YouVersion Logo
Search Icon

Isaías 31

31
Ai contra os que poñen a súa confianza na axuda de Exipto
1Ai dos que baixan a Exipto por axuda!
Apóianse nos cabalos, confían nos moitos carros,
e nos tiros de cabalos, tantísimos son!,
pero non ollan para o Santo de Israel nin buscan ó Señor.
2El é o único Sabio, que leva adiante o seu plan,
e non deixa que fallen as súas palabras:
levantarase contra a nación dos malvados
e contra a axuda dos que cometen a iniquidade.
3Exipto é home e non deus,
os seus cabalos son carne e non espírito,
por isto, o Señor estenderá a súa man;
e caerá quen axuda xunto co axudado:
os dous xuntos perecerán.
O Señor é o protector de Sión e do seu pobo fiel
4Díxome así o Señor:
"Como roxe o león, o cachorro do león, pola súa presa,
cando acode contra el o grupo de pastores,
que cos seus berros non o asustan
nin co seu barullo o espantan,
así baixará o Señor dos Exércitos para facer guerra
sobre o monte Sión, sobre o seu outeiro.
5Coma bandadas de paxariños en voo,
así botará o Señor dos Exércitos o seu escudo sobre Xerusalén,
botará o escudo e salvará; estará de garda e rescatará".
6Volvédevos a Aquel de quen tanto se apartaron os fillos de Israel.
7Porque no día aquel cada un rexeitará
os ídolos de prata e os ídolos de ouro
que as vosas mans de pecado fixeron para vós.
8Asiria caerá coa espada daquel que non é home,
será devorada pola espada daquel que non é humano.
Asiria andará fuxida por medo á espada
e os seus mellores irán a traballos forzados.
9O seu Penedo escapará co terror
e os seus xenerais abandonarán a bandeira
—quen fala é o Señor que ten o fogar en Sión,
e o forno en Xerusalén.—

Currently Selected:

Isaías 31: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in