YouVersion Logo
Search Icon

Xénese 42

42
Primeiro encontro de Xosé con seus irmáns
1Soubo Xacob que había á venda trigo en Exipto, e díxolles ós fillos: —"Que facedes aí mirando? 2Oín que hai trigo á venda en Exipto. Ide alá, mercade para vivirmos e non morrermos de fame".
3Baixaron, pois, a Exipto dez dos irmáns de Xosé, para mercaren alí trigo, 4Xacob non deixou ir con seus irmáns a Benxamín, o irmán de Xosé, por medo de que lle puidese pasar unha desgraza. 5Os fillos de Israel ían mercar trigo entre outros moitos, pois había fame en todo o país de Canaán.
6Xosé era quen mandaba en Exipto e quen vendía o trigo a todo o mundo. Chegados onda el, os irmáns prostráronse por terra. 7En canto Xosé os viu, recoñeceunos; pero el non se lles deu a coñecer, senón que lles falou con dureza. Preguntoulles: —"Vós de onde vindes?"
Eles responderon: —"Vimos do país de Canaán para mercar víveres".
8Xosé recoñecía a seus irmáns, pero eles non recoñecían a Xosé. 9Xosé acordouse dos soños que tivera acerca deles, e díxolles: —"Vós sodes espías. Viñestes pescudar os lados febles do país".
10Respondéronlle eles: —"Non é así, señor. Os teus servos viñeron para adquirir víveres. 11Somos fillos dun mesmo pai, xente de ben. Os teus servos non son espías".
12El insistiu: —"Non é certo. Viñestes pescudar os lados febles do país".
13Responderon: —"Nós, os teus servos, eramos doce irmáns, fillos dun mesmo pai, na terra de Canaán. O máis pequeno quedou co noso pai, e o outro xa faltou".
14Díxolles Xosé: —"A verdade é o que vos dixen, que vós sodes espías. 15Pero vouvos pór á proba. Pola vida do faraón, que non sairedes de aquí, namentres non veña convosco o voso irmán máis pequeno. 16Mandade un de vós para que o traia. Os demais quedades presos. Comprobarase se dixestes a verdade. E se non, pola vida do faraón, que sodes espías". 17E tívoos detidos tres días.
18O terceiro día díxolles: —"Eu son un home que cre en Deus. Facede como vos digo, e salvaredes a vida. 19Se sodes xente de ben, un de vos quedará preso no cárcere onde estades, e os demais iredes levar o trigo que mercastes, ás vosas xentes famentas. 20Despois diso traerédesme a voso irmán máis novo, para que se comprobe o que dixestes e non teñades que morrer". Eles fixérono así. 21Niso dicíanse uns ós outros: —"Abofé somos culpados polo que lle fixemos ó noso irmán. Vímolo no apuro, suplicándonos, e non lle fixemos caso. Por iso nós vémonos agora no apuro". 22Entón dixo Rubén: —"Non vos dicía eu: Non lle fagades mal ó rapaz, e vós non fixestes caso? Por iso esíxennos agora o seu sangue".
23Eles non sabían que Xosé os entendía, pois falaran por intérprete. 24Xosé retirouse da súa vista e botou a chorar. Logo volveu para falarlles. Colleu de entre eles a Simeón e fíxoo prender á súa vista. 25Xosé ordenou logo que lles enchesen as sacas de trigo, que metesen o diñeiro de cada un na súa saca e que lles desen provisións para á viaxe. E fixérono así con eles.
O diñeiro nas sacas do trigo
26Eles cargaron o trigo nos asnos fóronse de alí. 27A noite, na pousada, un deles abriu a saca para lle dar penso ó seu burro, e atopou na boca da saca o seu diñeiro. 28Díxolles ós irmáns: —"Devolvéronme o diñeiro. Védeo aquí na saca".
Asombrados e tremendo, dicíanse uns ós outros: —"Que está facendo Deus connosco?"
29Chegados onda seu pai Xacob, en Canaán, contáronlle o que lles pasara: 30—"O señor de Exipto tomounos por espías da súa terra e tratounos con dureza. 31Nós dixémoslle que eramos xente de ben, e non espías. 32Que eramos doce irmáns, fillos do mesmo pai: que un deles xa faltara e que o máis novo quedara con noso pai en Canaán.
33O señor de Exipto díxonos: Deste xeito probarei se sodes xente de ben: un de vós ficará comigo; os demais collede os víveres para a mantenza das vosas familias, e marchade. 34Pero para outra vez traédeme convosco o irmán máis pequeno; así comprobarei que non sodes espías, que sodes xente de ben. Entón devolvereivos eu o irmán e vós poderedes mercar neste país".
35Cando baldeiraron as sacas, atoparon cadansúa bolsa do diñeiro. En vendo as bolsas, tremían eles e seu pai.
36Xacob díxolles entón: —"Ídesme deixar sen fillos! Xosé xa non está e Simeón tampouco. E agora queredes levar tamén a Benxamín. Todo cae riba de min".
37Respondeulle Rubén: —"Se non che traio de volta a Benxamín, podes matar os meus dous fillos. Déixao nas miñas mans, que eu cho volverei".
38Xacob dixo: —"Non baixará convosco o meu fillo. Seu irmán morreu, e quédame el só. Se na viaxe que fagades pasa calquera desgraza, farédesme baixar ó sepulcro cargado de dor".

Currently Selected:

Xénese 42: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in