YouVersion Logo
Search Icon

Isaías 36

36
COMPLEMENTO HISTÓRICO
Ameaza de Senaquerib contra Xerusalén
1No ano catorce do rei Ezequías subiu Senaquerib, rei de Asiria, contra todas as cidades fortificadas de Xudá, para apoderarse delas. 2O rei de Asiria enviou o ministro do tesouro desde Láquix a Xerusalén, onda o rei Ezequías, cun grande exército. Este tomou posición xunto ó canal do estanque de arriba, no camiño do campo do bataneiro. 3Entón saíron a xunto del o ministro do pazo real Eliaquim, fillo de Hilquías, o escriba Xebná e o chanceler, Ioah, fillo de Asaf. 4O ministro do tesouro díxolles:
"Dicídelle a Ezequías: Así fala o grande rei, o rei de Asiria: Que clase de confianza é esa na que ti confías? 5Pensaches que as meras palabras dos labios son o plan e a forza para a guerra? En quen confías, xa que te rebelaches contra min? 6Olla, ti confías en Exipto, no apoio desa canivela rota e a quen se apoia nel penétralle a man e atravésalla; así é o rei de Exipto para todos os que confían nel.
7Pero certo que me vas dicir: É no Señor, o noso Deus, en quen confiamos!
Acaso non foi El a causa de que Ezequías retirase os seus santuarios e os seus altares dos outeiros, e de que lles dixese a Xudá e a Xerusalén: Diante deste altar habedes de prostarvos en adoración? 8Pois ben, aposta agora co meu señor, o rei de Asiria: douche dous mil cabalos, se es capaz de pór pola túa conta soldados de equipamento sobre eles.
9De que xeito, pois, poderás facer recuar o ataque dun só gobernador de entre os máis pequenos servidores do meu señor? É aínda pola túa confianza en Exipto e nos seus carros e cabalos? 10E ademais, acaso subín eu a este país para arrasalo sen o consentimento de Iavé? O Señor díxome: Sube a ese país, e arrásao".
11Entón Eliaquim, Xebná e Ioah dixéronlle ó ministro do tesouro:
"Fálalles, por favor, ós teus servos en arameo, que nós entendemos, e non nos fales en xudeu ós oídos do exército que está sobre a muralla".
12O ministro do tesouro respondeu:
"Acaso o meu señor me mandou soamente onda o teu señor e onda ti para pronunciar estas palabras? Acaso as palabras non van tamén para os homes que están sentados sobre a muralla, comendo o seu propio esterco e bebendo o seus propios ouriños a canda vós?".
13Entón o ministro do tesouro púxose de pé e berrou con grandes voces en xudeu e dixo:
"Escoitade as palabras do grande rei, do rei de Asiria. 14Así fala o rei: Que non vos engane Ezequías, que el non é capaz de salvarvos. 15Que non vos faga confiar en Iavé dicindo: Certo, o Señor hanos salvar; esta cidade non será entregada nas mans do rei de Asiria. 16Non lle fagades caso a Ezequías, que así fala o rei de Asiria: Facede comigo un pacto de bendición. Saíde para onda min; comede cada un da súa viña e cada un da súa figueira, e que beba cada un da auga do seu pozo, 17Ata que eu veña e vos colla para vos levar a un país coma o voso país, terra de trigo e de mosto, terra de gran e de viñas. 18Que non vos engane Ezequías dicindo: O Señor hanos salvar. Acaso os deuses das nacións salvaron cada un ó seu país da man do rei de Asiria? 19Onde estaban os deuses de Hamat e de Arpad? Onde estaban os deuses de Sefarvaim? Que! Algúns deles salvaron Samaría da miña man? 20Quen foron entre todos os deuses destes países os que puideron salvar o seu país da miña man? Será precisamente Iavé quen libre a Xerusalén da miña man?" 21Entón eles quedaron calados e non lle responderon nin palabra, pois a orde do rei era nestes termos: "Non lle respondades".
22Logo o ministro do pazo real Eliaquim, fillo de Hilquías, o escriba Xebná e o chanceler Ioah cos vestidos rachados volveron onda Ezequías e déronlle a coñecer as palabras do ministro do tesouro.

Currently Selected:

Isaías 36: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in