Ezequiel 6
6
A devastación dos montes idolátricos levará ó recoñecemento do Señor
1Veume a palabra do Señor nestes termos:
2Fillo de Adam, dirixe o teu rostro cara ás montañas de Israel
e profetiza contra elas.
3Dilles: Montañas de Israel, escoitade a palabra do Señor, Iavé!
Así lles fala o Señor Deus ás montañas e ós outeiros,
ós regueiros e ás veigas:
Velaquí que eu mando a espada contra vós
e destruirei os santuarios dos vosos outeiros;
4serán arrasados os vosos altares de sacrificios,
esnaquizados os vosos altares de queimar incenso,
e farei que caian os vosos mortos diante dos vosos ídolos.
5Poñerei os cadáveres dos fillos de Israel
diante dos seus altares.
Esparexerei os vosos ósos ó arredor dos vosos altares.
6En todas as vosas bisbarras
as cidades quedarán devastadas,
e os santuarios dos vosos outeiros
quedarán destruídos,
de xeito que os vosos altares de sacrificio
queden arrasados, esnaquizados os vosos ídolos,
desfeitos os vosos altares para queimar incenso
e desaparezan os que son obra vosa.
7No medio voso caerán mortos os homes
e vós recoñeceredes que eu son Iavé.
8Cando de vós non queden máis cós que escaparon da espada
por entre as nacións, eu manterei un resto;
cando vos vexades esparexidos por entre os países,
9os que de vós escaparon lembraranse de min
nas nacións onde sexan deportados,
pois eu farei que se rompa o seu corazón prostituído
que se apartou de min,
e os seus ollos prostituídos que se foron tralos ídolos;
sentirán nas súas caras a vergonza
polas maldades que cometeron,
por todas as súas abominacións.
10Entón recoñecerán que eu son o Señor,
non en van lles dixen que lles causaría tal desgraza.
11Así fala o Señor, Iavé:
Bate as túas palmas, patea cos teus pés e di:
Ai de todas as malignas abominacións
da casa de Israel!
Por fin! A casa de Israel caerá pola espada, de fame e mais de peste.
12Os que están lonxe morrerán de peste,
os que están cerca caerán pola espada,
os que queden asediados morrerán de fame:
eu chegarei ó colmo da miña ira contra eles.
13Coñeceredes que eu son o Señor
cando os seus mortos estean entre os seus ídolos,
ó arredor dos seus altares,
sobre todo outeiro elevado,
en toda cima de montaña,
debaixo de toda árbore frondosa
e debaixo de toda aciñeira retorta,
lugares onde eles ofrecen recendentes perfumes ós seus ídolos.
14Estenderei o meu brazo contra eles
e converterei esta terra nunha desolación:
unha desolación en todas as súas bisbarras
desde o deserto ata Diblah.
Entón recoñecerán que eu son o Señor.
Currently Selected:
Ezequiel 6: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT