Ezequiel 46
46
1Así fala o meu Señor, Iavé:
A porta do adro interior que dá ó nacente estará pechada os seis días de traballo; pero o sábado e o día da lúa nova abrirase, 2para que desde fóra entre o príncipe polo vestíbulo da porta e se quede de pé xunto ós marcos desta porta. Logo, os sacerdotes ofrecerán o seu holocausto e o seu sacrificio de comuñón, e el prostrarase no vestíbulo da porta, e logo sairá. A porta non se pechará ata o serán. 3Os sábados e pola lúa nova a xente toda do país prostrarase diante do Señor, á entrada desta porta. 4O holocausto que ofrecerá o príncipe ó Señor será este: os sábados, seis años sen defecto e un carneiro sen defecto, 5e mais a ofrenda dun efah de fariña; polo carneiro e polos años, a ofrenda da súa libre vontade; e un hin de aceite, por cada efah de fariña. 6Os días da lúa nova constituirán o holocausto do príncipe un becerro, fillo de vaca, sen defecto, seis años e un carneiro, sen defecto. 7O príncipe tamén fará a ofrenda dun efah de fariña polo becerro e un efah polo carneiro e polos años, segundo libremente queira, e mais un hin de aceite por efah de fariña.
8Cando entre o príncipe, entrará polo vestíbulo da referida porta, e logo sairá polo seu mesmo camiño. 9Pero cando, durante as festas, a xente toda do país entre diante do Señor, os que entren pola porta do norte para prostrarse en adoración, sairán pola porta do sur; e os que entren pola porta do sur, sairán pola porta do norte: non se volverán atrás pola mesma porta pola que entraron, sairán por enfronte desta porta.
10O príncipe entrará con eles, cando eles entren; e, cando saian, sairán xuntos.
11Nas festas de romarías e nas solemnidades, a ofrenda consistirá nun efah de fariña polo becerro; e un efah, polo carneiro; e polos años, segundo a súa libre vontade; e un hin de aceite, por efah de fariña.
12Cando o príncipe queira ofrecer ó Señor un holocausto da súa libre vontade ou un sacrificio de comuñón da súa libre vontade, abriráselle a porta que mira ó nacente e fará o seu holocausto e o seu sacrificio de comuñón como o fai os sábados; logo sairá e pecharase a porta, despois de que el saia. 13Ofrecerás ó Señor en holocausto diario un año, fillo de ovella, sen defecto; ofreceralo todas as mañás. 14Como ofrenda, ti ofrecerás todas as mañás a sexta parte dun efah de fariña e a terceira parte dun hin de aceite para mollar a fariña: será unha ofrenda ó Señor de obrigación perpetua para sempre.
15Ofrecerán todas as mañás o año, a ofrenda e o aceite en holocausto perpetuo.
16Así fala meu Señor, Iavé:
—Cando o príncipe lle faga un regalo a algún dos seus fillos, ese regalo será para os seus fillos; a súa parte de herdanza e o dereito de propiedade deles será por herdanza. 17Cando o príncipe lle faga un regalo, do que lle pertence como herdanza, a un dos seus servidores, o regalo será del ata o ano da liberación: entón volverá ó príncipe; a súa herdanza só será para os seus fillos: é a eles a quen lles pertence. 18O príncipe non collerá nada do que é xa herdanza do pobo, expropiando as súas posesións. Das súas posesións só fará herdeiros ós seus fillos, para que ninguén do meu pobo se disperse, privado da súa propiedade.
19Pola entrada que está ó lado da porta, fíxome entrar nas habitacións do santuario reservadas ós sacerdotes, as que miran ó norte. E velaí que alí había un local na parte de atrás, cara ó poñente. 20Entón díxome:
—Este é o local onde os sacerdotes farán ferver as vítimas dos sacrificios de expiación e dos sacrificios polo pecado, e onde cocerán no forno a ofrenda, para, deste xeito, non saíren ó adro exterior e non consagraren o pobo.
21Logo fíxome saír ó patio exterior e fíxome pasar polas catro esquinas do adro, e había un patio nunha esquina do adro e outro patio na outra esquina do adro. 22Nas catro esquinas do adro había patios cercados, de corenta cóbados de longo por trinta de ancho: os catro patios das esquinas medían o mesmo. 23Os catro tiñan unha fila de claraboias todo ó redor delas, e cociñas preparadas por debaixo das claraboias todo arredor. 24Entón díxome:
—Estas son as cociñas, onde os servidores do templo cocerán os sacrificios do pobo.
Currently Selected:
Ezequiel 46: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT