Habacuc 2
2
ORÁCULO DE RESPOSTA DIVINA: O XUSTO VIVIRÁ POLA SÚA FE
1Seguirei de pé no meu posto de sentinela,
permanecerei ergueito sobre a muralla,
e espreitarei desde o alto,
para ver o que me di, o que responde ó meu interrogante.
2Respondeume o Señor e díxome:
Escribe a visión e grávaa en taboíñas,
para que se lea de corrido,
3pois aínda volverá ser unha visión no seu momento,
falará da fin e non mentirá.
Se tarda, espéraa, pois virá e non demorará.
4Velaí: o temerario faise forte,
o seu alento camiña con el,
pero o xusto vivirá pola súa fe.
5Velaí: a riqueza é traidora,
o varón soberbio non terá éxito,
el, que anchea a súa gorxa coma o Xeol,
e é coma a Morte que non farta,
recada para xunto a si todos os pobos,
amorea ó seu lado todas as nacións.
Serie de maldicións, en contexto cúltico de lamentación colectiva
6Logo non lle entoarán todos estes un proverbio,
non entoarán sátiras e epigramas contra el? Dirán:
—Ai do que xunta o que non é seu! —ata que día?—
e do que carga sobre si fianzas!
7Non se levantarán de repente os teus acredores,
e non espertarán os teus opresores?
Non serás para eles unha presa fácil?
8Xa que ti saqueaches pobos numerosos,
todo o resto dos pobos te saquearán a ti,
por causa do sangue que vertiches,
pola túa violencia contra o país,
contra a cidade e todos os seus habitantes.
9Ai do que amorea ganancias inxustas para a súa casa!,
para pó-lo seu niño máis alto,
para librarse da man da desgraza.
10Vergonza foi o que ti decidiches para a túa casa,
abatendo a pobos numerosos,
si, pecaches contra ti mesmo.
11A pedra clamará desde a parede,
a trabe responderalle desde o teito.
12Ai do que constrúe unha cidade con sangue,
e do que fundamenta unha fortaleza no crime!
13Non é vontade do Señor dos Exércitos,
que os pobos traballen para o lume,
e que as nacións cansen en van.
14Pois toda a terra coñecerá a gloria do Señor,
como as augas enchen o mar.
15Ai do que lles dá de beber ós veciños,
mesturándolles droga na bebida,
emborrachándoos para lles ver as súas vergonzas.
16Fartácheste de ignominia máis ca de gloria;
bebe ti tamén, e mostra o teu prepucio!
A copa da dereita do Señor volverase contra ti,
e a ignominia volverase contra a túa gloria.
17A túa violencia contra o Líbano caerá sobre ti,
e a matanza de animais baixará sobre ti,
por causa do sangue que vertiches,
pola túa violencia contra o país,
contra a cidade e todos os seus habitantes.
18Que vale unha imaxe esculpida? É obra do seu artista.
Que vale unha imaxe de metal? É un oráculo de mentira.
Confía nela o artista que a esculpiu,
facendo deuses mudos.
19Ai do que lle di á madeira: "esperta",
e á pedra: "levántate"!
O silencio é o seu oráculo.
Óllao aí amarrado con ouro e prata,
pero ningún alento hai no seu peito.
20O contrario, o Señor está no seu santo templo:
Silencio ante a súa presenza, terra toda!
Currently Selected:
Habacuc 2: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT