YouVersion Logo
Search Icon

Xénese 45

45
Xosé descóbrese ós irmáns
1Xosé non puido xa conterse máis diante da súa corte e mandou que saísen todos. Non quedou ninguén con el, cando se deu a coñecer a seus irmáns. 2Entón Xosé botouse a chorar, de xeito que o oían os exipcios ata o pazo do faraón.
3Díxolles a seus irmáns: —"Eu son Xosé. Vive aínda meu pai?" Pero os irmáns non lle podían responder, por quedaren estarrecidos diante del.
4Xosé díxolles: —"Achegádevos aquí". Eles achegáronse. E el repetiu: —"Eu son Xosé, voso irmán, o que vendestes para Exipto. 5Agora non vos aflixades nin vos pese de me vender, pois para manter vidas mandoume Deus aquí diante de vós. 6Van dous anos de fame na terra; pero quedan aínda cinco sen sementeira nin colleita. 7Deus mandoume diante de vós, para asegurarvos a escapada da morte no país e para facervos sobrevivir, con vistas á gran liberación. 8Polo mesmo non fostes vós os que me mandastes aquí. Foi Deus que fixo de min ser coma un pai para o faraón, dono da súa casa, gobernador da terra toda de Exipto. 9Volvede onda meu pai e dicídelle que o seu fillo Xosé lle manda dicir isto: Deus fíxome señor de todo o Exipto. Ven sen deterte ó meu lado. 10Asentarás na terra de Goxén e alí estaredes cerca de min, ti e mais os teus fillos, os teus netos, os teus fatos, os teus gandos e todas as túas posesións. 11Eu mantereite alí, pois quedan aínda por diante cinco anos de fame, de xeito que non pases miseria ti, nin a túa familia, nin os teus servos. 12Os vosos ollos e os de meu irmán Benxamín están vendo que son eu mesmo quen vos fala. 13Contádelle a meu pai do meu poder en Exipto e de todo o que vistes. E traédemo aquí axiña".
14Abrazando a seu irmán Benxamín, botouse a chorar; Benxamín choraba tamén, abrazado a el. 15Bicou a todos os irmáns e chorou con eles. E seguiron falando uns cos outros.
O faraón abre a Xacob as portas de Exipto
16Ata o pazo do faraón correu a voz: —"Viñeron os irmáns de Xosé". E pareceulles ben ó faraón e ós seus ministros.
17O faraón díxolle a Xosé: —"Manda a teus irmáns que carguen os asnos e vaian a Canaán, 18que collan a seu pai e as súas familias e que se veñan onda min. Dareilles do mellor que hai en Exipto, e poderán comer do máis prezado da terra. 19Dilles tamén que leven de aquí carros, para traeren neles os nenos, as mulleres e a seu pai. E que se veñan. 20Que non lles doia deixar alá cousas, pois o mellor de Exipto é para eles".
21Os fillos de Israel cumpriron o mandado. Seguindo a orde do faraón, Xosé proveunos de carros e de provisións para a viaxe. 22A cada un deulle tamén un vestido para se mudar. A Benxamín deulle trescentas moedas de prata e cinco mudas. 23Para seu pai mandou Xosé dez asnos cargados coas cousas mellores de Exipto, e dez asnos con pan e provisións para a viaxe. 24O despedilos, díxolles Xosé ós seus irmáns: —"Non rifedes polo camiño".
25Eles saíron de Exipto e chegaron a Canaán, onda Xacob seu pai. 26E contáronlle a nova: "Xosé vive aínda, e goberna o Exipto enteiro". Xacob quedou desconcertado, porque non o podía crer. 27Eles referíronlle todo o que Xosé lles dixera. O ver Xacob os carros que mandaba Xosé para levalo, reviviulle o espírito. 28E dixo Israel: "Chégame con que o meu fillo Xosé viva. Irei velo, antes de morrer".

Currently Selected:

Xénese 45: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in