Habacuc 3
3
ORACIÓN DO PROFETA NA LITURXIA DE LAMENTACIÓN COLECTIVA
1Oración do profeta Habacuc na ocasión das lamentacións.
2Señor, oín o teu renome; venerei, Señor, as túas obras.
No decurso dos anos fainas revivir,
móstraas no decorrer dos tempos;
na ira lémbrate da misericordia.
Himno
3Deus vén de Temán; o Santo, do monte Parán.
A súa maxestade cobre o ceo, e a terra está chea da súa loanza.
4O seu brillo é coma a luz, raios de luz saen da súa man.
Si, aquí está o segredo da súa forza!
5Diante del vai a Peste, e a Febre segue as súas pisadas.
6Levántase El e estremece a terra, olla El e tremen os pobos,
féndense as antigas montañas, afúndense os outeiros eternos.
Os seus camiños permanecen para sempre.
7Pola maldade vin axitarse as tendas de Cuxán, tremer de medo o país de Madián.
8É a ira do Señor a que arde contra os ríos?
Si, contra os ríos a túa cólera. Si, contra o mar o teu furor,
cando a salvación monta nos teus carros e cabalos.
9Sacas o teu arco, farto de frechas, ó falares.
Arar a terra cos ríos; 10ó vérente, danzan os montes,
pasa unha tromba de auga, e o Abismo lanza a súa voz,
o sol levanta ó alto as súas mans, 11A lúa detén a súa carroza;
as túas frechas superan a luz; o escintilar da túa lanza, o resplandor.
12Con ira fas a túa marcha a través da terra, con furor esmagas as nacións.
13Saes á campaña para salvar o teu pobo, para salvar o teu Unxido.
Esmágaslle a cabeza á familia do impío, íspeslle os alicerces ata o penedo.
14Atravesaches cos seus propios dardos
a cabeza dos xefes, que se lanzaban a dispersarnos.
Alegrábanse coma se fosen devorar a un pobre no seu refuxio.
15Ti pisaches o mar cos teus cabalos,
ti, que fas ferver as augas abondosas.
16Oíno, e estremecéronseme as entrañas; co fragor tremeron os meus labios,
a carie penetra nos meus ósos, debaixo de min cambalean os meus pasos.
Espero quedo o día da angustia, cando se erga contra o pobo que nos ataca.
17Velaí a figueira: non florece; e non hai colleita nas viñas,
falta a froita da oliveira, e o campo non produce alimento,
desaparecen as reses do curral, e non hai gando nas cortes.
18Pero eu exultarei co Señor, reloucarei co Deus da miña Salvación.
19Iavé, o meu Señor, é a miña forza, dáme pés de gacela,
e faime camiñar sobre as alturas.
"Do mestre de coro. Para instrumentos de corda".
Currently Selected:
Habacuc 3: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT