YouVersion Logo
Search Icon

Xénese 43

43
Benxamín baixa a Exipto cos irmáns
1A fame apertaba en Canaán. 2Cando se lles acabaron as provisións que trouxeran de Exipto, Xacob díxolles a seus fillos: —"Volvede alá, e mercade qué comer".
3Respondeulle Xudá: —"O home aquel xurounos: Non vos quero ver diante de min, se non está convosco voso irmán. 4Se consentes, pois, que veña connosco noso irmán, iremos alá e poderemos mercar víveres. 5Pero se non consentes, non iremos, pois aquel home díxonos: Non vos quero ver diante, se non está convosco o voso irmán".
6Díxolles Israel: —"Por que me fixestes este mal de lle dicir a aquel home que tiñades outro irmán?"
7Respondéronlle: —"O home aquel non paraba de preguntarnos acerca de nós e das nosas familias: Vive aínda voso pai? Tedes algún outro irmán? Nós respondiamos a todo o que el nos preguntaba. Como podiamos sospeitar que nos diría: Traédeme a voso irmán".
8Xudá díxolle entón a Israel seu pai: —"Deixa vir comigo o rapaz, e vaiamos xa, para salvar a vida. Doutro xeito morreremos, ti, nós e nosos fillos. 9Eu respondo polo rapaz. Ti poderasme pedir contas. Se non cho traio de volta e non cho poño diante, quedarei en culpa contigo para sempre. 10Se non fose por estas dúbidas, agora estariamos xa de volta dúas veces".
11Díxolles seu pai Xacob: —"Se ten, pois, que ser, facede como vos digo: collede uns cestos cos mellores froitos do país e levádelle un regalo a aquel home: un pouco de resina, un pouco de mel, goma, mirra, láudano, pistachos e améndoas. 12Levade tamén convosco o dobre do diñeiro e volvédelle o que puxeron na boca das vosas sacas, pois se cadra foi un erro. 13Collede a voso irmán e ide ver a aquel home. 14Que o Deus todopoderoso faga que teña dó de vós e deixe vir convosco a voso irmán e a Benxamín. Canto a min, se teño que quedar só, quedarei".
Benxamín con Xosé
15Os homes colleron consigo os regalos, o dobre do diñeiro e a Benxamín, encamiñáronse para Exipto e presentáronse a Xosé. 16Cando Xosé viu a Benxamín cos irmáns, díxolle ó seu mordomo: —"Leva estes homes para a casa, mata un animal e prepárao, pois xantarán comigo". 17O criado cumpriu o que o amo lle mandara: levou os homes á casa de Xosé.
18O vérense conducidos á casa de Xosé, os homes colleron medo, pois pensaban: —"Tráennos aquí por culpa do diñeiro que a primeira vez puxeron nas nosas sacas, para botarse en nós, baternos, converternos en escravos e quedaren cos nosos asnos". 19Entón acaroáronse ó mordomo de Xosé e dixéronlle, á porta da casa: 20—"Escóitanos, señor. Nós xa viñemos outra vez para mercarmos víveres. 21Mais, en chegando, de volta, á pousada, abrimos as nosas sacas e na boca de cada saca atopamos o diñeiro que antes pagaramos. Agora aquí o traemos. 22Para mercarmos novos víveres, trouxemos outros cartos. Non sabemos quen puido meter nas nosas sacas o diñeiro".
23Díxolles el: —"Estádevos tranquilos e non teñades medo. O voso Deus e Deus dos vosos pais púxovos nas sacas o tesouro. O voso diñeiro eu recibino". E tróuxolles a Simeón. 24Logo fíxoos entrar na casa de Xosé, deulles auga para lavaren os pés, e ós asnos botoulles penso.
25Eles dispuxeron os regalos para cando chegase Xosé, ó mediodía, pois oíran que xantarían alí con el. 26Cando Xosé entrou na casa, presentáronlle os regalos que trouxeran, e prostráronse no chan.
27Xosé preguntoulles: —"Como estades? O voso vello pai, de quen me falastes, está ben? Vive aínda?"
28Eles dixeron: —"Os teus servos están ben, noso pai vive aínda". E prostráronse por terra outra vez.
29Nisto puxo Xosé os ollos en Benxamín, seu irmán, fillo da mesma nai, e preguntou: —"É este voso irmán máis pequeno, do que me falastes?" E coa mesma díxolle a el: —"Deus te garde, meu fillo". 30E retirouse axiña, pois, conmovido á vista do irmán, tiña ganas de chorar. Entrou na súa cámara e chorou. 31Logo lavou a cara e saíu. E mandou servir o xantar.
32Servíronlle a el por un lado, ós seus irmáns por outro, e á parte ós exipcios que o acompañaban, pois ós exipcios estalles prohibido comer onda os hebreos; téñeno por cousa mala. 33Sentados fronte a Xosé, comezando o primoxénito e rematando o máis novo, ollábanse admirados uns ós outros. 34Xosé mandáballes talladas da súa mesa. A tallada de Benxamín era cinco veces máis grande. Eles beberon e alegráronse na compaña de Xosé.

Currently Selected:

Xénese 43: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in