Isaías 29
29
Ai contra Ariel (Xerusalén)
1Ai Ariel, Ariel, cidade onde acampou David!
Engadide un ano a outro ano, e que as festas corran o seu ciclo!
2Entón eu asediarei a Ariel, e haberá lamentación sobre lamentación,
e Xerusalén será de verdade a miña Ariel.
3Acamparei, aldea, arredor de ti, cercareite con campamentos
e levantarei ó teu arredor obras de asedio.
4Falarás baixiño desde debaixo da terra,
e o teu falar soará apagado desde o po,
a túa voz será como un espírito de debaixo da terra,
e o teu falar será un rechouchío desde o po.
5A tropa dos estranxeiros será para ti coma o po fino,
coma arganas que voan será a tropa dos estranxeiros.
Sucederá de repente nun abrir e pechar de ollos,
6que serás visitada polo Señor dos Exércitos,
con trono, con derrubamento e con grande barullo,
con ciclón, con vento e chama de lume devoradora.
7Coma un soño será a visión nocturna:
tropa de todos os pobos facendo a guerra contra Ariel,
si, todos os que loitan contra ela póñenlle sitio e asédiana.
8Sucederá coma cando un soña que ten fame;
come, pero ó espertar ten a gorxa baldeira;
e coma cando un soña que ten sede:
bebe, pero ó espertar está reseco e a súa gorxa sedenta.
Así será a tropa de todos os pobos que fan a guerra contra o monte Sión.
9Pasmádevos, quedade pasmados; cegádevos, quedade cegos,
vós que estades borrachos, pero non de viño,
cambaleades, pero non de licor,
10porque o Señor verteu dentro de vós un espírito de sono profundo:
pechou os vosos ollos, profetas; e cubriu as vosas cabezas, videntes.
11Entón a visión de todo será para vós coma palabras dun rolo selado: cando llo dan a un que sabe ler, dicíndolle: "Olla, le isto", el di: "Non son capaz, está selado"; 12cando se pon o libro diante dun que non sabe ler, dicíndolle: "Olla, le isto", el responde: "Non sei ler".
Oráculo contra o culto formalista
13O meu Señor dixo:
"Este pobo achégase a min coa súa boca, hónrame cos seus labios,
pero o seu corazón está lonxe de min:
a súa adoración é un ritual de homes, algo que aprendeu.
14Por isto, velaí: eu volverei a asombrar este pobo, facendo marabillas e prodixios:
a sabedoría dos seus sabios perecerá
e a intelixencia dos seus intelixentes quedará enterrada".
Ai! contra os falsos sabios, e xurdir duns novos sabios
15Ai dos que manteñen o seu plano en lugar secreto,
ben enterrado, lonxe do Señor!
Ai daqueles que fan as obras na escuridade,
e pensan: "Quen nos ve? Si, quen nos coñece?"
16Perversidade a vosa!
O oleiro é coma o pote que el modela?
De quen a modelou dirá a obra: "El non me fixo"?
Pero a criatura dixo do seu creador: "El non entende".
17Velaí: dentro dun pouco, ben pouquiño,
o Líbano converterase nun verxel
e o Carmelo será considerado un bosque.
18No día aquel os xordos oirán a lectura dun rolo
e desde a escuridade e as tebras os ollos dos cegos verán.
19Entón os pobres aínda se alegrarán máis no Señor,
e os campesiños miserables brincarán de gozo polo Santo de Israel,
20porque se acabará o tirano, desaparecerá o burlón,
e todos os que intentan facer a iniquidade serán exterminados:
21os que declaran culpable a un home con calumnia,
e poñen lazos ós que deciden nas portas da cidade
para botaren o inocente ó deserto.
22Por isto así fala acerca da casa de Xacob
o Señor Deus, o que redimiu a Abraham:
"xa non se avergonzará Xacob, xa non virará branca a súa cara,
23porque cando vexa no medio del os seus fillos, froito das súas entrañas,
eles santificarán o meu Nome".
Santificarán o Santo de Xacob e farán reverencia ó Deus de Israel.
24Entón os de espírito extraviado coñecerán o que é ter siso,
e os murmuradores aprenderán a instrución que se lles dá.
Currently Selected:
Isaías 29: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT