Isaías 30
30
Ai contra a rebeldía idolátrica de facer alianza con Exipto
1Ai, fillos que se rebelan é o Señor quen fala,
facendo un ídolo de pau sen que isto saia de min,
e vertendo metal nun ídolo de fundición, sen contar co meu Espírito,
engadindo así pecado sobre pecado!
2Sen consultar a miña boca, baixan de présa a Exipto,
para buscaren refuxio no poder do Faraón e se refuxiaren á sombra de Exipto.
3Pero o poder do Faraón volveráselles vergonza,
e o refuxio á sombra de Exipto volveráselles desgraza.
4Aínda que os seus xenerais están en Soán,
e os seus mensaxeiros chegan a Hanés,
5todos están humillados por causa do pobo,
que non saca proveito para si nin axuda nin utilidade,
senón a vergonza e mais o oprobio.
6A carga das bestas de Arabia que chegou por terra de angustia e perigo,
con leoas e leóns ruxintes, con víboras e serpentes voadoras,
eles lévana sobre os lombos de burros, pois son as súas riquezas;
sobre a xiba dos camelos levan os tesouros
para un pobo do que non sacan proveito.
7Si, Exipto é aire: va é a súa axuda,
por isto deille este nome: Ráhab, "ruído—inactivo".
Oráculo de xuízo de castigo, testemuñado por escrito
8Agora vai, escríbeo nunha táboa, ven e grávao nunha lousiña,
que sirva para os días futuros, de testemuña para sempre,
9porque son un pobo rebelde, fillos traidores,
fillos que non lle queren facer caso á lei do Señor,
10que lles din ós videntes: "Non teñades visións"
e ós que reciben mensaxes: "Non teñades para nós mensaxes da verdade.
Comunicádenos palabras moles, tende visión de cousas agradables.
11Apartade do noso camiño, quitade do noso vieiro,
retirade de diante de nós ó Santo de Israel".
12Por isto, así fala o Santo de Israel:
"Por rexeitardes a miña palabra,
confiando no tirano máis perverso, e descansando fiados nel,
13por isto esa iniquidade estará contra vós,
como unha greta nun muro alto,
que alomba ameazando ruína.
Cando de repente chega a súa ruptura,
14rompe coma cacharro de oleiro, cando o escachan sen compaixón
e non se atopa entre os seus anaquiños un cacho
para coller lume do fogar ou para sacar auga do pozo".
15Porque así fala o meu Señor, Iavé, o Santo de Israel:
"Seredes salvados con só sentarvos á espera,
a vosa forza está en quedarvos quietos e tranquilos";
pero, non quixestes, 16senón que dixestes:
"Non! Fuxiremos a cabalo!".
"De verdade que fuxiredes!".
"Montaremos cabalos rápidos!" "Rápidos serán tamén os vosos perseguidores!".
17Co bramido dun só fuxiredes mil,
co bramido de cinco fuxiredes: só quedará un, coma o mastro na cima do monte, coma bandeira nun outeiro.
Oráculo salvífico para Xerusalén
18Certo, o Señor está esperando mostrarvos o seu favor,
o Altísimo está esperando ter compaixón de vós.
O Señor é Deus da Xustiza: felices todos os que esperan nel.
19Ai, pobo de Sión, que habitas en Xerusalén, non chores máis:
o seu favor acollerá o teu berro de auxilio;
cando El o escoite, responderache;
20o Señor darache o pan na hora da angustia e auga na hora do asedio;
e o que che dá a chuvia non volverá a marchar,
os teus ollos volverano a ver,
21os teus oídos escoitarán unha palabra:
"Este é o vieiro, camiñade por el",
cando vos desviedes para a dereita e cando vos desviedes para a esquerda.
22Entón profanaredes o revestimento de prata dos vosos ídolos, e botaredes fóra os adornos de ouro das vosas imaxes:
coma pano ensanguentado, declararédelas unha inmundicia.
23Entón daralle a chuvia para a sementeira que sementaches na túa terra,
e o gran, produto da túa terra, será abundante e gordo.
No día aquel o teu rabaño pacerá en pasteiros anchos,
24e os bois e os burros que aren a túa terra,
comerán forraxe ben sazonada, aventada coa galleta e a forquita.
25Sobre todo monte alto e todo outeiro erguido
haberá auga, correrá a regos,
no día da grande matanza, cando caian as torres.
26Entón a luz da lúa será coma a luz do sol
e a luz do sol será sete veces maior,
cando o Señor sande a ferida do seu pobo
e cure a chaga do seu castigo.
Teofanía de castigo contra Asiria
27Velaí o Nome do Señor: está chegando desde lonxe,
arde o seu nariz e o seu fígado bota fume,
os seus labios están cheos de carraxe, a súa lingua é coma o lume devorador,
28A súa respiración coma un río desbordado que chega ata o pescozo:
xunguirá ás nacións co xugo da destrución,
un freo aniquilador estará na boca dos pobos.
29O voso canto será como o da véspera das festas e a ledicia do voso corazón será como cando un marcha coa frauta
para entrar na montaña do Señor Deus, o Penedo de Israel.
30Entón o Señor fará oír o esplendor da súa voz,
mostrará o golpe do seu brazo,
co bufido do seu nariz e a chama do lume devorador,
coa tempestade, a tormenta e o pedrazo.
31Pois co pau da voz do Señor Asiria será esnaquizada:
32cada azoute da vara con que o Señor a castigue, estará acompañado de tambores e de liras,
de danzas de guerra e de ritos de loita contra ela.
33Si, Deus preparou o Tófet contra ela, preparouno para o rei;
afondou, ancheou o seu pozo, amoreou paus e lume,
o alento do Señor, coma un río de xofre, prendeu lume nel.
Currently Selected:
Isaías 30: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT