, rei de Xudá, dicíndolle:
Que non te engane o teu Deus en quen ti confías, ó pensares que Xerusalén non será entregada na man do rei de Asiria. 11Ti xa escoitaches o que os reis de Asiria lles fixeron a todos os países, entregándoos ó exterminio. E ti vaste salvar? 12Os deuses dos pobos que meus pais arrasaron salváronse acaso? Gozán, Harán, Resef e xente de Edén que vivía en Telasar. 13Onde está o rei de Hamat, o rei de Arpad e o rei de Lair, de Sefarvaim, de Hená e de Ivah?".
Oración de Ezequías
14Entón colleu Ezequías o escrito da man dos mensaxeiros e leuno. Logo subiu ó templo do Señor e Ezequías mesmo o estendeu diante do Señor, 15e Ezequías rezoulle ó Señor nestes termos:
16"Señor dos Exércitos, Deus de Israel,
que tes trono de querubíns.
Ti creaches o ceo e mais a terra.
17Achega, Señor, o teu oído, e escoita.
Abre, Señor, os teus ollos, e mira.
Si, escoita todas as palabras de Senaquerib,
coas que mandou xente para insultar o Deus vivente.
18É verdade, Señor! Os reis de Asiria destruíron
todos os países e as capitais de cada un deles,
19e botaron no lume os seus deuses, pois eles non son deuses,
senón feitío de mans do home, pau e pedra,
e por isto destruíronos.
20Pero agora, Señor, noso Deus, sálvanos da súa man
e todos os reinos da terra recoñecerán
que ti, soamente ti, es o Señor".
Intervención de Isaías
I. Oráculo contra Senaquerib
21Logo Isaías, fillo de Amós, mandou a dicirlle a Ezequías:
"Así fala o Señor, Deus de Israel, a quen ti lle rezaches por causa de Senaquerib, rei de Asiria.
22Estas son as palabras que acerca del dixo o Señor:
A virxe, filla de Sión, desprézate, búrlase de ti.
A filla de Xerusalén move a cabeza por detrás de ti.
23A quen ofendiches e insultaches? Contra quen levantaches a voz
e levantaches cara arriba os teus ollos? Contra o Santo de Israel.
24Por mediación dos teus servos ofendiches o Señor,
pois dicías: coa multitude dos meus carros de guerra,
eu mesmo subín ó alto das montañas, ós mesmos cumes do Líbano.
Cortei os troncos dos seus cedros, o máis escollido dos seus cipreses.
Si, cheguei ó máis alto do seu cume, ó máis espeso da súa foresta.
25Eu mesmo cavei e bebín augas estranxeiras,
e sequei coa planta dos meus pés todos os brazos do Nilo de Exipto.
26Acaso non oíches? Hai moito tempo que o veño facendo,
desde os tempos de antes véñoo planeando, agora fíxeno chegar;
e ti fuches quen arrasou: moreas de pedras que proveñen de cidades fortificadas!
27e os seus habitantes, impotentes, aterrorizáronse e avergonzáronse;
foron herba do campo, verdor das leiras,
herba tenra dos tellados abrasada coa presenza do vento leste.
28O teu reinar, o teu saír e o teu entrar das campañas militares, eu coñecino,
e tamén o teu repoñerte contra min.
29Porque te reviraches contra min e porque a túa soberbia chegou ós meus oídos,
porei o meu anel de ferro no teu nariz e o meu freo nos teus beizos, e fareite volver do vieiro por onde andaches.
II. Sinal salvífica para Xudá
30Este será para ti o sinal:
comeredes neste ano o que brota de seu, e o ano que vén comeredes o que volva brotar;
pero no terceiro ano sementade e recollede, plantade viñas e comede o seu froito.
31Si, os escapados da casa de Xudá que queden,
volverán a enraizar por abaixo e darán froito por arriba.
32De Xerusalén sairá un resto, o escapado do monte Sión.
O celo do Señor dos Exércitos fará isto.
III. Síntese dos dous oráculos anteriores
33Velaí: así fala o Señor acerca do rei de Asiria:
non volverá a esta cidade nin lanzará aquí frechas,
non estará diante dela con escudos, nin levantará contra ela terrapléns.
34Polo camiño por onde veu, volverá; pero nesta cidade non entrará
—é o Señor quen fala—.
35Eu protexerei esta cidade, salvándoa, por mor de min mesmo e do meu servo, David".
36Entón o anxo do Señor saíu e feriu a 185. 000homes no campamento de Asiria, e cando chegou a mañá, todos eles eran corpos mortos. 37Entón Senaquerib, o rei de Asiria, púxose en movemento, marchou e volveu reinar en Nínive. 38E, cando estaba prostrado en adoración no templo de Nisrok, o seu deus, os seus fillos Adramelec e Saréser matárono coa espada. Eles escaparon para o país de Ararat e logo, no seu posto, subiu ó trono o seu fillo Esar—Hadón.
Currently Selected:
Isaías 37: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT