Xénese 48
48
Xacob bendí ós fillos de Xosé
1Pasado algún tempo, dixéronlle a Xosé: —"Teu pai está mal". Entón Xosé tomou consigo a seus dous fillos, Menaxés e Efraím. 2Déronlle a Xacob a nova: —"Teu fillo Xosé vénte ver".
Israel fixo un esforzo e sentouse no leito. 3E díxolle a Xosé: —"O Deus todopoderoso aparecéuseme en Luz, na terra de Canaán, e bendiciume. 4Díxome: Eu fareite fecundo, multiplicareite, trocareite nunha asemblea de pobos. Os teus descendentes dareilles esta terra en posesión duradeira. 5Os dous fillos que che naceron en Exipto, antes de chegar eu onda ti, serán agora meus fillos. Efraím e Menaxés son para min coma Rubén e Simeón. 6Os fillos que che nazan despois deles serán teus; mais a súa herdade levará o nome dos irmáns. 7Cando eu viña de Padán, morreume Raquel, en Canaán, no camiño onde está a tumba cerca de Efrátah. E enterreina alí mesmo, no camiño de Efrátah, que é Belén".
8Reparando Israel nos fillos de Xosé, preguntou: —"E estes quen son?"
9Xosé respondeulle a seu pai: —"Son meus fillos, os que Deus me deu aquí".
Dixo el: —"Tráemos aquí, que os bendiga". 10Os ollos de Israel, cargados pola vellez, non distinguían. Xosé acercoulle os fillos, e el bicounos e abrazounos. 11Israel díxolle a Xosé: —"Non contaba con verte, e Deus permitiume verte a ti e ós teus descendentes".
12Xosé retirou os nenos de entre os xeonllos de seu pai e prostrouse por terra. 13Despois colleunos ós dous, a Efraím coa súa dereita, á esquerda de Israel, e a Menaxés coa súa esquerda, á dereita de Israel, e achegounos a seu pai.
14Israel, cruzando os brazos, estendeu a dereita, e púxoa na cabeza de Efraím, o máis novo dos irmáns, e a esquerda na cabeza de Menaxés o primoxénito. 15E bendiciu a familia de Xosé:
—"O Deus ante quen camiñaron meus pais, Abraham e Isaac,
o Deus que foi o meu pastor, desde que existo ata hoxe,
16o anxo que me librou de todo mal, bendiga estes nenos.
Que resoe neles o meu nome e o de meus pais, Abraham e Isaac,
e que se convertan nun xentío sobre a terra".
17Percatouse Xosé de que seu pai puña a dereita na cabeza de Efraím, e pareceulle mal. E colleu a man de seu pai para tirala da cabeza de Efraím e levala á de Menaxés, 18dicindo: —"Así non, meu pai; o primoxénito é este. Pon na súa cabeza a túa dereita".
19Pero o pai negouse a facelo: —"Xa o sei, meu fillo, xa o sei. Tamén este chegará a ser un pobo; tamén el medrará moito. Pero seu irmán máis novo será máis ca el e os seus descendentes farán moitas nacións". 20E coa mesma bendiciunos:
—"No voso nome felicitarase Israel e dirá:
Fágate Deus coma a Efraím e a Menaxés".
E puxo a Efraím por diante de Menaxés.
21Israel díxolle a Xosé: —"Ves que me atopo xa á morte. Deus estará convosco, e levaravos outra vez á terra de vosos pais. 22A maiores do que lles deixo a teus irmáns, a ti douche unha parte que lles arrebatei ós amorreos coa miña espada e co meu arco".
Currently Selected:
Xénese 48: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT