Xénese 41
41
Os soños do faraón
1A volta de dous anos, o faraón tivo un soño. Soñou que se atopaba na ribeira do Nilo. 2Da beira do río subían sete vacas ben feitas e cebadas, e púñanse a pacer xuncos. 3Detrás delas subían outras sete, feas e ensumidas e parábanse onda as primeiras, á beira do río. 4As vacas feas e ensumidas devoraban as sete ben feitas e cebadas.
5Volveu durmir e tivo outro soño: sete espigas saían dun só pé, todas graúdas e boas. 6Despois delas agromaban outras sete, miúdas e queimadas. 7As espigas miúdas devoraban as sete graúdas e cheas. E o faraón espertou. Fora todo un soño.
8Pola mañá, inquedo polo soño, mandou o faraón convocar os adiviños e os sabios de Exipto, e contoulles o seu soño. Mais ninguén sabía interpretarllo.
9Nisto díxolle o copeiro maior ó faraón: —"Agora recordo a miña culpa. 10Alporizado connosco, o faraón fixéranos deter a min e mais ó panadeiro maior, na casa do xefe da garda. 11Unha noite tivemos un soño cada un, cada soño co seu significado. 12Estaba alí connosco un mozo hebreo, servo do xefe da garda, contámoslle os soños, e el interpretounos, cada un conforme o seu significado. 13E xustamente como el interpretou, así aconteceu: eu volvín ó meu oficio; ó outro, en troques, colgárono".
14O faraón mandou chamar a Xosé. Sacárono do alxube, afeitouse, cambiou a roupa e presentouse ó faraón. 15O faraón díxolle: —"Tiven un soño, e non hai quen o interprete. Oín dicir que ti interpretas un soño en oíndo contalo".
16Xosé respondeulle ó faraón: —"Eu non; mais Deus ten a resposta, para ben do faraón".
17O faraón contoulle a Xosé: —"Soñei que me atopaba na ribeira do río. 18Del subían sete vacas cebadas e ben feitas, e pacían nos xuncos. 19Despois delas subían outras sete vacas ensumidas, moi feas e tan secas coma endexamais se viran en todo o Exipto. 20As vacas fracas e ensumidas devoraban as sete cebadas. 21Mais despois de comelas, non daban mostras de máis fartas; tiñan tan mal aspecto coma antes. E espertei.
22Volvín soñar, e vin sete espigas saíndo dun so pé, graúdas e boas. 23Despois delas agromaban outras sete, febles, miúdas e agostadas. 24As espigas miúdas devoraban as espigas boas. Contéillelo ós meus magos, e ninguén me deu explicación".
25Xosé díxolle ó faraón: —"Os soños do faraón son todos un. Deus revélalle ó faraón o que está para facer. 26As sete vacas boas e as sete espigas boas son sete anos. As dúas cousas son un só soño. 27As sete vacas esgotadas e feas que soben detrás delas, e as sete espigas miúdas e murchas son sete anos de fame. 28Como acabo de dicir ó faraón, Deus revélalle con iso o que está para facer. 29Van vir sete anos de moita fartura en todo o país de Exipto. 30Pero tras deles virán sete anos de fame, que farán esquecer toda a fartura que houbo antes, e aflixirán todo o país. 31A fame que virá será tan pesada, que non deixará sinal da fartura. 32O feito de que o soño do faraón se repetise proba que Deus confirma esta cousa e que se dará présa en cumprila. 33Agora, que o faraón busque un home intelixente e asisado e que o poña á fronte de Exipto; 34que nomee gobernadores no país e que faga recadar un quinto dos produtos da terra nos sete anos de fartura. 35Que se recollan víveres nos anos bos que veñen, e que, baixo a autoridade do faraón, entullen trigo para comer e o garden nas cidades. 36Os víveres serán reserva para o país nos sete anos de fame que virán, para que Exipto non pereza de fame".
Xosé vicerrei de Exipto
37A proposta de Xosé pareceulle ben ó faraón e a todos os seus ministros. Aquel preguntoulles a estes: 38—"Atopariamos un home tan cheo do espírito de Deus como o está este home?" 39E díxolle a Xosé: —"Polo feito de que Deus che revelase todo isto, non hai outro home tan intelixente e asisado coma ti. 40Estarás á fronte da miña casa. O pobo todo obedecerá as túas ordes; soamente polo trono estarei por riba de ti." 41E engadiu: —"Olla que che dou o mando de toda a terra de Exipto".
42O faraón tirou o anel do selo do seu dedo e púxoo no de Xosé. Fíxoo vestir de roupa de liño e púxolle un colar de ouro no pescozo. 43Mandouno montar no carro do vicerrei e que pregoasen ó seu paso: —"Axeonlládevos". Con iso púñao á cabeza de todo o país de Exipto.
44Díxolle o faraón: —"Eu son o faraón. Ninguén en todo o Exipto moverá a man nin o pé, sen contar contigo". 45O faraón púxolle a Xosé o nome de Safenat Panéah e deulle por muller a Asenat, filla de Potifera, sacerdote de On. Xosé saíu para percorrer a terra de Exipto.
46Tiña Xosé trinta anos cando se presentou ó faraón, e saíu da súa presenza para percorrer as terras todas de Exipto. 47Nos sete anos de fartura a terra deu froitos a manchea. 48Xosé axuntou os víveres dos sete anos de fartura e entullounos nas cidades, en cada unha os produtos das terras do arredor. 49Recolleu tanto trigo coma as areas do mar ata deixar de medilo, pois xa non o daba medido.
Os fillos de Xosé
50Antes que chegase o primeiro ano da fame, nacéronlle dous fillos a Xosé. Deullos Asenat, filla de Potifera, sacerdote de On. 51O primoxénito chamouno Menaxés pensando: "Deus fíxome esquecer os meus traballos e a casa de meu pai". 52O segundo chamouno Efraím: "Deus fíxome frutificar na terra da miña aflición".
Os anos da fame
53Acabáronse os sete anos de fartura en Exipto e 54empezaron a chegar os sete anos de fame, que Xosé agoirara. En todos os países houbo fame, e só en Exipto había pan.
55O estenderse a fame polo Exipto, o pobo clamaba por pan ó faraón, e el dicíalles a todos os exipcios: —"Ide onda Xosé, e facede o que el vos diga". 56A fame estendeuse por toda a terra adiante. Xosé abriu os celeiros e repartía ós exipcios, cando a fame apertaba en Exipto. 57Pero de todos os países viñan xentes a Exipto, para mercaren gran onda Xosé, pois a fame apertaba en toda a terra.
Currently Selected:
Xénese 41: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT