Ezequiel 4
4
SERIE DE XESTOS SIMBÓLICOS ACERCA DA CAÍDA DE XERUSALÉN
O asedio da vila, marcado nun ladrillo
1—Oe ti, fillo de Adam, colle un ladrillo,
pono diante de ti e grava nel unha cidade: Xerusalén;
2pon contra ela un asedio,
constrúe contra ela muros de asalto,
levanta contra ela ramplas;
pon contra ela campamentos militares,
e coloca contra ela arietes todo ó arredor.
3E ti, colle unha tixola de ferro
e pona de muro entre ti e esta cidade;
dirixe a túa face cara a ela;
quedará en asedio, pois ti montarás asedio contra ela.
Isto é un sinal para a casa de Israel.
O profeta expía a iniquidade do pobo
4Oe ti, déitate para o teu lado esquerdo,
e pon para este lado as iniquidades da casa de Israel:
cantos días te deites para este lado,
outros tantos soportarás as súas iniquidades.
5Pero eu sináloche en número de días os anos das súas iniquidades:
trescentos noventa días,
que ti cargarás coa iniquidade da casa de Israel.
6O acabares estes días, déitate de novo para o lado dereito,
para cargares coas iniquidades da casa de Xudá
durante corenta días, día por ano:
márcoche o tempo, día por ano.
7Mantén a túa cara e mais o teu brazo
do lado do asedio de Xerusalén
e profetizarás contra ela.
8Velaí que che poño cordas
e non poderás dar a volta dun lado para o outro,
ata acabares os días de estares atado.
A comida impura e taxada do profeta, símbolo do asedio
9Oe ti, colle para ti trigo e mais cebada,
fabas e lentellas, millo e centeo mocho:
pon todo nunha ola
e logo con todo isto farás para ti pan,
que has comer todos os días que estarás deitado de lado:
trescentos noventa días.
10E a túa comida, que ti comerás taxada,
será de vinte siclos por día,
comerala de día en día.
11A auga beberala taxada:
un litro e cuarto,
beberala de día en día.
12Unha bola de pan de cebada é o que ti comerás;
cocerás a bola na presenza deles
con excrementos humanos.
13E dixo o Señor:
—Deste mesmo xeito comerán os fillos de Israel o seu pan impuro
nas nacións onde eu os dispersarei.
14E repuxen:
—Ai, meu Señor, Deus! Fíxate: a miña gorxa nunca estivo lixada,
nunca comín carne morta nin res matada por unha fera
desde a miña nenez ata hoxe,
nin entrou na miña boca carne impura.
15El respondeume:
—Pois ben, permítoche bosta de vacas
en vez de excremento humano,
para faceres o teu pan sobre ela.
16Logo díxome:
—Fillo de Adam, velaí que vou suprimir o subministro de pan a Xerusalén:
van comer o pan taxado e con preocupacións,
e van beber a auga racionada, e con medo
17de que lles falte o pan e mais a auga;
deste xeito vivirán atemorizados uns e outros,
e consumiranse por culpa da súa iniquidade.
Currently Selected:
Ezequiel 4: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT