YouVersion Logo
Search Icon

Ezequiel 5

5
O rapado e afeitado do profeta, sinal da destrución de Xerusalén
1—E ti, fillo de Adam,
colle unha coitela ben afiada,
colle unha navalla barbeira,
e pásaa pola túa cabeza e máis pola túa barba.
Despois colle unha balanza de pesar e distribúe o pelo en partes.
2Unha terceira parte quéimaa no lume no medio da cidade,
cando se acaben os días do asedio;
logo colle outro terzo e dálle cortes coa espada
todo ó arredor da cidade;
e o outro terzo esparéxeo ó vento:
certo, eu desenfundarei a espada tras eles.
3Destes últimos pelos collerás unha pequena cantidade
e meteralos ben apertados na dobrez do teu manto;
4logo volverás coller algúns deles
e botaralos no medio do lume e queimaralos nel,
e deste lume sairá un incendio para toda a casa de Israel.
5Isto di o Señor, Iavé:
—Esta é Xerusalén!
Púxena no medio dos pobos,
arredor dela puxen países;
6pero rebelouse contra as miñas ordes,
é máis desleal cós pobos pagáns;
rebelouse contra os meus preceptos
é máis desleal cós países
que hai ó seu arredor.
Rexeitaron as miñas ordes,
non se comportaron conforme os meus preceptos.
7Por isto así fala o Señor, Iavé:
—Xa que a vosa seguridade proviña das nacións
que se atopaban ó arredor voso,
non seguistes os meus preceptos,
nin cumpristes as miñas ordes,
e nin sequera vos comportastes de acordo cos costumes
dos pobos que están ó arredor voso.
8Por isto así fala o Señor, Iavé:
—Olla: eu estou contra ti, eu mesmo,
para facer en ti xustiza á vista dos pobos.
9Farei en ti o que nunca fixen,
nin volverei facer cousa semellante,
por causa de todas as túas abominacións.
10Pois os pais devorarán os fillos no medio de ti
e os fillos devorarán a seus pais;
e executarei a sentencia en ti,
ó esparexer ós catro ventos o que queda de ti.
11Pois, pola miña vida é o Señor, Iavé, quen fala,
por teres profanado o meu santuario cos teus ídolos
e coas túas abominacións,
xuro que tamén eu te rexeitarei,
e que o meu rostro non terá compaixón de ti
e eu tampouco non te perdoarei.
12Unha terceira parte de ti morrerá pola espada
e consumirase de fame no medio de ti;
o outro terzo caerá pola espada ó arredor de ti;
e ó último terzo esparexereino ós catro ventos
e logo desenfundarei a espada tras eles,
13e a miña ira chegará á fin,
desabafarei o meu furor contra eles,
e quedarei tranquilo
cando o meu furor contra eles chegue á fin:
entón daranse conta de que eu son o Señor que falei coa paixón dos meus celos.
14Pois eu á vista de todos os que pasan
convertereite nunha morea de ruínas
e nunha vergonza entre todos os pobos que están ó teu arredor,
15e serás para todos os pobos que están ó teu arredor
obxecto de vergonza e de escarnio,
de escarmento e horror,
cando faga en ti xustiza con ira e furor,
con furiosos castigos.
Son eu, o Señor, quen o digo.
16Cando eu lance as fatídicas frechas da fame,
vós seredes destruídos por elas,
que se converterán no destrutor,
pois son eu quen as lanzarei.
Aumentareivos a fame e privareivos da abundancia de pan.
17Mandarei contra vós fame e animais salvaxes:
deixarante sen fillos,
pois a peste e mais o sangue pasarán por ti,
e mandarei a espada contra ti.
Eu, o Señor, son quen o di.

Currently Selected:

Ezequiel 5: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in