YouVersion Logo
Search Icon

Xénese 44

44
A copa de Xosé
1Xosé deulle ó seu mordomo esta orde: —"Ateiga de víveres as sacas, canto poidan levar, e pon o diñeiro de cada un na boca da súa saca. 2E a miña copa, a de prata, métea na saca do máis novo, xunto co seu diñeiro". E el fixo o que Xosé lle ordenou.
3O amañecer, os homes foron despedidos e marcharon cos seus asnos. 4Saíron da cidade e, cando non ían aínda lonxe, mandou Xosé ó xefe da súa casa: —"Vai detrás deses homes e, cando os atrapes, dilles: Por que pagastes mal por ben? 5Non levades aquí a copa onde bebe o meu señor e da que se serve para adiviñar? O que fixestes está mal". 6O home atrapounos e repetiulles as palabras.
7Respondéronlle eles: —"Señor, por que nos falas dese xeito? Lonxe dos teus servos faceren semellante cousa. 8Viches que o diñeiro que encontramos na boca das nosas sacas, trouxémoscho desde Canaán. Cómo iamos roubar prata nin ouro da casa do teu señor? 9Aquel dos teus servos a quen se lle atope a copa, será reo de morte, e todos os demais quedaremos como escravos do noso señor".
10Díxolles el: —"Que sexa deste xeito: Aquel a quen se lle atope a copa será escravo meu; os demais quedaredes libres".
11Cada un baixou de seguida ó chan a súa saca, e abriuna. 12El comezou a cachear polo maior e acabou polo máis pequeno. E atopou a copa na saca de Benxamín. 13Eles esgazaron as vestiduras, cargaron os seus asnos e volveron para a cidade. 14Xudá e seus irmáns entraron na casa de Xosé que estaba aínda alí, e prostráronse por terra diante del.
15Xosé díxolles: —"Que feito é ese que fixestes? Non sabiades que un home coma min ten o poder de adiviñar?"
16Respondeulle Xudá: —"Que poderiamos responder ó noso señor? Con que palabras mostrar a nosa inocencia? Deus mostrou culpables ós teus servos. Recoñecémonos escravos de meu señor, o mesmo nós coma o que tiña a copa no seu poder".
17Dixo Xosé: —"Lonxe de min facer tal cousa. Aquel que tiña a copa no seu poder quedará por escravo meu. E vós marchade en paz para onda voso pai".
Xudá defende a Benxamín
18Dirixíndose a Xosé, dixo Xudá:
—"Rógoche, meu señor, que lle consintas ó teu servo dicir unha palabra, sen que o meu señor se anoxe. Ti es coma o faraón. 19O meu señor preguntoulles ós seus servos: Tedes pai ou algún outro irmán? 20E nós respondémoslle ó meu señor: Temos un pai xa vello e un irmán pequeno, que lle naceu na súa vellez. Un irmán seu, da mesma nai, está xa morto. Agora quedoulle só el, e o pai quéreo moito. 21Ti dixécheslles entón ós teus servos: Traédemo aquí, para que o vexa cos meus ollos. 22Nós dixemos ó meu señor: O rapaz non pode deixar só a seu pai, pois se o deixase, morrería. 23E ti dixécheslles ós teus servos: Se non vén convosco o irmán máis novo, non volveredes ver a miña cara. 24Nós volvemos para onda teu servo, noso pai, e referímoslle o que nos dixera o meu señor. 25Cando noso pai nos mandou: Volvede alá e mercade algo que comer, 26nós respondémoslle: Non podemos ir alá. Iremos, se noso irmán máis pequeno vai connosco; onda non, non poderemos presentarnos diante daquel home. 27Entón díxonos o teu servo, noso pai: Sabedes que a miña muller me deu dous fillos. 28Un deles foise de onda min, e penso que foi esnaquizado; ata hoxe non o vin máis. 29Se agora me levades estoutro e lle pasa unha desgraza, enterraredes un vello, que morre cheo de dor. 30Se eu volvo agora onda teu servo, meu pai, e non vai connosco o rapaz, téndolle o apego que lle ten, 31en vendo que el falta, morrerá, e nós enterraremos ó teu servo, noso vello pai, colmado de pesar. 32Este teu servo respondeu ante seu pai polo rapaz, xurando: Se non che volvo o rapaz, quedarei en culpa diante de meu pai por toda a vida. 33Agora pídoche que poida este teu servo quedar de escravo do meu señor no posto do rapaz, e que poida el subir con seus irmáns. 34Como podería eu volver onda meu pai, sen levar o rapaz comigo? Que eu non vexa a meu pai en tan grande aflición!"

Currently Selected:

Xénese 44: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in