Xénese 47
47
Xacob diante do faraón
1Xosé foille dar a nova ó faraón: —"Chegaron de Canaán meu pai e meus irmáns, cos seus fatos, os seus gandos e todas as súas posesións, e están na terra de Goxén". 2Levaba consigo cinco dos irmáns e presentoullos ó faraón.
3O faraón preguntoulles: —"Cál é a vosa ocupación?"
Respondéronlle eles: —"Os teus servos son pastores de rabaños, o mesmo ca nosos pais". 4E engadiron: —"Viñemos buscar asento nesta terra, pois en Canaán faltan pastos para os rabaños dos teus servos, e a fame pesa por alá. Deixa ós teus servos asentarse na bisbarra de Goxén".
5O faraón díxolle a Xosé: —"Agora que teu pai e teus irmáns chegaron onda ti, 6Aí ter a terra de Exipto. Acomódaos onde mellor che pareza de todo o país; que habiten na terra de Goxén. E se pensas que entre eles hai homes dispostos, ponos á fronte da garda dos meus gandos".
7Xosé levou a seu pai Xacob e presentoullo ó faraón. Xacob bendiciu ó faraón.
8Este preguntoulle a Xacob: —"Cantos anos tes?"
9El respondeulle: —"Cento trinta son os anos da miña peregrinación. A miña vida é curta e chea de traballos, e non alcanza a onde chegou a vida de meus pais na súa peregrinación". 10Xacob bendiciu ó faraón e logo saíu da súa presenza.
11Xosé acomodou a seu pai e a seus irmáns, dándolles propiedades en Exipto, en terra boa, na bisbarra de Ramsés, conforme dispuxera o faraón.
12Xosé mantiña a seu pai, a seus irmáns e a toda a súa casa, conforme o seu número.
Goberno agrario de Xosé
13O pan faltaba xa na terra toda, e a fame era tan dura, que Exipto e Canaán desfalecían. 14Xosé recolleu a prata toda de Exipto e Canaán, pola venda do trigo, e amoreou o diñeiro no pazo do faraón. 15Acabouse o diñeiro en Exipto e en Canaán, e todos seguían acudindo a Xosé: —"Dános pan, ou morreremos aquí mesmo. O diñeiro acabouse".
16Xosé respondeulles: —"Se se acabou o diñeiro, traédeme os vosos gandos; dareivos o gran por eles". 17Eles trouxeron os gandos, e Xosé dáballes pan polos cabalos, as ovellas, as vacas, os asnos. Aquel ano proveunos de pan, a cambio dos seus gandos.
18Pasado ese ano, viñan onda el no seguinte: —"O noso señor non se lle esconde que non nos quedan cartos nin facendas para o noso señor. O noso señor pode ver que nos quedan soamente os nosos corpos e as terras. 19Teremos que perecer á túa vista? Mércanos por pan a nós e os nosos eidos, e seremos nós con eles escravos do faraón. Dános con que facer a sementeira, para que poidamos vivir e non morramos, e os nosos eidos non se convertan en deserto".
20Xosé adquiriu para o faraón as terras todas de Exipto. A fame apertaba tanto, que cada exipcio vendía os seus eidos; estes pasaban a ser propiedade do faraón. 21O pobo enteiro quedou en servidume, desde unha punta á outra do país. 22Soamente non mercou Xosé as terras dos sacerdotes, pois había en favor deles un decreto do faraón, que mandaba mantelos. Por iso os sacerdotes non venderon as súas terras.
23Xosé díxolle ó pobo: —"Vedes que agora vos adquirín a vós e as vosas terras para o faraón. Aquí tedes semente para sementar a terra. 24Cando fagades a colleita, darédeslle unha quinta parte ó faraón; as outras catro partes seranvos para semente e para mantervos vós, coas vosas familias e os vosos fillos".
25Dixéronlle eles: —"Ti déchesnos a vida. Que o noso señor nos mire con bos ollos; nós serviremos ó faraón".
26Xosé dispuxo por lei, que dura aínda hoxe, que todas as terras de Exipto paguen un quinto ó faraón. Soamente as terras dos sacerdotes non pasaron ó faraón.
Derradeira vontade de Xacob
27Israel asentou en Exipto, na bisbarra de Goxén. Adquiriu propiedades nela, reproduciuse e medrou moito. 28Xacob viviu dezasete anos en Exipto. A súa vida enteira foi de cento corenta e sete anos.
29Cando se lle aproximaba a Israel o día da morte, chamou a seu fillo Xosé e díxolle: —"Se merezo o teu favor, pon debaixo da miña coxa a túa man e xúrame que me mostrarar o amor e a lealdade de non enterráresme en Exipto. 30Cando durma con meus pais, lévame de Exipto e entérrame no seu sepulcro".
Respondeulle Xosé: —"Farei como me dis".
31Dixo Xacob: —"Xúramo". El xuroullo. E Israel debruzouse na cabeceira do seu leito.
Currently Selected:
Xénese 47: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT